Acabados de chegar dos Encontros de Bibliotecas celebrados en Santiago de Compostela os días 7 e 8 de marzo e aínda reflexionando sobre todo o que alí se dixo (que non foi pouco) vou facer uns pequenos apuntes do que aconteceu.
Houbo un pouco de todo e ben repartido, Conferenciantes da talla de:
- José Antonio Camacho Espinosa (profesor responsable de Biblioteca escolar en varios centros, licenciado en documentación e doutorado sobre bibliotecas escolares) que nos falou do papel da biblioteca como espazo privilexiado para a lectura e para aprender a usar e producir información nun contexto natural.
- Anna Blasco Olivares (Profesora e Documentalista catalana) que tratou de explicarnos como podemos preparar ao noso alumnado para ser cidadáns competentes ante tanta información que reciben.
- Josep Manuel Pérez Tornero (Catedrático de Xornalismo e Ciencias da Comunicación da Universidade Autónoma de Barcelona e Catedrático e Consultor da UNESCO entre outras moitas cousas) contounos que nos últimos tempos, os novos medios e as redes sociais estanse a erixir en grandes continentes da nosa existencia, no traballo, na vida, nas relacións sociais e nas lecturas... Os espazos de relación amplíanse e globalízanse.
- Agustín Fernández Paz que é un dos escritores máis coñecidos e valorados, autor de máis de corenta e cinco títulos dirixidos a lectores infantís ou xuvenís, con moitos premios no seu haber. Tamén é un gran impulsor de movementos de renovación pedagóxica e normalización lingüística. Tivemos a sorte de telo no noso centro hai uns anos e resultou unha experiencia inesquecible. Da súa intervención nos encontros, que foi marabillosa, falounos, entre outras moitísimas cousas, da nosa función, como mestres, de mediadores para que se produza o encontro dos nenos/as cos libros e de espertar neles a fame polas historias, de abrirlles perspectivas novas e amosarlles unha variada proposta de lecturas.
Por outra banda foron moitas as experiencias de traballo nos centros que se expuxeron, a pena foi non poder asistir a todas, pero como había que escoller, penso que a miña elección non foi desacertada.
Dentro das Experiencias simultáneas asistín na sala Compostela á intervención de Antonio Rodríguez Menéndez (Actor, Director, Dramaturgo e Profesor no Teatro Estudo Tuzla, Profesor de español como lingua estranxeira e que tamén, imparte clases de escritura creativa. Fundou a Escola de Lectura de Madrid, da que deriva o Proxecto Farenheit 451) Falounos dos seus taller "La mirada que respira" e de como hai que entregar as palabras e non soltalas ao aire, empregando a Palabra Vinculada ou Palabra de Chocolate Fundido. Explicounos que para que as cousas existan temos que miralas e respiralas por iso debemos ler respirando para que o receptor exista.
E finalmente tamén tivemos reunións por zonas ou micro-redes para intercambiar experiencias, reflexionar, facer propostas de futuro e colaboracións entre os centros.
Foron momentos de compartir, escoitar, aprender e volver para o cole coa maleta cargada de novas ideas e ilusións.
Podedes acceder aos materiais das xornadas a través da páxina de BIBLIOTECAS ESCOLARES.
O Gabinete Comunicación y Educación fíxose eco destes encontros.
O Gabinete Comunicación y Educación fíxose eco destes encontros.
Ningún comentario:
Publicar un comentario