domingo, 23 de decembro de 2012

OBRADOIRO LITERARIO DE NADAL: O ABETO


O venres 21 de decembro dentro das actividades de Nadal, celebramos na biblioteca un obradoiro literario que forma parte do noso proxecto CANTOS CONTOS CONTAS.

A actividade consistiu en coñecer un conto clásico de Hans Christian Andersen relacionado coa época do ano na que nos atopamos " O ABETO".
Xa todos sabedes que dos contos clásicos sempre se aprenden moitas cousas, nesta ocasión ademais de recordarnos que debemos coidar a natureza e respectala, soubemos que as veces cando somos pequenos nos parece que nunca imos medrar, temos presa por ser maiores e non gozamos da infancia como deberíamos...


Mentres escoitamos o conto fixemos un BINGO LITERARIO. Tratábase de atopar cinco palabras no relato e colorealas no noso abeto, por iso tivemos que estar moi atentos. Os que conseguiron escoitalas todas recibiron un bibliopunto que máis tarde cambiaron por unha pegatina de Papirus.


Despois xogamos a QUE PASARÍA SE ... en equipos de tres ou catro tratando de atoparlle un final divertido,  sorprendente e absurdo a esta historia tan triste.
E conseguímolo, partindo dunhas premisas dadas, nas que aparecía un personaxe de conto que nada tiña que ver con esta historia e algún que outro obxecto pouco apropiado ...


Tras darlle unhas poucas voltas a cabeza, probando o poder da nosa imaxinación todos os equipos buscaron unha boa alternativa para rematar este conto. E así tivemos a unha Carapuchiña Vermella que salvaba ao noso abeto nun helicóptero ou a Pinocho que o levaba ao bosque para poder plantalo de novo ou os tres porquiños que viñan ao seu rescate montados nun tándem.







Foi moi divertido escoitar todas as posibles ideas e versións. Gustaríache coñecer este conto de Hans Christian Andersen? Preme AQUÍ e accederás ao noso blog do proxecto CANTOS CONTOS CONTAS.

Ningún comentario:

Publicar un comentario