xoves, 22 de decembro de 2016

XA ESTÁ AQUÍ O NADAL!

Quedan tan só unhas poucas horas para a Noiteboa.
Dende o Bibliocastelo queremos desexar a toda a comunidade educativa un Bo Nadal e unhas Felices Festas. Para iso confeccionamos entre todos e todas esta fermosa postal.


Ademais pedimos colaboración ás familias para elaborar un lema que tivera que ver coa SOLIDARIEDADE e á vez co CINE. Estamos moi satisfeitos e satisfeitas co resultado acadado e queremos agradecer a participación de todos e todas que colaborastes nesta actividade. Como só podía figurar un lema na postal e despois de moito debate, o elexido foi o de Alexandra Lis Fazanes de 1ºB. Parabéns a ela e a súa familia.
Se queres ler todos os lemas preme na seguinte imaxe.


luns, 12 de decembro de 2016

GUÍAS DE LECTURA

O pasado venres, todo o alumnado do cole levou unha guía de lectura, que como todos os anos por estas datas elabora a Coordinadora de Equipos de Dinamización Lingüística do Morrazo.Este ano recolle libros de Agustín Fernández Paz, escritor moi querido por todos nós que faleceu recentemente.Tamén hai libros de Carlos Casares, autor ao que se homenaxeará o Día das Letras Galegas 2017. Ademais recolle as últimas novidades publicadas na nosa lingua.



domingo, 4 de decembro de 2016

NORABOA!!

Esta semana recibimos a gran noticia de que nos concederon un premio no III Concurso de Traballos por Proxectos dentro da modalidade "Proxectos Documentais Integrados coordinados desde a biblioteca escolar". O proxecto que presentamos e resultou gañador foi o do espazo, que levamos a cabo durante o curso pasado co título "Un universo de libros".
Se queres ver a memoria deste proxecto preme na seguinte imaxe.




Noraboa a toda a comunidade educativa que forma o CEIP A PEDRA!!
Este é un recoñecemento a un traballo en equipo ben feito, no que participamos todos e todas : familias, mestres e mestras, persoal non docente e por suposto o noso alumnado, que foron os grandes protagonistas.
Se queres máis información preme na seguinte imaxe.




sábado, 3 de decembro de 2016

VISITA A ESAD

     
Os alumnos e alumnas de 3º e 4º visitaron a Escola de Arte Dramática que está en Vigo. Nela fórmanse e prepáranse os futuros actores, actrices, directores, directoras, escenógrafas, escenógrafos, dramaturgos e dramaturgas. Contáronlles que desa escola saíron actores e actrices que están traballando en varias series da TVG como Serramoura e Pazo de familia.
Asistiron a varias clases : de interpretación, escenografía, canto e danza. Ata visitaron o taller onde preparan os decorados e o teatro onde fan as representacións.

Como broche final, uns convertéronse en actores e actrices e outros en dramaturgos e dramaturgas inventando unha divertida historia.
Foi unha visita moi interesante e divertida, na que se achegaron un pouquiño máis ao fascinante mundo do cinema e do teatro.
Aprenderon un montón de cousas, pero sobre todo, pasárono xenial. Comprobádeo ollando as imaxes.



















Se queres máis información preme na seguinte imaxe


MOITAS GRAZAS a todas as mestras e mestes da ESAD que os trataron con moito agarimo e lles fixeron pasar unha xornada inesquecible.