venres, 16 de marzo de 2018

8 de marzo, Día Internacional da Muller

O pasado venres, vivimos unha xornada moi especial. Asistimos á gala de entrega dos premios dos concursos que o CIM (Centro de Información ás Mulleres) organiza cada ano co gallo do DÍA INTERNACIONAL DA MULLER.
Este ano houbo varias novidades, por exemplo:
- En lugar de celebrarse o 8 de marzo, celebrámolo o 9 porque o Día da Muller, as mulleres da vila concentráronse diante do concello en pé de folga para reivindicar a IGUALDADE REAL.
- Ademais do concurso de viñeta que se vén desenvolvendo desde hai 12 anos, nesta ocasión, convocouse o 1º certame de Relato Xuvenil con diferentes categorías.
O acto estivo presidido por diversas autoridades da vila, entre as que se atopaban a Concelleira de Igualdade, a directora do CIM, o alcalde e varios concelleiros e concelleiras da corporación municipal. A encargada de abrir o acto foi a Concelleira de Igualdade, Dna. Ana Isabel Otero Pastoriza, que dou lectura a un sentido discurso. 
Seguidamente, o alumnado de cuarto do noso cole encargouse de levar a cabo a DECLARACIÓN INSTITUCIONAL. Que fermosísima actuación! Baixo o título "Mulleres famosas, mulleres nosas" fixeron un percorrido polas biografías de mulleres ilustres que ao longo da Historia loitaron por acadar a igualdade de xénero e que destacaron en diferentes ámbitos. Pero o que de verdade lle conferiu un carácter absolutamente emotivo foi o emparellamento de cada unha desas mulleres célebres coa biografía das nais, as avoas, as bisavoas destes nenos e nenas... mulleres anónimas, valentes, loitadoras, queridas, moi queridas! A canción "Matriarcas" de Guadi Galego puxo banda sonora a esta mostra que nos trouxo as bágoas aos ollos a moitas e moitos dos que alí estabamos.


Esta representación tan fantástica foi a culminación dun gran traballo que estiveron realizando durante todo un mes. Primeiro traballaron o texto da biografía e logo realizaron un traballo de investigación sobre diferentes mulleres, co que aprenderon moitísimas cousas que logo compartiron con todos nós. Se queres ver o Power Point que empregaron como fondo, preme na seguinte imaxe.


Xa na entrega de premios, aplaudimos os traballos seleccionados, entre os que se atopaban algúns dos nosos compañeiros e compañeiras. 


Laura Brocos de 6ºA, mención especial no concurso de viñeta e ilustración.


Unai Parada, Laura Pérez e Adrián Piñeiro de 5ºA, gañadores na categoría de Relato Xuvenil (traballo en equipo) pola biografía de María Purificación Gómez González. 

Noraboa a todos e todas!

Ningún comentario:

Publicar un comentario