Hoxe houbo sesión dobre de contacontos no Bibliocastelo. Primeiro Mariña, Noa, Ofelia e Carmen Castro representaron o conto Un máis de Olalla González e Marc Taeger.
Logo, como a rapazada quedou con ganas de máis, Gabriel leulles o conto Artur e Clementina de Adela Turín.
Noraboa! Fixéstelo xenial!! A rapazada quedou moi contenta e con ganas de máis contos.
Estes días estivemos traballando moito con Rosa Louro, a intérprete de signos do noso cole, para preparar unha panxoliña de nadal. Aquí tendes o resultado en dous videos, o primeiro grabado co alumnado e profesorado de infantil:
E no segundo participan o alumnado, o profesorado e o persoal non docente de primaria:
Xa están aquí, recén saídas do forno, as guías de lectura! Un ano máis foron elaboradas pola Coordinadora de equipos de Dinamización Lingüística, da que o noso cole forma parte. Preséntannos unhas propostas fantásticas para agasallar nestas datas. Animádevos a ler en galego!
Antes de nada quero darvos as grazas polos agasallos e polas felicitacións que me enviastes polo meu aniversario.
Quedei en que ía amosarvos as fotos da celebración. Pois velaí van! Por certo, encantoume a actividade que fixestes no Bibliocastelo para festexar esta data tan importante para min. Un xogo de pistas: A caza do tesouro. Claro, vós xa sabiades que o tema do proxecto anual deste curso é o xogo e xa vos adiantastes. Gocei moito véndovos fedellar polos andeis na procura deses libros que agochaban a chave coa que abrir o tesouro. Espero que o pasarades ben.
Se queredes saber polo miúdo en que consistiu esta actividade, premede na seguinte imaxe!
Ademais a rapazada de 1º fixo outras actividades para festexar o meu aniversario. Premede na imaxe!
Encántanme todas as actividades que fixestes. Estou moi orgulloso de vós!
Por unha banda é o DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES e para celebralo a Dirección Xeral do Libro e Fomento da Lectura destaca este ano, o papel das bibliotecas como espazos libres e abertos baixo o lema "BiblioTEcuida"
E ademáis é o meu ANIVERSARIO e por iso vos envio esta carta. Boteivos moito de menos este verán e me gustaría que me viñésedes visitar ao meu castelo.
Agardo vervos moi pronto e xa vos irei amosando as fotos da celebración do meu aniversario.
Aquí vos deixo tamén un enlace para que vaiades practicando a miña canción:
Supoño que estades moi contentos. Por fin as vacacións de verán! Eu estou un pouco triste porque teño que despedirme dos meus axudantes. Fixeron un traballo incríbel, axudáronme un montón! Ollade que guapos e guapas están!
Noraboa polo voso traballo! Estou moi orgulloso de vós! Moitísimas grazas pola vosa axuda! Botareivos de menos!
O ultimo día de cole foi a festa de graduación. Houbo varios obradoiros: de cociña, sinatura de camisetas, de peiteado e maquillaxe...Logo un festival chulísimo co que deleitaron aos asistentes con diversas actuacións. A profe Anita fixo un precioso vídeo cos mellores momentos deste inesquecíbel día. Ollade!
As mestras e mestres do CEIP a Pedra e máis eu desexámosvos un futuro de éxitos e bonanza no que cadaquén de vós atope o seu camiño cara un desenvolvemento pleno. E sobre todo, lembrade que vos queremos! Boa sorte!
Como estades? Como xa queda moi pouquiño para as vacacións e para que poidades seguir gozando do placer da lectura durante o verán, imos levar a cabo, como todos os anos, unha campaña de lectura. Ollade con atención a seguinte imaxe, nela tedes toda a información.
O 14 de xuño celébrase o Día da Lingua de Signos e coa axuda de Rosa Louro elaboramos este video para manifestar o noso apoio e amosar todo o que estamos aprendendo desta lingua grazas a ela.
Hoxe estamos de noraboa xa que a nosa escola ven de gañar o 1º PREMIO da V CONVOCATORIA "XOGA COAS MANCIÑAS", este ano con carácter autonómico.
Esta mañá foi a gala de entrega de premios na Deputación de Pontevedra e debido ás limitacións de aforo asistiron, en representación da escola, o alumnado de 2º A e a súa mestra Rosa, acompañados de Berta e Rosa Louro.
Os nenos/as que asistiron á gala recibiron un broche co nome do concurso proposto pola Organización de Diversidade Sensorial de Galicia (XOGA)
Ademais agasallan á nosa escola cun Obradoiro Contacontos en Lingua de Signos.
No video presentado ao concurso participou todo o alumnado e
profesorado do cole interpretando a canción do 50 aniversario da nosa
escola en lingua de signos, baixo a dirección de Rosa Louro, a nosa
intérprete de signos.
Hoxe teño unha noticia moi importante que contarvos. Co gallo da celebración do Día Mundial dos Océanos unha emisora ambulante de Onda Cero emitiu un programa especial dende o Estaleiro de Purro, que como moi ben sabedes está situado na Banda do Río. O programa chámase Más de uno provincia de Pontevedra. Nel participou o alcalde do noso concello, Félix Juncal Novas, Aixa Framil Cerviño e Mateo Barcia Martínez, alumnos de 5ºA do noso cole.
Se queredes escoitar todo o programa premede na seguinte imaxe.
Hoxe estou supercontento! Xa están listos os bancos da amizade, os bancos de Papirus! Foi un traballo colaborativo estupendo. Primeiro, varias persoas do Centro Juan XXIII de Cangas fixeron os bancos de madeira. Logo a profe Anita de 3ºB foi a encargada do deseño. Debuxoume a min en cada un dos bancos. Quedei guapísimo, non si? Ollade!
E finalmente, os meus axudantes, a rapazada de 6º dirixida pola profe Anita, foi a encargada de rematar a decoración dos bancos. Foron quenes me pintaron.
Este é o banco que pintou o alumnado de 6ºA e os artistas e as artistas que traballaron arreo.
Estoutro é o banco decorado polos pintores e pintoras de 6ºB. Foron días de moito traballo, pero tamén de moitas risas. Ollade canto traballaron e o ben que o pasaron!
Quedaron espectaculares!!! Moitísimas grazas as persoas de Juan XXIII, a profe Anita e por suposto ao alumnado de 6º que colaborou, aos meus queridísimos e queridísimas axudantes! Estou moi orgulloso de vós!