martes, 28 de xuño de 2016

CONTACONTOS ESPECIAL

O último día de cole, o 22 de xuño tivemos unha agradable sorpresa. A profe Esther, que xa está xubilada, veu ao Bibliocastelo a contarlles un conto aos nenos e nenas de 1º e 2º. Pero non  nos contou  un conto calquera, senón un moi especial. Trátase de "El erizo sin espinas", un libro que escribiu e ilustrou o seu fillo Miguel Ángel como un traballo fin de máster. O tema do libro é o "bullying"  e  o protagonista é un ourizo. Os nenos e nenas pasárono xenial e están desexando que a profe Esther volva con máis historias. As ilustracións do libro son fermosísimas ! 





Moitas grazas profe Esther por dedicarnos un anaquiño do teu tempo e xa sabes que sempre eres benvida.
Moitas grazas Miguel por compartir con nós o teu  magnífico traballo. Desexámosche moita sorte e agardamos con impaciencia os teus novos traballos. Esperamos que algún día estén nos andeis do noso Bibliocastelo.  

xoves, 23 de xuño de 2016

MOITAS GRAZAS!

O martes 21 de xuño démoslle uns agasallos ao alumnado de 6º que participou como axudante de Papirus durante este curso. Entregámoslle a cada un, unha camiseta e un diploma que nos enviou a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos xunto coa Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta de Galicia por participar no programa "Voluntariado de lectura - A".
Papirus, en agradecemento polo traballo ben feito que levaron a cabo ao longo de todo o curso, agasallounos cun marcapáxinas coa súa caricatura, para que se lembren del.



Foi un pequeno acto no que lles manifestamos o noso agradecemento pola súa colaboración. Desexámoslle a todos eles e elas moita sorte na nova etapa que dentro de pouco van comezar.
MOITAS GRAZAS, RAPACES E RAPAZAS!

martes, 21 de xuño de 2016

FESTIVAL FIN DE CURSO

Onte, os alumnos e alumnas de 6º convidaron ás familias e aos compañeiros e compañeiras de 4º e 5º a un festival de despedida no Centro Social do Mar de Bueu.



Este ano como o tema do proxecto é "Un Universo de libros" argallaron a súa última posta en escena facendo un percorrido polos distintos elementos da Vía Láctea :
* Comezaron cun baile en honor ao noso astro rei, o SOL.


*O seguinte elemento que representaron foi a Terra, para o que o alumnado de 6º recompilou fragmentos de poemas en diversos idiomas (galego, castelán, inglés e francés) alusivos a mesma e recitaron cunha fermosa posta en escena.



* A continuación viñeron as ESTRELAS, representaron o nacementodunha delas cunha canción de Mclan cantada a capela polos nenos e nenas de 6º.


*Seguiron a  viaxe sideral cunha coreografía da guerra das GALAXIAS, acompañada de instrumentación musical.



*Na última actuación todo o alumnado realizou unha montaxe  de expresión corporal na que se relataba a formación do Sistema Solar, co Big-Bang como peche da actuación.



* Para rematar, a entrega de orlas e agasallos. Moita emoción e moitas bágoas como peche de ouro a unha magnífica actuación! Noraboa rapaces e rapazas !



Que un fermoso sol ilumine o novo camiño que emprendedes e unha estrela vos guíe pola senda correcta! Moita sorte! 






luns, 20 de xuño de 2016

FUNCIÓN DE FIN DE CURSO DE 2º

O pasado xoves o alumnado de 2º realizou un festival no Centro Social do Mar de Bueu para despedir o curso, que xa está a piques de rematar.
Invitaron ás familias e aos compañeiros de 1º e 3º. Representaron a obra de teatro "A nubiña Pascual" e bailaron a "Canción dos Planetas" de Enrique e Ana. Despois compartiron con todos nós  un vídeo sobre a excursión que fixeron A Xesteira.







Se queredes ver o vídeo da función, premede na imaxe.


 Estiveron xenial! Parabéns artistas!

xoves, 16 de xuño de 2016

NORABOA TRASNIÑOS!

Hoxe saíu publicada, no xornal, unha noticia que nos enche de orgullo, satisfacción e ledicia a toda comunidade educativa do CEIP Plurilingüe a Pedra. Os nosos trasniños de infantil levaron unha mención especial no certame de curtametraxes "Nós tamén creamos" da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, en colaboración coa Corporación de Radio e Televisión de Galicia e máis con OQO Editora.
Xa son superfamosos, ata saíron  na tele !
Onte foron, xunto coas súas mestras, a Santiago a recoller o galardón. Ollade que guapos e guapas están! E que satisfeitos e satisfeitas polo traballo ben feito!
Se queredes máis información premede na imaxe


Noraboa trasniños, estamos moi orgullosos de vós !!! 

mércores, 15 de xuño de 2016

GUÍA DE LECTURA PARA O VERÁN

Xa está lista a guía  de lecturas para o verán. Nesta ocasión, Papirus recoméndanos libros relacionados co PDI deste curso "Un Universo de libros" e tamén con Manuel María, o autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas.
Ollade...

Esperamos que sexan do voso agrado.

martes, 14 de xuño de 2016

UNHA GRAN NOTICIA!

Hoxe estamos de noraboa! Acaba de publicarse no Portal Educativo da Xunta de Galicia a concesión do selo "Biblioteca Escolar Solidaria" a seis centros de toda Galicia. O noso centro foi un deses centros galegos aos que se lle concedeu este galardón.
Este selo é un distintivo de calidade en termos de traballo solidario e a favor das persoa que forman parte do colectivo escolar, que recoñece a bibliotecas que fan un esforzo salientable por compensar as desigualdades no acceso aos bens culturais entre os distintos integrantes da comunidade educativa.
Se queredes máis información, premede na imaxe. 

                     

Este recoñecemento foi posible grazas ao traballo colaborativo de toda a comunidade educativa, en especial ao alumnado voluntario, ás familias e ao profesorado.
NORABOA A TODOS E TODAS !

mércores, 1 de xuño de 2016

PAPIRUS FOI DE FESTA

Este pasado domingo celebrouse na nosa vila o Corpus Christi. Como cada ano os buenenses engalanamos as nosas rúas con fermosas alfombras florais. Por suposto non podía faltar a nosa mascota. Foi o motivo central dunha delas, situada na rúa Pazos Fontenla. O deseño era unha composición baseada nos debuxos do Papirus espacial que Marc Taeger nos fixo con motivo do proxecto deste curso. Esta actividade estivo coordinada pola ANPA do cole e na confección participamos alumnos, alumnas, pais, nais e mestres. O resultado foi...








ESPECTACULAR!!!!