martes, 5 de febreiro de 2019

DÍA DA PAZ

Para conmemorar o Día da Paz realizamos unha morea de actividades:
* Mural colaborativo no que participou todo o alumnado do cole, dende Infantil ata sexto. O título foi
"O dereito á Paz está nas nosas mans"
Cada aula estivo traballando que é importante para acadar a Paz. Fixérono con estruturas do traballo cooperativo e resumiron as conclusións ás que chegaron nunha palabra ou nunha frase. A pregunta que se lles formulou foi a seguinte:
"Que está nas nosas mans para acadar a Paz?"
Estas foron as respostas:
Non molestar.
- Estar en familia.
- Quererse.
- Estar tranquilos.
- Abrazarnos para vivir en paz.
- Ser amiguiños todos.
- Estar relaxados.
- Sorrindo.
- Coidar aos demais.
- Comportarse e axudar.
- Preocuparse se alguén está sufrindo.
- Somos distintos pero iguais na nosa convivencia de cada día.
- Mirar ao teu redor que está cheo de bo humor.
- Celebrando todos os días a Paz  e respectando o aspecto físico de cada quen.
- Unha man chea de paciencia.
- Valorando ás persoas que nos rodean e respectando a súa diversidade.
- A conservación da natureza con amor e respecto é un estado de paz entre a Terra e a humanidade.

Logo escribimos todas estas reflexións nunhas mans coas que decoramos o mural. Ollade que chulo quedou!






* Festexamos o día da Paz no ximnasio, por mor da chuvia. Xuntámonos todos e lemos as propostas de paz de cada grupo-clase. Logo presentouse o equipo de mediación "Os cazaconflitos", que nos van axudar a resolver os problemas de convivencia que poidan xurdir. Finalmente, como somos un cole plurilingüe, cantamos  cancións en diferentes linguas (galego, inglés e francés):
"Quérote máis" do grupo O sonoro Maxín, "I see you in me" de Gbenga Adenunga e "Je suis comme toi" de Antsa&Mendrika.










* "Unha viaxe polo Perú". Este foi o título da charla coa que a profe Bea obsequiou aos rapaces e rapazas de terceiro e cuarto. Contoulles que durante dous veráns, nas vacacións, viaxou ao Perú coa ONG  Inti, que en quechua significa sol. Primeiro explicou que é unha ONG e o importante labor que levan a cabo en prol da sociedade.




 Logo amosou diferentes fotos de nenos para comentar as diferenzas: cor da pel, vestimenta...


A continuación comentou en que zonas estivo colaborando e os proxectos nos que participou. Estivo primeiro en Lima e logo en Cuzco. Puso en marcha un Proxecto de Alfabetización, xa que a maioría das mulleres non saben ler nin escribir. Quedamos abraiados cando nos dixo que tan só tiñan un caderno e un lapis. Foi unha charla moi interesante, formativa e enriquecedora. Contou que para ela foi unha experiencia que a marcou moito, xa que che fai valorar todo o que tes. Moitas grazas profe Bea pola túa xenerosidade e por compartir as túas vivenzas con todos nós! Quedámonos con esta frase :
"Para min hai un antes e un despois ao Perú" (Bea)

* Visita pola Paz. Na biblioteca tamén houbo unha charla. Esta vez os afortunados foron os nenos e nenas de primeiro. O papá de Dani de 1ºB veunos contar a súa experiencia no Líbano, un país onde non se respectan os Dereitos Humanos.
Moitísimas grazas por compartila con nós!

               
Se queredes máis información premede na imaxe anterior.

* Xornada de convivencia no IES Johan Carballeira. Os alumnos e alumnas de 6º realizaron unha actividade co alumnado de 1º da ESO do IES Johan Carballeira, titulada "Mulleres premio Nobel da Paz". Unha actividade interesantísima! Premede na seguinte imaxe para saber máis dela.

               
Grazas ao equipo de biblioteca do instituto por convidarnos a participar nesta fermosa actividade! 

Ningún comentario:

Publicar un comentario