sábado, 28 de abril de 2018

23 de abril, DÍA DO LIBRO

Ao longo desta semana realizamos diferentes actividades para conmemorar o Día do libro. Na Hora de Ler, lemos e reflexionamos sobre o contido do manifesto do escritor Fran Alonso, que nos enviaron dende a asesoría de Bibliotecas Escolares.


Como este trimestre estamos traballando as receitas, decidimos  realizar unha exposición de libros de cociña, pedindo colaboración ás familias para que mandasen polos nenos e nenas libros de receitas. Como sempre, a resposta foi magnífica e recibimos "unha enchente de libros". Con todos eles montamos unha exposición no Bibliocastelo, que está a disposición de todos e todas que a queirades ver. Pódese visitar todos os días pola tarde de 16:00 á 18:00, agás os martes. Ollade!!


  

















Moitas grazas ás familias pola súa colaboración!

domingo, 22 de abril de 2018

PIRÁMIDE NUTRICIONAL

Os nenos e nenas de 1º e 2º estiveron traballando a pirámide alimenticia. Fixérono por equipos, empregando estruturas da aprendizaxe cooperativa. Cada grupo elaborou a súa propia pirámide con alimentos que recortaron de folletos publicitarios de diferentes tendas e supermercados.










Ollade o resultado!





sábado, 21 de abril de 2018

FROITA NA ESCOLA

Ao longo destas dúas últimas semanas levamos a cabo a actividade "Froita na Escola", que é unha das catro modalidades da campaña ALIMÉNTATE BEN, dentro do Plan Proxecta da Xunta de Galicia. Esta modalidade de Froita na Escola ten como obxectivo o fomento do consumo de froita entre o alumnado de centros escolares de 3 a 16 anos, ofrecéndolles froita fresca gratuíta. Todos os días repártese froita polas aulas un pouco antes da hora do recreo, para que así poidan merendar tranquilos antes de saír ao patio. Cada día comían unha diferente : mazá, pera, mandarina, piña, amorodos, clementina e melón.








A froita estrela foron os amorodos!!!





Se queres saber máis sobre esta campaña ALIMÉNTATE BEN, preme na seguinte imaxe.



domingo, 15 de abril de 2018

ENCONTROS PLAN DE MELLORA DE BIBLIOTECAS ESCOLARES

O pasado xoves e venres celebráronse no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela os Encontros do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares, aos que asistiron todos os coordinadores e coordinadoras das bibliotecas de centros non universitarios de Galicia.
Estes encontros son unha forma de compartir experiencias, traballos e propostas arredor das bibliotecas escolares. Houbo ponencias moi interesantes, impartidas por expertos e expertas de distintos ámbitos : Rosa Piquín, Carme Fenoll, Pilar Sampedro, Guadalupe Jover, Antonio García Teijeiro, Villar Arellano, Antonio Reigosa...
Tamén se levaron a cabo obradoiros diversos (de lectura expresiva, robótica, radio...) dirixidos por persoas moi cualificadas na  materia : Charo Pita, Miguel Horta, Ana Ordás, Pep Bruno, María Pousa e Ricardo Feijoo.
Un apartado moi interesante destes encontros foron as 21 experiencias de temática variada que deron a coñecer diferentes centros educativos. Nós fomos un deles. A nosa biblioteca participou nunha destas mesas de experiencias, amosando o traballo que vimos desenvolvendo cos itineraios lectores. Foi un pracer  e un orgullo dar a coñecer esta actividade que vimos realizando dende hai anos.



Na fotografía inferior podemos observar a Antonio García Teijeiro deleitándonos cos seus marabillosos poemas.


Se queres máis información, preme na seguinte imaxe! 


Foron momentos de compartir, escoitar, pero sobre todo, aprender, volvendo para o cole coa mochila cargada de novas ideas e ilusións. 




xoves, 12 de abril de 2018

PRESENTACIÓN I FEIRA DA CIENCIA E LITERATURA

Hoxe, na biblioteca do IES Johan Carballeira, tivo lugar a presentación da I Feira da Ciencia e Literatura de Bueu, organizada por este instituto, que se celebrará o vindeiro sábado 14 de abril. A este acto asistiron o Exmo. Sr. Alcalde e a Concelleira de Sanidade e Educación do concello de Bueu, a Inspectora de Educación da zona, representantes do CEFORE , representantes da ANPA, coordinadoras das bibliotecas e as directoras dos centros do Concello e representantes do persoal non docente.

O obxectivo desta Feira é levar a ciencia a rúa , amosar a relación que ten coa literatura e como a partir das historias que narran moitos libros se poden aprender contidos transversais.
Ademais  ten unha finalidade solidaria, realizáronse diferentes agasallos , que teñen relación cos libros que se traballaron. Estes enviaranse a diferentes ONGs que axudan aos refuxiados.  Por exemplo, relacionado con "A illa misteriosa" os alumnos e alumnas dos Ciclos de Estéctica elaboraron xabóns.
O noso cole tamén participou. Realizamos un dicionario castelán-galego-árabe cos debuxos que fixo todo o alumnado dende Infantil de 3 anos ata 6º de Primaria. Foi un gran traballo en equipo! Ollade o resultado!





Xa sabedes, o sábado tedes unha cita coa Ciencia e a Literatura , na Praza Massó. Non faltedes!