xoves, 22 de decembro de 2016

XA ESTÁ AQUÍ O NADAL!

Quedan tan só unhas poucas horas para a Noiteboa.
Dende o Bibliocastelo queremos desexar a toda a comunidade educativa un Bo Nadal e unhas Felices Festas. Para iso confeccionamos entre todos e todas esta fermosa postal.


Ademais pedimos colaboración ás familias para elaborar un lema que tivera que ver coa SOLIDARIEDADE e á vez co CINE. Estamos moi satisfeitos e satisfeitas co resultado acadado e queremos agradecer a participación de todos e todas que colaborastes nesta actividade. Como só podía figurar un lema na postal e despois de moito debate, o elexido foi o de Alexandra Lis Fazanes de 1ºB. Parabéns a ela e a súa familia.
Se queres ler todos os lemas preme na seguinte imaxe.


luns, 12 de decembro de 2016

GUÍAS DE LECTURA

O pasado venres, todo o alumnado do cole levou unha guía de lectura, que como todos os anos por estas datas elabora a Coordinadora de Equipos de Dinamización Lingüística do Morrazo.Este ano recolle libros de Agustín Fernández Paz, escritor moi querido por todos nós que faleceu recentemente.Tamén hai libros de Carlos Casares, autor ao que se homenaxeará o Día das Letras Galegas 2017. Ademais recolle as últimas novidades publicadas na nosa lingua.



domingo, 4 de decembro de 2016

NORABOA!!

Esta semana recibimos a gran noticia de que nos concederon un premio no III Concurso de Traballos por Proxectos dentro da modalidade "Proxectos Documentais Integrados coordinados desde a biblioteca escolar". O proxecto que presentamos e resultou gañador foi o do espazo, que levamos a cabo durante o curso pasado co título "Un universo de libros".
Se queres ver a memoria deste proxecto preme na seguinte imaxe.




Noraboa a toda a comunidade educativa que forma o CEIP A PEDRA!!
Este é un recoñecemento a un traballo en equipo ben feito, no que participamos todos e todas : familias, mestres e mestras, persoal non docente e por suposto o noso alumnado, que foron os grandes protagonistas.
Se queres máis información preme na seguinte imaxe.




sábado, 3 de decembro de 2016

VISITA A ESAD

     
Os alumnos e alumnas de 3º e 4º visitaron a Escola de Arte Dramática que está en Vigo. Nela fórmanse e prepáranse os futuros actores, actrices, directores, directoras, escenógrafas, escenógrafos, dramaturgos e dramaturgas. Contáronlles que desa escola saíron actores e actrices que están traballando en varias series da TVG como Serramoura e Pazo de familia.
Asistiron a varias clases : de interpretación, escenografía, canto e danza. Ata visitaron o taller onde preparan os decorados e o teatro onde fan as representacións.

Como broche final, uns convertéronse en actores e actrices e outros en dramaturgos e dramaturgas inventando unha divertida historia.
Foi unha visita moi interesante e divertida, na que se achegaron un pouquiño máis ao fascinante mundo do cinema e do teatro.
Aprenderon un montón de cousas, pero sobre todo, pasárono xenial. Comprobádeo ollando as imaxes.






















Se queres máis información preme na seguinte imaxe


MOITAS GRAZAS a todas as mestras e mestes da ESAD que os trataron con moito agarimo e lles fixeron pasar unha xornada inesquecible.

xoves, 24 de novembro de 2016

VII XORNADAS DE BIBLIOTECAS ESCOLARES

A pasada  fin de semana (18 e 19 de novembro) celebrouse no Pazo de Congresos de Santiago de Compostela as VII Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia. Este ano o lema foi "Biblioteca escolar, territorio das Artes". Facendo alusión a este lema a maioría das experiencias xiraron en torno ao mundo das Artes. A nosa biblioteca participou nunha destas mesas de experiencias, amosando o proxecto que levamos a cabo fai dous anos, "LerArte". Se queres ver un resumo deste proxecto, preme na seguinte imaxe.



Tamén acudiron expertos e expertas de distintos ámbitos, que axudaron a reflexionar sobre os retos que deben enfrontar as bibliotecas escolares. Andrea Giráldez, Gloria Durban, Silvia González Goñi, María Conçeicao Tomé e Carlos Scolari acompañaron ao profesorado asistente a esta cita anual de intercambio de experiencias , reflexión e análisis. O peche das Xornadas correu a cargo do escritor e poeta, Fran Alonso.  
Para acceder ao programa e aos materias expostos nas xornadas, preme na imaxe.

                  Cartel VII Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia



luns, 14 de novembro de 2016

NOVEMBRO. MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS

Ao longo de todo este mes de novembro, estamos levando a cabo diferentes experimentos, charlas, lecturas, traballos relacionados coa ciencia para celebrar o Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas. 
Esta semana na hora do recreo, no Bibliocastelo, os alumnos e alumnas de 6º amosarán ao resto do alumnado do centro os experimentos que realizaron relacionados co proxecto que estamos a desenvolver neste curso : O cine.
Así experimentaremos coa "Lanterna máxica" e coa "Cámara escura". Ademais na aula de ciencias están realizando experiencias coa luz (refracción, reflexión).
Tamén colocamos na biblioteca un expositor con libros científicos moi interesantes escritos en galego.



A que esperades para botarlles un ollo?

xoves, 10 de novembro de 2016

ROBÓTICA

Co gallo da celebración da Semana da Ciencia en Galego, hoxe o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º participou nun obradoiro de robótica levado a cabo no colexio por Jesús Carballo. Explicou nocións básicas de robótica e programación.





 Logo experimentaron co "Brazo Tolo" e co "Coche Fantástico", pequenos robots feitos con material de refugallo (cartón, tubos de papel, fío...) e con xoguetes vellos.






Foi moi interesante! Moitas grazas Jesús por acercarnos un pouquiño ao fascinante mundo da robótica!
Se queres máis informacación preme na seguinte fotografía.

domingo, 6 de novembro de 2016

UNHA GRAN NOTICIA !

Esta semana recibimos unha nova que nos encheu de orgullo e ledicia. Os nosos trasniños e trasniñas de infantil recibiron outro premio polo seu traballo "A máscara do león". Esta vez foi unha mención especial no Festival de Cine Internacional de Ourense, OUFF ESCOLA.
Xa van uns cantos premios!
Se queres máis información, preme na seguinte imaxe.
                                                               Mención Especial para "A máscara do león" OUFF ESCOLA 2016
Noraboa rapaces, a este paso ides chegar a Hollywood como Papirus!

luns, 31 de outubro de 2016

XA CHEGOU O SAMAÍN!

Co gallo do proxecto que estamos a levar a cabo este curso, celebramos un Samaín de cine, mellor dito, de ALUCINE. Por iso a entrada do cole encheuse de cabazas de película. Había un montón de Minions, Cincentas, e outros personaxes de películas moi coñecidas por todos nós. 













Por suposto, non podían faltar os flocos de millo e as cámaras.



Ademais confeccionamos entre todos e todas un mural cos protagonistas de películas máis arrapíantes. Quedou chulísimo! Ollade!




Estes son algúns dos personaxes terroríficos escollidos polos alumnos e alumnas.












Se queres máis información preme na seguinte imaxe.



Un ano máis as familias sorprendéronnos co seu ben facer, demostrando unha gran imaxinación e creatividade.
Moitas grazas a todos e a todas por axudarnos a crear un Samaín de ALUCINE !