domingo, 30 de marzo de 2014

DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL 2014

Coma en anos anteriores, a IBBY (International Board on books for Young People) difunde o texto e a imaxe que conmemoran o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil que se celebra cada 2 de abril, en memoria de Hans Christian Andersen.
GALIX é a asociación galega do libro infantil e xuvenil que se encarga de facernos chegar este material en galego.
Nesta ocasión o país encargado de poñerlle verbas e cor a esta celebración foi Irlanda. Siobhán Parkinson editora e escritora de libros para nenos, nenas e adultos, redactou o texto "CARTA AOS NENOS DO MUNDO" para agasallarnos coa súa lectura neste día.
A imaxe do cartel é de Niamh Sahrkey, unha moi premiada escritora e ilustradora, tamén irlandesa.
Premendo no cartel terás acceso ao texto e poderás gozar da súa lectura o día 2 de abril durante a hora de ler.

xoves, 27 de marzo de 2014

TEATRO E CÓMIC

Para conmemorar o Día Internacional do Teatro elaboramos un mural que se atopa na entrada do cole.


O obxectivo era reflexionar sobre as similitudes entre o Teatro e o Cómic.


Nos dous xéneros a expresión facial e corporal aporta un gran significado ás mensaxes.


Nos dous xéneros os personaxes comunican moito grazas súas expresións faciais e corporais.


Con este mural tratamos de reflectir todo isto e ademais practicar os xestos con diferentes mensaxes

DÍA MUNDIAL DO TEATRO

O 27 de marzo celébrase o Día Mundial do Teatro dende 1961 por iniciativa do ITI (Instituto Internacional do Teatro). Un dos actos máis representativos é a posta en circulación dunha mensaxe escrita por unha personalidade de recoñecido prestixio no mundo do teatro.
Neste enlace atoparás recursos e enlaces relacionados co tema. 
Clica na imaxe
Este ano o autor desta mensaxe é o dramaturgo e director sudafricano Brett Bailey. 

MENSAXE DO DÍA INTERNACIONAL DO TEATRO 2014


Co gallo do noso proxecto "ENTRE VIÑETAS", que ten como centro o mundo da banda deseñada, preparamos unha actividade relacionada co teatro, porque o Cómic e o Teatro, tamén teñen puntos en común.


xoves, 20 de marzo de 2014

ANA ALONSO VISITA O BIBLIOCASTELO

Esta mañán o alumnado de terceiro de primaria recibiu na nosa biblioteca a Ana Alonso. Falounos da súa paixón pola lectura e os libros, que lle ven dende ben pequeniña: "Unha escritora pode inventar outras vidas, pódese por na pel doutras persoas"


Pero, sobre todo veunos contar moitas cousas do seu libro "EL PAÍS DE LOS CUENTOS" que os nosos rapaces e rapazas estiveran a ler na aula, coas súas profes. 
Nesta nova historia da colección Pizca de Sal, Ana Alonso transpórtanos a un mundo ideal onde non existen os cartos, todo se paga con historias, palabras, poemas, chistes , adiviñas... Neste mundo dos contos, a xente máis rica é a que ten máis historias  que contar e para entrar nel so temos que abrir os ollos da nosa imaxinación.

Gústounos moito o país dos contos, tanto que lle fixemos moitas e moi interesantes preguntas.

Felicitounos porque lle gustou moito a nosa biblioteca e díxonos que tiñamos moita sorte: "As bibliotecas estan cheas de portas a outros mundos, cada libro é unha porta por iso as bibliotecas son lugares máxicos"


Antes de rematar. asinou os nosos libros.


Moitas grazas pola túa visita, Ana e agardamos que volvas pronto ao Bibliocastelo.
Se queredes saber máis preme nesta imaxe:



venres, 14 de marzo de 2014

CONTACONTOS CON GLORIA FUERTES

Hoxe recibimos no Bibliocastelo un contacontos da man de María Carrera. 
Veunos falar do libro que estiveron lendo os rapaces e rapazas de primeiro: "Hércules pasea con Gloria Fuertes" e que se atopa dentro do programa de lecturas deseñado para este curso.



María chegou coa súa maleta cargada de contos.



Contounos a historia de Gloria Fuertes pero dunha maneira moi divertida e así, a través do heroe Hércules, coñecemos un pouco máis da vida desta gran poetisa dos nenos e nenas. 



Xa sabíamos que estas historias de Hércules empezan cando o propio Hércules lle pide a Cronos que constrúa unha máquina do tempo para poder viaxar.


Nesta ocasión viaxou ata Madrid no ano 1978 e coñeceu á escritora Gloria Fuertes. 


Con ela recorre o barrio de "Lavapies" que é onde naceu, nunha casa moi pequeniña.


Contounos moitas cousas da súa infancia como que era a única nena que xogaba ao fútbol e xa daquela quería ser escritora de maior.



A Gloria nunca lle gustaron as armas e a súa palabra preferida era "PAZ"


Tamén foi profesora de Lingua Española, nunha universidade dos Estados Unidos.


Pero o que máis lle gustou sempre, foi escribir e inventar historias e facer xogos estrafalarios coas palabras.


Tamén participou nun programa da tele para nenos e nenas que se chamaba "A Cometa Blanca" onde daba a coñecer os seus poemas.


Gloria tiña unha forma de vestir moi peculiar, con traxe e garavata vermella. Podedes comprobalo nesta caricatura tan divertida.


Antes de rematar tocamos a guitarra ...




...e cantamos todos xuntos, unha canción que ela escribiu "Un globo, dous globos, tres globos"

Pasámolo moi ben con esta actuación que puxo o broche final á este lectura que tanto nos gustou e que nos descubriu unha poetisa da que moitos e moitas nin sequera oiran falar.


sábado, 8 de marzo de 2014

OBRADOIRO DE ILUSTRACIÓN

Co gallo do noso proxecto "ENTRE VIÑETAS" e coa colaboración da ANPA recibimos a visita de dous grandes ilustradores: LUIS DAVILA E MARC TAEGER


Viñeron para propoñernos un "CONCURSO DE CÓMICS" no que poderá participar todo o alumnado do centro, presentando un ou varios traballos novedosos e de creación propia, nos que deseñaran un personaxe inventado de cómic. Ademais deberán poñerlle un nome e explicar porque é especial. Podedes consultar as bases do concurso premendo nestas imaxes: 
            

Grazas a eles, aprendemos moitas cousas sobre o mundo da banda deseñada e os seus personaxes, moitos deles que non coñecíamos e outros dos que xa temos lido algunha historieta. Preme na foto para saber máis do contido deste obradoiro:

clica na imaxe
Viñan cargadiños, coas súas maletas cheas de cores e creatividade. 




E agasalláronnos da mellor maneira, cunha mostra da súa arte e bo facer para cada ciclo. Quedamos abraiados polo seu enxeño e maestría en vivo e en directo!!!


Nun tris crearon os seus primeiros personaxes para os rapaces e rapazas de primeiro e segundo de primaria: 
SUPERPEPUCHA, unha heroína do país que e quen de facer 148 cousas pero que se enfada moito co que non lle gusta e por suposto... sempre ten a razón.
PEPE 125, un superheroe que sabe facer 125 cousas dunha vez presionando o botón do seu mando a distancia.



     


E despois, con terceiro e cuarto de primaria, chegaron CHUCO E CHOCO, un home de Bueu que sae de pesca todos os días no seu barco e o seu amigo, un polbo co que lle gusta porse de leria.




Chuco non precisa de miñoca porque o seu amigo Choco sempre pesca para el. 



E xa para rematar, cos maiores de quinto e sexto crearon a PEPE O CASTREXO, un vikingo que non se lava moito e ao seu acompañante TROSKI CABUXA que ten uns enormes cornos.







Foi unha experiencia xenial velos traballar en directo!!! 
Dende o Ceip A Pedra dámoslles as grazas por dedicarnos o seu tempo e facernos pasar tan bos momentos!!!
E agora tócanos crear aos nosos propios personaxes, así que imos quentando motores e poñendo a nosa imaxinación a traballar.