xoves, 26 de novembro de 2015

VI XORNADAS DE BIBLIOTECAS ESCOLARES

 

A pasada  fin de semana (20 e 21 de novembro) celebrouse no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela as VI Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia. Este ano o lema foi "Biblioteca escolar, base de exploracións". Facendo alusión a este lema houbo un bo feixe de experiencias de distintas bibliotecas de Galicia que funcionan como "base de exploracións" , así como experiencias de traballos por proxectos coordinados por bibliotecas escolares.

Tamén acudiron expertos de distintos ámbitos, que axudaron a reflexionar sobre os distintos retos que deben enfrontar as bibliotecas escolares. Carlos Magro, Xurxo Mariño, Guadalupe Jover, Felicidad Campal, Rosa Piquín e Ana Siro acompañaron ao profesorado nesta cita anual de intercambio de experiencias , reflexión e análisis, para acadar un óptimo desenvolvemento dos recursos.    
Para acceder ao programa e aos materias expostos nas xornadas, preme na imaxe.

http://www.edu.xunta.es/biblioteca/redeBE/course/view.php?id=24

mércores, 25 de novembro de 2015

DÍA INTERNACIONAL DA NON VIOLENCIA CONTRA A MULLER

Hoxe conmemórase o DÍA INTERNACIONAL DA NON VIOLENCIA CONTRA A MULLER, e como todos os anos o Centro de Información ás Mulleres do Concello de Bueu, convoca entre os centros educativos , o XIII concurso de carteis "NON A VIOLENCIA DE XÉNERO".
Do noso cole participou todo o alumnado de 5º e 6º. Resultou premiado co 1º Premio de Educación Primaria : DENÍS IGLESIAS ESTÉVEZ de 5º A que participou cun orixinal cartel baixo o lema "Non cales".


 
Tamén recibiu unha mención especial : CARMEN CASTRO RECAMÁN de 5º A co lema "Educación, intelixencia emocional : solución ao quebravidas".


 
A entrega de premios terá lugar hoxe ás 12 : 00 no Centro Social do Mar.
Todos os carteis que participaron no concurso están expostos no colexio.
Noraboa aos gañadores e a todos os particiapantes!

martes, 10 de novembro de 2015

NOVEMBRO. MES DA CIENCIA EN GALEGO.

Por segundo ano consecutivo, desde a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria promóvese a celebración de novembro como MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS , sumándose á celebración doutras iniciativas como o Día da Ciencia en Galicia, da Real Academia de Ciencias, celebrado o pasado 1 de xuño e dedicado á oceanógrafa galega Ánxeles Alvariño, ou o Día da Ciencia en Galego, que se celebrou o 4 de novembro, a instancia da Institución Galega de Ciencia entre outras institucións.
Desta vez o autor do manifesto para o Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas é o científico e divulgador da Universidade de Santiago, Jorge Mira.  
http://www.edu.xunta.es/biblioteca/blog/
 
Premede na imaxe para acceder a páxina de Bibliotecas Escolares, onde atoparedes máis información , con Páxinas de Recursos para a Ciencia en Galego e ademais poderedes ler o texto íntegro do manifesto. 
 
 
 

venres, 6 de novembro de 2015

RECREOS DE CONTO

 
Hoxe no Bibliocastelo, tivemos un recreo moi especial. Alma, a auxiliar de conversa, contounos un conto clásico, "The three little pigs" (Os tres porquiños), nada máis nin nada menos que en inglés. A posta en escea correu a cargo duns nenos e nenas de primeiro, que estiveron ensaiando varios días coa profe Nuria para que todo saíse xenial. E así foi! Ollade as imaxes.



Alma, cos actores e actrices da representación.
 



 
 
Moitas grazas por compartir este fermoso conto con nós.
 
 

domingo, 1 de novembro de 2015

POR FIN, ESTAMOS NO SAMAÍN!

Co gallo do proxecto que estamos a levar a cabo este curso, celebramos un Samaín cósmico e intergaláctico.
Así a entrada do cole encheuse de cabazas espaciais. Había planetas, lúas, soles e ata algún que outro extraterrestre. Unha gran exhibición de creatividade. Ollade e xulgade vós mesmos.

Este extraterrestre da un pouco de medo!






E que me dicides deste outro. É arrepiante!






Tamén se confeccionou un mural con todos os conxuros cósmicos que elaboraron os alumnos/as nas aulas.


O mural dos conxuros quedou chulísimo!

Un ano máis o noso alumnado e as súas familias deixáronos abraiados co gran traballo levado a cabo, unha gran mostra de enxeño e creatividade.
Grazas pola vosa colaboración!

sábado, 31 de outubro de 2015

DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES. ANIVERSARIO DE PAPIRUS

O pasado sábado, 24 de outubro, foi o Día Internacional das Bibliotecas Escolares e tamén, o aniversario de Papirus, a nosa mascota. 
Pero como coincidiu en fin de semana, tivemos que esperar ao luns para poder celebralo. Ese día festexárono os nenos e nenas de Infantil, 1º e 2º  de Primaria. Os de 3º, 4º, 5º e 6º agardaron a súa quenda ata o martes.
Como xa sucedera nalgunha ocasión, Papirus non puido recibirnos, pois estaba de viaxe, nada máis nin nada menos que no espazo!
Para que non o botásemos en falla, enviounos un video explicándonos o motivo da súa ausencia. Ollade!!!
 
 Quedamos abraiados!
 
Queríanos convidar a viaxar polo Universo, mais, como non ten naves para todos, animounos a facelo a través dos nosos amigos, os libros.  Para iso, deixounos no seu Bibliocastelo, unha chea de libros relacionados coas marabillas do espazo, todos moi ben axeitadiños nos andeis de novidades debaixo dun letreiro que di:

Este é o cartel co título do proxecto deste ano. Imos traballar o fascinante mundo do UNIVERSO!! 
 
 
Para completar a celebración, a profe Lina fixo unha adaptación dun fermoso conto titulado Papá, por favor achégame a Lúa. 

 A protagonista é unha nena que lle ten medo a escuridade.
  Ao final consigue vencer ese medo grazas a súa amiga, a Lúa  
 
 Despois viñeron os agasallos. Os nenos e nenas de infantil regaláronlle unhas fermosas estrelas que xa brillan no ceo do Bibliocastelo. Os de primeiro, debuxos e dedicatorias ; os de segundo uns foguetes moi orixinais ; os de 3º, 4º e  5º un xigantesco móbil que representa o sistema solar e os de 6º unhas constelacións que tamén decoran o noso ceo particular. Ademais os de 5º escribíronlle unhas cartas moi sentidas  respondéndolle  a  que  nos enviou fai uns días.
 


 

 
Por último, e como broche de despedida, cantamos a canción de Papirus. Tamén lle desexamos feliz aniversario en varios idiomas : galego, castelán, inglés e francés.


  
 Ao final agardábanos unha sorpresa. Como en todos os aniversarios, neste tamén houbo lambetadas. Papirus enviounos uns divertidos caramelos en forma de foguete. Eran un pouco pequerrechos, pero estaban boísimos!
En resumo, foi unha xornada marabillosa, aínda que botamos en falla ao anfitrión. Estamos desexando que volva axiña.






 
Parabéns Papirus! Esperamos verte pronto no teu recuncho do Bibliocastelo!
 






xoves, 29 de outubro de 2015

BIBLIOTECAS ESCOLARES

http://www.edu.xunta.es/biblioteca/blog/
Este é o cartel da campaña anual de Bibliotecas Escolares da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para este curso. A imaxe responde a interpretación do lema elixido por parte do autor e ilustrador de banda deseñada Fran Bueno.
O lema "Biblioteca escolar, base de exploracións", chama a traballar coa información, convida a explorar o mundo e a compartir o aprendido.
A biblioteca concíbese como base de exploración persoal e colectiva , como inicio de viaxes reais ou imaxinarias e como espazo de encontro consigo mesmo e cos outros.

sábado, 24 de outubro de 2015

O BIBLIOCASTELO VÍSTESE DE SAMAÍN

Xa falta pouco para o Samaín, por iso o Bibliocastelo preparouse para celebrar esta festa de orixe celta. Nada máis entrar pola porta, dache a benvida un fermoso esqueleto.


 Dentro, ademáis de arañas, cabazas, pantasmas... preparamos un expositor con libros ateigados de historias arrepiantes.



 
 
 

 Aínda non pasache a recoller o teu libro? A que estás agardando!!!

SORPRESA!

Venres, 23 de outubro de 2015.

Hoxe tivemos unha sorpresa no cole. POR FIN Papirus púxose en contacto con nós. Fíxoo por medio dunha carta que enviou a todas as clases. Nela convídanos ao seu aniversario, que é mañán, 24 de outubro, Día das Bibliotecas Escolares. Pero como é sábado e non estamos no cole, a festa celebrarase no bibliocastelo o luns cos nenos e nenas de infantil e os de primeiro e segundo de primaria e o martes cos de terceiro, cuarto, quinto e sexto.
Pero aínda seguimos sin saber onde se atopa. Seica está en paradoiro descoñecido.
 Este é o texto da carta que nos enviou.

 
Estas son as cartas que enviou aos Trasnos, aos Pelouros e ás Estrelas, que é como se chaman as aulas de infantil.



E estas son as cartas que lle escribiu aos nenos e nenas de primaria.


Foi una verdadeira ledicia ler a carta, pero sóubonos a pouco. Queremos saber onde se atopa, que fai...
Botámolo moito de menos e estamos desexando velo!!!!