xoves, 28 de maio de 2020

18 DE MAIO, DÍA INTERNACIONAL DOS MUSEOS



Ola amiguiños e amiguiñas:
Espero que esteades moi ben. A semana pasada coa celebración das Letras Galegas esquecinme de comentarvos que o 18 de maio celébrese o Día Internacional dos museos. este ano o lema é:
     "Museos pola igualdade: Diversidade e inclusión"  

Vouvos amosar un vídeo no que aparecen algúns dos principais museos de mundo. Ollade!
Coñecedes algún destes museos? Que museos visitastes? Que vos parece se me contades ou me dicides que outros museos coñecedes, se visitastes algún...Podedes enviarme os vosos comentarios ao meu correo.
Eu no bibliocastelo teño moitos libros sobre arte moi interesantes. Cando veñades a verme non dubidedes en pedirmos. Aconséllovos un que me gusta moito. Ollade!

Este libro narra unha historia a partir dun famoso cadro de Van Eyck, que se titula "O matrimonio Arnolfini". Se vos apetece tamén podedes investigar algo sobre este famoso cadro ou facer, debuxar a vosa versión do mesmo.
Animádevos! Agardo con impaciencia os vosos traballiños.

Biquiños.

  

mércores, 27 de maio de 2020

COCIÑAMOS

Ola amiguiños e amiguiñas:
Que calor! Estades indo á praia? Eu boto de menos un bañiño en auga salgada.
Lembrades que un día vos ensinei unha receita de cociña e vos invitei a que cociñerades vós e me enviásedes fotos? Pois o outro día,  Saray de 2º envioume fotos de dous postres que fixo ela coa axuda da súa nai: emapanada de mazá e torta de queixo. Ollade!

 







Moitas grazas, Saray por compartilas con nós. Estás feita toda unha cociñeira! 
Mañá máis cousas.
Biquiños.

martes, 26 de maio de 2020

OS NOSOS LIBROS FAVORITOS

Ola amiguiños e amiguiñas:
Que tal o primeiro día de praia? Espero que o pasarades moi ben.
Xa me chegaron algunhas mensaxes cos vosos libros favoritos. Ollade!


Estes son os libros favoritos de Raúl de 4ºA


E estes son os libros preferidos de Diego, o irmán de Raúl!
Moitísimas grazas rapaces! A min tamén me gustan moito eses libros!

Mañá máis cousas!
Biquiños.



luns, 25 de maio de 2020

15 ANOS DE LIX GALEGA

Benqueridos amiguiños e amiguiñas:
Que tal a fin de semana? Menudo calor que fixo! A partir de hoxe xa podedes ir á praia e gozar do sol e dos baños de auga salgada...
Hoxe vouvos contar unha noticia que me eniaron. A asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia realizou unha guía chamada 15 anos de LIX galega, na que recollen unha selección dos libros que tiveron unha maior presenza nas bibliotecas escolares galegas nestes primeiros 15 anos do PLAMBE, que acompañaron ao alumnado galego no seu paso pola escola e polo instituto neste período e que, finalmente, teñen o recoñecemento das lectoras e dos lectores galegos. Non están todos pero todos os que están son referentes de lectura e forman parte do imaxinario do lector e da lectora que foi medrando xunto coa rede de bibliotecas escolares galegas. Por suposto, non foi nada doado facer esta selección. Ollade!


Seguro que coñecedes moitos deles, non si? 
Agora propóñovos un reto: quero que me digades cales son os tres libros que máis vos gustaron, con que tres libros vos quedariades de todos os que lestes ata agora. 

Mañá, máis cousas!
Biquiños.



venres, 22 de maio de 2020

LETRAS GALEGAS

Ola amiguiños e amiguiñas!
Gustouvos o vídeo que vos mandou Ramón? Mola un montón, non si? Xa lle dei as grazas da vosa parte e púxose moi contento.
Hoxe vouvos amosar un traballo que fixeron os rapaces e rapazas de 6º para o Día das Letras Galegas. Sacáronse un "selfie" cunha palabra galega que aprenderon ao longo deste curso e que lles gustou. Con todas elas a profe Irene fixo este vídeo. Ollade!


Quedou moi chulo! Grazas por compartilo con nós!

Pasade unha boa fin de semana!

Biquiños.

xoves, 21 de maio de 2020

SORPRESA!!


Ola amiguiños e amiguiñas!
Hoxe estou supercontento! Tiven unha sorpresa incríbel! A que non sabedes quen me mandou un vídeo? O meu amigo Ramón, o conserxe. Vós xa sabedes que é un mago fantástico! Pois a través duns trucos de maxia danos uns consellos moi importantes para a volta ao cole.
Ollade e escoitade con moitísima atención!

Moitísimas grazas, Ramón! Encántame! 
Biquiños.


mércores, 20 de maio de 2020

DÍA CONTRA A LGBTFOBIA


Ola amiguiños e amiguiñas:
O pasado domingo, 17 de maio, ademais de ser o Día das Letras Galegas tamén foi o Día contra a LGBTFOBIA. Vouvos poñer un vídeo que me parece moi interesante. Ollade!   



Para acadar unha sociedade máis libre e tolerante temos que respectarnos, respectar á diversidade!
Todos e todas temos que ter liberdade de ser e de sentir!

Biquiños.

martes, 19 de maio de 2020

LETRAS GALEGAS

Ola amiguiños e amiguiñas:
Estou moi ledo! Chegáronme máis traballiños vosos da actividade do Día das Letras Galegas. Encántanme! Ollade!


 Fidel Simes Portas de 6ºA enviounos un fantástico moucho cunha estrofa do poema de Xoán Babarro "Mouchino Mou". Encántame, Fidel!

Emma Regueira Loveira de 6ºB fixo unha composición cun fragmento de "O soño do merlo branco" de Agustín Fernández Paz. Xenial, Emma!


María Otero Entenza de 6ºB fixo un bonito traballo cunha frase do libro "A praia dos afogados " de Domingo Villar. Moi ben, María!

Eva María Otero García de 6ºB realizou unha fermosa composición con fragmentos de "A lagoa das nenas mudas" de Fina Casalderry. Encántame, Eva!

Eloy Santos Malvido de 6ºB mándanos una anaquiño de "As fadas verdes" de Agustín Fernández Paz. Xenial, Eloy!

Lucía Agulla de 3ºA fixo un bonito debuxo cuns versos do poema "O equilibrio" de Lucía Novas. Encántame, Lucía!

Ana de 3ºB mandounos un fragmento de "A lagoa das nenas mudas" de Fina Casalderrey. Moi ben, Ana!

Carmen Castro Silva de 3ºB realizou un bonito traballo cun poema de Rosalía de Castro. Encántame, Carmen!

Iván Pastoriza Díaz de 6ºB enviounos unha frase fermosísima do libro "Noites de voraces sombras" de agustín fernández Paz. Xenial, Iván!

Marcos Pastoriza Díaz mandounos un fragmento de "O misterio das badaladas" de Xabier Docampo. Chulísimo, Marcos! 

Pepe Blanco Gómez de 6ºA enviounos un anaquiño de "Memorias dun neno labrego" de Xosé Neira Vilas. Xenial, Pepe!


Pablo Domínguez Curra de 6ºA realizou unha fermosa composición cunha frase de "O Principiño" de Antoine de Saint-Exupéry. Moi ben, Pablo!

Moitísimas grazas, rapaces e rapazas! Fixestes unhas composicións fermosísimas!

Biquiños.





luns, 18 de maio de 2020

LETRAS GALEGAS

Ola amiguiños e amiguiñas:
Que tal a fin de semana? Aproveitastes o bo tempo para dar un paseo?
Eu estiven fedellando nos libros e buscando material sobre o autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, Ricardo Carbalho Calero, para amosárvolo, para que así coñezades un pouquiño máis a este persoeiro. Pois buscando, buscando atopei un documental moi interesante que realizou o departamento de Educación Plástica e Lingua e Literatura Galega e Portuguesa do IES Illa de Ons. Colaborou nel o alumnado de 1º ESO. Ollade e escoitade con moita atención!


Parabéns aos autores e autoras deste magnífico documental! Un gran traballo colaborativo!

Mañá máis cousas!
Biquiños.

domingo, 17 de maio de 2020

17 DE MAIO, DÍA DAS LETRAS GALEGAS



Ola amiguiños e amiguiñas:
Hoxe estamos de celebración, é o día grande da nosa Lingua. Eu estou moi orgulloso de todos os traballiños que me enviastes para festexar esta data tan importante. Ao longo da semana estivéronme chegando unha morea deles. Agora vouvos ensinar os últimos que recibín. Ollade! 


Antón Ríos de 3ºB fixo unha composición chulísima e moi orixinal cun fragmento de "Un becho estraño" de Mon da Porta. Encántame, Antón!


Daniela Carballo Agraso enviounos o poema "Descendencia" de Carlos Fontes, cunhas ilustracións moi chulas. Xenial Daniela!


Carla García Acuña de 1ºA mandounos un fermoso poema de Antonio García Teijeiro "Ventos" cuns debuxos chulísimos. Moi ben, Carla!

Manel González de 6ºA ilustrou moi ben un  anaquiño do libro de Fina Casalderrey "A lagoa das nenas mudas". Xenial Manel!

Marcos Soliño de 3ºA mándanos unha carta moi ben ilustarda do libro "Cartas a Lelo" de Xosé Neira Vilas. Moi chulo o traballo, Marcos!

Mariña Santiago Pazó de 3º B fixo unha composición moi primaveral cun fragmento do libro "Frederick" de Leo Lionni. Moi ben, Mariña!

Laura Agulla Pastoriza de 3ºA mandounos un poema de Gloria Sánchez do seu libro "Rimas con letra". Moi chulo, Laura!

Leire García Barreiro de 1ºA fixo unha fermosa composición cun poema de Carlos Fontes que aparece publicado no libro "Poemas con piruleta". Encántame, Leire!

Carlos Santaclara de 3ºB fixo un bonito traballo cunha estrofa do poema "Galicia docemente" de Manuel María, publicado no libro "Os soños na gailoa". Xenial, Carlos!

Saray Martínez de 2ºB mándanos un anaquiño dun poema de Carlos Fontes, do seu libro "Poemas con piruleta". Moi ben, Saray!

Marcos Martínez de 5ºB enviounos un poema de Carlos Fontes titulado "Pinto o mundo de cores". 

Óscar de 6ºA realizou unha bonita composición cun fragmento de "A lagoa das nenas mudas" de Fina Casalderrey. Encántame, Óscar!

Moitísimas grazas rapaces e rapazas! Encántanme todos os traballiños que fixestes!

Lembrade que o Día das Letras Galegas non debe de ser un só día ao ano, teñen que ser todos os días. Amade e respectade a vosa lingua, xa que o idioma é o principal selo de identidade dun pobo.
Voume despedir cun fermoso poema de Ricardo Carbalho Calero,  autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, que lle dedicou a Rosalía de Castro.

Madrigal a Rosalía 

A ti, sombra perdida, espírito pergavante,
que entre néboas de alén andas errante.
A ti, clara voz morta, ollos feridos,
pazo esquecido, outono
lonjano, chúvia
aceda sen lecer, sibila
chorosa; a ti que tes 
o corazón de lua traspasado, 
nas mans tremor de maina bris que ri, 
as fazulas aradas pola dor
-oh estadea de bágoas sen fin-
e na fronte un fantasma aluarado:
a ti, 
de min, 
aos pes, 
a flor

dun siléncio ajoellado.

Biquiños