domingo, 1 de abril de 2012

2 ABRIL DÍA DO LIBRO INFANTIL



Todos os anos, o 2 de abril, o IBBY (International Board on Books for Young People) celebra o DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL, co fin de conmemorar o nacemento do escritor danés Hans Christian Andersen. Cada ano é un país membro da Organización Internacional o encargado de editar o cartel anunciador e a mensaxe dirixida a todos os nen@s do mundo. Para o 2012, a sección de México, distribue o cartel de Juán Gedovius e a mensaje é de Francisco Hinojosa. 



Habia unha vez un conto que contaba o mundo enteiro

Había unha vez un conto que contaba o mundo enteiro. 
Ese conto en realidade non era un só, senón moitos máis que  comezaron a poboar o mundo coas súas historias de nenas desobedientes e lobos seductores, de zapatiños de cristal e príncipes namorados, de gatos inxeniosos e soldadiños de chumbo, de xigantes bonachóns e fábricas de chocolate. 
Poboárono de palabras, de intelixencia, de imaxes, de personaxes extraordinarios. Permitíronlle rir, asombrarse, convivir. Cargárono de significados. E dende aquela eses contos continuaron multiplicándose para dicirnos mil e unha veces “Había unha vez un conto que contaba o mundo enteiro…”
Ao ler, ao contar ou ao escoitar contos estamos exercitando a imaxinación, coma se fose necesario adestrala para mantela en forma. Algún día, seguramente sen que o saibamos, unha desas historias acudirá ás nosas vidas para ofrecernos solucións creativas aos obstáculos que se nos presenten no camiño.
Ao ler, ao contar ou ao escoitar contos en voz alta tamén estamos repetindo un ritual moi antigo que cumpriu un papel fundamental na historia da civilización: facer comunidade. Ao redor deses contos reuníronse as culturas, as épocas e as xeracións para dicirnos que somos un só os xaponeses, os alemáns e os mexicanos; aqueles que viviron no século XVII e nós que lemos un conto en Internet; os avós, os pais e os fillos. Os contos énchennos por igual aos seres humanos, a pesar das nosas enormes diferencias, porque todos somos, no fondo, os seus protagonistas.
Ao contrario dos organismos vivos, que nacen, se reproducen e morren, os contos, que xorden colmados de fertilidade, poden ser inmortais. En especial aqueles de tradición popular que se adecúan ás circunstancias, ao contexto do presente no que son contados ou reescritos. Trátase de contos que, ao reproducilos ou escoitalos, os converten nos seus coautores.
E había unha vez, tamén, un país cheo de mitos, contos e lendas que viaxaron polos séculos, de boca en 
boca, para exhibir a súa idea da creación, para narrar a súa historia, para ofrecer a súa riqueza cultural, para excitar a curiosidade e encher de sorrisos os beizos. Era tamén un país no que poucos dos seus poboadores tiñan acceso aos libros. Pero esa é unha historia que xa empezou a cambiar. Hoxe os contos están chegando cada vez máis a recunchos afastados do meu país, México. E ao atoparse cos seus lectores están cumprindo co seu papel de facer comunidade, facer familia e facer individuos con maior posibilidade de ser felices.


Ningún comentario:

Publicar un comentario