O pasado sábado a Praza Massó da nosa vila converteuse nun gran templo do saber científico e literario. Así o recolle o Faro de Vigo nas súas páxinas. Centos de persoas acudiron á II FEIRA DA CIENCIA E LITERATURA, organizada polo IES Johan Carballeira e na que participamos todos os centros educativos de Bueu.
O alumnado traballou durante todo o curso diferentes libros e novelas que teñen unha estreita relación coa ciencia. Logo, na feira amosaron aos visitantes os experimentos aos que deron pé esas lecturas, demostrando que ciencia e literatura non son antagónicas, senón que se complementan á perfección. Así tamén o manifestou a Conselleira de Educación Dona Carmen Pomar, que asistiu a presentación deste evento xunto con outras autoridades e pousaron no photocall da Señorita Bubble, personaxe principal dun dos libros que se traballaron (o decorado foi feito polo alumnado do CEIP Montemogos).
Ademais das actividades que se desenvolveron dentro da carpa, realizáronse outras fóra dela. Houbo charlas, entrevistas, obradoiros e ata se instalou unha biblioteca.
A participación do noso cole na feira tivo lugar na Sala Amalia Domínguez. Sara Curra, Soraya, Dani e Miguel, alumnos de 6º, representaron co Kamishibai a biografía de Isabel Pastoriza Santos, unha ilustre científica bueuesa. Despois proxectouse un fragmento da entrevista que lle fixera María, a súa sobriña, e Sara no Bibliocastelo.
Houbo dúas funcións, unha á mañá e outra á tarde. A da tarde foi moi especial, xa que contamos coa presenza da protagonista desta actividade, Isabel Martínez. Dende aquí queremos agradecerlle a súa asistencia e colaboración. Moitísimas grazas!
Na carpa instalada na Praza Massó o alumnado realizou diferentes e interesantes experimentos, nos que os visitantes podían participar . Ollade!
Este ano a Feira tamén foi un éxito, tanto de participación , como de asistencia , de organización...
Noraboa ao IES Johan Carballeira por esta fantástica iniciativa! Agardamos con impaciencia a III FEIRA DA CIENCIA E LITERATURA.
Ningún comentario:
Publicar un comentario