sábado, 31 de decembro de 2011

OBRADOIROS NADAL 2011

Como ven sendo habitual o último día de clase celebramos os Obradoiros de Nadal con distintas actividades levadas a cabo polos mestres e mestras especialistas do centro e coa colaboración de algúns PAIS E NAIS do noso alumnado que participaron con dous obradorios plásticos no 1º e no 2º ciclo. Tamén contamos co MAGO RAMÓN que coma sempre deixou a tod@s coa boca aberta cos seus trucos de maxia. Ademais a auxiliar de conversa Laura axudada pola súa curmá Zoe estiveron ao frente dun obradoiro plurilingue no que elaboraron CRACKERS. A todos eles lles damos as grazas pola súa dedicación e sobre todo por facernos pasar un tempo tan divertido.

martes, 20 de decembro de 2011

III CONCURSO DE LITERATURA MARIÑEIRA MARUSÍA DE BUEU 2011

Vense de celebrar o Concurso de Literatura Mariñeira coa participación dos centros escolares da zona. No noso cole resultamos gañadores co  1º Premio na categoría de Infantil con este precioso traballo dos nenos e nenas de 3 anos titulado "O tiburón Pepón"

No primeiro ciclo tamén obtivemos un 1º premio, esta vez foron os rapaces e rapazas de 2ºA coa súa "Pequena ollada cara o mar de Bueu"



Dentro da categoría de Traballos de investigación sobre o Mar na Ría de Bueu obtivo o 1º Premio unha alumna de 3º B Inés Hermo Sanmartín co seu traballo sobre as "Artes de Pesca" 

Se queredes saber algo máis sobre este concurso podedes acceder á páxina de BUEU INFORMA premendo na imaxe.



NORABOA A TODOS OS GAÑADORES E GAÑADORAS E BOAS FESTAS DE NADAL .

domingo, 18 de decembro de 2011

COÑECER BUEU DENDE A AULA

Esta semana o alumnado de Infantil e  1º ciclo participou nunha actividade proposta polo Obradoiro de Emprego de Bueu que tiña como principal obxectivo que os nenos e nenas coñeceran o seu pobo, Bueu. 
A través de xogos lúdicos e moi divertidos os rapaces e rapazas confirmáronnos que saben moitas cousas do lugar onde viven. 
Xogando ao twister coñeceron lugares como a Cruz de Ermelo, a Casa do Concello,  os p
Petroglifos de Abelaires...; construiron un cruceiro e un canastro; tiveron que identificar nunhas imaxes,  lugares e cousas típicas de Bueu como O Museo Masso, o Millo Corvo, o Paxaro do mal agoiro ou a Illa de Ons... e tamén clasificaron imaxes do seu pobo en catro grupos: pesca, igrexas, monumentos e natureza. 
Foi unha actividade moi dinámica e divertida como podedes ver nas fotos que atoparedes nos seguintes enlaces:

BLOG DE INFANTIL 3 ANOS

BLOG DE 1º CICLO 

FELICITACIÓN DE NADAL

Con esta postal queremos desexar a todo o noso alumnado e as súas familias o mellor nestas datas e que o Ano Novo lles depare agradables e boas sorpresas.  

sábado, 17 de decembro de 2011

RECREOS DE CONTO

O mércores 7 de decembro Anabel e Marta de 6ºB contáronnos a historia da ovella Catarina, a que lle gustaba ler na súa cadeira favorita o conto dos tres porquiños. Pero un día rompeulle e xa nada lle valía para ler contos: co tallo doíalle a espalda porque non tiña respaldo, o sofá era demasiado cómodo e quedábase durmida e o balancín movíase tanto de diante para atrás que se mareaba.
TROCO é o novo libro de Roberto Castro da editorial OQO.

Moitas grazas rapazas por manternos ao día.

xoves, 15 de decembro de 2011

REFORMAS NO BIBLIOCASTELO

Nas últimas semanas estivemos reformando o corredor do Bibliocastelo coa axuda do Obradoiro de Emprego de Bueu 2011. Eles e elas foron os que deseñaron e traballaron no fermoso decorado que se pode ver nas fotos. Moitas grazas por este impresionante castelo que nos encanta e moi boa sorte a todos e todas. 










CONCURSO DE POSTAIS DE NADAL

Como en anos anteriores o Equipo de Dinamización Lingüística en colaboración co Equipo de Biblioteca e  co Equipo de Tics convocou un concurso de postais e lemas de Nadal entre todo o alumnado do cole. Queremos dar as grazas ás familias que participaron con moito entusiasmo na actividade, presentando unhas postais moi bonitas e dunha gran calidade.  
En breve saberemos cales son as escollidas como gañadoras este ano. O noso xurado non o ten nada doado!!! 
Aquí vos deixo unha escolma pero se queredes velas todas acercádevos a exposición na entrada do cole

FOMENTO DA LECTURA. REMEDIO

sábado, 10 de decembro de 2011

O NOSO BELÉN

Aqui vos deixo unha pequena mostra en fotos do belén que está exposto na entrada do cole. Podedes pasar por alí para velo en vivo e en directo. Paga a pena ver esa obra de arte coa que todos os anos nos deleita Ramón. Dende aquí moitas grazas polo teu tempo e bo facer!!!


10 DE DECEMBRO DÍA DOS DEREITOS HUMANOS


63 anos despois da súa proclamación, segue sendo necesario lembrar esta data, 10 de decembro, na que a Asamblea Xeral das Nacións Unidas aprobou a Declaración dos Dereitos Humanos.

Necesario porque nin tan sequera nos países que asinaron esta declaración están garantidos estes dereitos en igualdade de condicións para toda a poboación. Non hai máis que botar unha ollada ao noso arredor, asomarse ás noticias.

Mais aínda así cabe pensar que un outro mundo é posible, que hai arrecendos espallados no ar que nos permiten prender unha candea pola esperanza, por estas xeracións, hoxe nen@s, adolescentes, que medran nas nosas aulas, ao abeiro das nosas Bibliotecas -das súas lecturas, da súa información, da súa formación- nen@s e adolescentes que se implican ilusionad@s e con empeño en proxectos coma "Coñecernos para querernos", nun intercambio persoal e de coñecementos con nen@s dos campamentos saharahuis, para quenes a apertura dunha biblioteca con (o Bubisher) ou sen (O Niño do Bubi) rodas, supón moito máis que un  mundo de oportunidades. Para acceder á ilusión, aos soños, á formación, ao coñecemento doutras culturas, doutro idioma.

E con esa candea acesa, brincan faíscas que prenden en case un cento de Bibliotecas Escolares Galegas, que por todo o país escollen cada unha un  fermoso álbum ilustrado para agasallar a ese recén estreado Niño do Bubi, porque, coma nas nosas propias Bibliotecas, toda inauguración é unha festa. A esa festa que é a lectura, nesas bibliotecas acubilladas na area, queremos enviar estes álbumes como aves portadoras de boa sorte, como bubishers* cheos de cor, imaxes, historias. Porque as nosas bibliotecas, @s nos@s lectores e lectoras, compartimos co Bubisher, cos lectores e lectoras das súas bibliotecas a crenza firme nos Dereitos Humanos, dende o seu 1º artigo: "Tod@s nascemos libres e iguais en dignidade e dereitos"

* O bubisher (Oenanthe leucopyga e Oenanthe leucura) é un paxariño tímido que vive na Península e tamén en África, aquí chamámoslle collalba negra e no Sáhara o seu nome significa paxaro da boa sorte, no dialecto hassaní é Bubchir بوبشير  (o da boa nova) porque adoita aniñar e criar despois das choivas, o que quer dicer que medrará a herba, algo moi importante para quen ten gando.
Bubisher é tamén o nome dun autobús-biblioteca que circula entre os campamentos do Sáhara para levar lectura e información. Ou sexa, unha biblio... pero con rodas!!!
Se queredes unirvos á iniciativa de Álbumes para o Bubisher, só tedes que poñer os vosos datos xunto ao resto das Bibes Galegas.

Texto de Maribel Serantes (CEIP Os Casais)

xoves, 8 de decembro de 2011

LER PARA MEDRAR

Dende a Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística do Morrazo elaboráronse unha guías de recomendacións de lecturas para o Nadal. Aquí vos deixo as de Infantil e Primaria para que lle botedes unha ollada. 
BOAS LECTURAS A TODOS E TODAS!!!

martes, 6 de decembro de 2011

UNHA REPORTAXE SOBRE BUEU

Os nenos e nenas de 2º curso elaboraron unha reportaxe para descubrir cousas relacionadas co mar de Bueu. Preme na imaxe para ver o resultado.



luns, 5 de decembro de 2011

VI PREMIO ARUME DE POESÍA




Rafael Villar gañou o VI Premio Arume de Poesía para nen@s que convoca a Fundación Neira Vilas, cun pequeno dicionario pirata "PATENTE DE CORSO".  
Trátase  dunha composición poética con "piratas bos e atractivos... Non son corsarios valentes senón máis ben inxenuos que esquecen cargar os canons".





domingo, 4 de decembro de 2011

ENTREGA DE PREMIOS DO CONCURSO DE CARTEIS

Á entrega de premios do concurso de carteis sobre "A violencia de xénero" convocado polo concello de Bueu asistiron as tres alumnas do noso cole que resultaron premiadas:

ISAURA FRAMIL DE AMORÍN de 5ºB que recibiu o 1º PREMIO DE PRIMARIA




MARTA NOGUEIRA PASTORIZA de 5ºB e LAURA PÉREZ NORES de 6ºA que recibiron unha MENCIÓN ESPECIAL pola calidade dos seus traballos.








RECREOS DE CONTO

 Este mércores escoitamos da man de Sabela, Veronica e Amanda de 6ºA un dos contos que máis nos gustan da editorial OQO "O PITO CAIRO" 

MOITAS GRAZAS!!!

xoves, 1 de decembro de 2011

III CONGRESO LEER.ES: MOTIVOS PARA LEER

Vense de celebrar en Madrid esta pasada fin de semana (25, 26 e 27 de novembro)  o III Congreso Leer.es. 
Baixo o lema "MOTIVOS PARA LER" tiña como obxectivo favorecer no contexto escolar os valores da lectura e fomentar a autonomía na toma de decisións en relación con que ler e para que.