martes, 12 de marzo de 2019

EVA MEJUTO VISITA O BIBLIOCASTELO

Esta mañá visitou o noso Bibliocastelo a escritora Eva Mejuto. Os afortunados foron os rapaces e rapazas de sexto porque leron a súa novela titulada 22 segundos .
No tempo que compartimos, ademais de falar do seu libro, tivemos a oportunidade de coñecela un pouco. Así soubemos que malia estudar xornalismo, a súa auténtica vocación sempre foi a de escribir. De feito, a súa afección polos libros levouna a traballar en dúas editoriais (Kalandraka e OQO) de gran renome na publicación de álbumes ilustrados en galego.
No que atinxe a 22 segundos, novela xuvenil protagonizada por un mozo transexual; explicounos as razóns polas cales decidiu contar esta historia, como se documentou para creala e algúns dos trucos que empregou para que nos resultase atractiva e fácil de ler.
Resultou especialmente significativo saber que a cuberta do libro presenta a imaxe real dun mozo transexual ao que tivo a oportunidade de coñecer e cuxas vivencias foron determinantes na redacción da novela.






Queremos agradecerlle a súa visita, cordial, amable, distendida, accesible... e sobre todo, a visibilización destas persoas que sofren moitas veces o maltrato e a intolerancia da sociedade por falta de información e de empatía.


Grazas, Eva, por acompañarnos no noso camiño á adolescencia abrindo as portas de nosa conciencia. Porque o dereito á identidade e á dignidade é incuestionable.

22 segundos, un libro para medrar 




Ningún comentario:

Publicar un comentario