domingo, 17 de maio de 2020

17 DE MAIO, DÍA DAS LETRAS GALEGAS



Ola amiguiños e amiguiñas:
Hoxe estamos de celebración, é o día grande da nosa Lingua. Eu estou moi orgulloso de todos os traballiños que me enviastes para festexar esta data tan importante. Ao longo da semana estivéronme chegando unha morea deles. Agora vouvos ensinar os últimos que recibín. Ollade! 


Antón Ríos de 3ºB fixo unha composición chulísima e moi orixinal cun fragmento de "Un becho estraño" de Mon da Porta. Encántame, Antón!


Daniela Carballo Agraso enviounos o poema "Descendencia" de Carlos Fontes, cunhas ilustracións moi chulas. Xenial Daniela!


Carla García Acuña de 1ºA mandounos un fermoso poema de Antonio García Teijeiro "Ventos" cuns debuxos chulísimos. Moi ben, Carla!

Manel González de 6ºA ilustrou moi ben un  anaquiño do libro de Fina Casalderrey "A lagoa das nenas mudas". Xenial Manel!

Marcos Soliño de 3ºA mándanos unha carta moi ben ilustarda do libro "Cartas a Lelo" de Xosé Neira Vilas. Moi chulo o traballo, Marcos!

Mariña Santiago Pazó de 3º B fixo unha composición moi primaveral cun fragmento do libro "Frederick" de Leo Lionni. Moi ben, Mariña!

Laura Agulla Pastoriza de 3ºA mandounos un poema de Gloria Sánchez do seu libro "Rimas con letra". Moi chulo, Laura!

Leire García Barreiro de 1ºA fixo unha fermosa composición cun poema de Carlos Fontes que aparece publicado no libro "Poemas con piruleta". Encántame, Leire!

Carlos Santaclara de 3ºB fixo un bonito traballo cunha estrofa do poema "Galicia docemente" de Manuel María, publicado no libro "Os soños na gailoa". Xenial, Carlos!

Saray Martínez de 2ºB mándanos un anaquiño dun poema de Carlos Fontes, do seu libro "Poemas con piruleta". Moi ben, Saray!

Marcos Martínez de 5ºB enviounos un poema de Carlos Fontes titulado "Pinto o mundo de cores". 

Óscar de 6ºA realizou unha bonita composición cun fragmento de "A lagoa das nenas mudas" de Fina Casalderrey. Encántame, Óscar!

Moitísimas grazas rapaces e rapazas! Encántanme todos os traballiños que fixestes!

Lembrade que o Día das Letras Galegas non debe de ser un só día ao ano, teñen que ser todos os días. Amade e respectade a vosa lingua, xa que o idioma é o principal selo de identidade dun pobo.
Voume despedir cun fermoso poema de Ricardo Carbalho Calero,  autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, que lle dedicou a Rosalía de Castro.

Madrigal a Rosalía 

A ti, sombra perdida, espírito pergavante,
que entre néboas de alén andas errante.
A ti, clara voz morta, ollos feridos,
pazo esquecido, outono
lonjano, chúvia
aceda sen lecer, sibila
chorosa; a ti que tes 
o corazón de lua traspasado, 
nas mans tremor de maina bris que ri, 
as fazulas aradas pola dor
-oh estadea de bágoas sen fin-
e na fronte un fantasma aluarado:
a ti, 
de min, 
aos pes, 
a flor

dun siléncio ajoellado.

Biquiños




sábado, 16 de maio de 2020

STAFFAN MÖRLING. IN MEMÓRIAM

Benqueridos amiguiños e amiguiñas:
Hoxe estou triste. Entereime que o xoves finou Staffan Mórling. Preguntarédesvos quen é este señor. Pois este señor é un:

"Etnólogo sueco que foi feito "prisioneiro" polo embruxo da Illa de Ons, onde casou


Desta maneira tan fermosa o definía o noso benquerido e mestre xubilado do noso cole,  Arturo Cidrás.
Sei que algúns de vós estivestes investigando un pouquiño a cerca desta gran persoa. Déixovos o traballo que fixo Raúl de 4ºA. Ollade!

Parabéns Raúl! Un gran traballo!

Agora vouvos amosar un interesantísimo vídeo no que sae Staffan Mörling falando da Illa de Ons e do feliz que foi a súa estadía nese fantástico e idílico lugar. Ollade con moita atención! 



Agora xa sabedes porque é tan importante este persoeiro para a nosa vila. Foi nomeado Fillo Predilecto de Bueu e dedicóuselle unha rúa como recoñecemento ao seu labor. Levou con moita honra o nome de Bueu e o de Ons polo mundo adiante. Moitas grazas Staffan!
A comunidade do CEIP a Pedra quere expresar o seu máis sentido pésame a súa familia. 
Como ben di Arturo Cidrás: 

"A familia, Ons, Bueu e o mundo da cultura choran a un dos seus fillos, Staffan Mörling"

Descanse en paz!

venres, 15 de maio de 2020

LETRAS GALEGAS

Ola amiguiños e amiguiñas:
Estou moi contento, hoxe chegáronme máis traballiños. Están todos chulísimos! Ollade!


Miguel Rosas de 6ºB fixo un fermosísimo debuxo dunha viñeta de Castelao. Está xenial Miguel!

 Sandro de 3ºA enviounos unha estrofa do fermoso poema "A fala" de Manuel María. Chulísimo, Sandro!

Carmen Guisande de 3ºB ilustrou moi ben un anaquiño do poema de Rosalía de Castro "Adiós ríos, adios fontes". Moi ben Carmen!


Noa Gallego de 1ºA mándanos un fragmento do libro "Benxamín" de Paula Carballeira. Encántame!!

Vega Cruz de 1ºA fixo unha composición chulísima cunha estrofa do poema "Tanto te escondiches, sol..." de Antonio Noriega Varela. Xenial Vega!


Noa Reboiras de 3ºB mandou un anaquiño do conto "Mortiña" de Bárbara Cantini. Moi chulo, Noa!

Diego Fernández de 6ºB enviounos un bonito debuxo cunhas frases dun poema de Manuel María. Moi ben Diego!

E Aixa Framil de 3ºA mandounos un poema de Xoán Babarro titulado "Mouchiño Mou".
Xenial Aixa!

Moitas grazas, rapaces e rapazas! Noraboa, fixestes un gran traballo!

Biquiños


xoves, 14 de maio de 2020

LETRAS GALEGAS

Ola amiguiños e amiguiñas!
Como estades? Eu estou moi contento porque xa me chegaron algúns traballiños vosos cargadiños de palabras fermosas e fragmentos de libros escritos en galego para homenaxear as nosas Letras. Ollade!
Esta é a aportación de Raúl de 4ºA, un fragmento de "A lagoa das nenas mudas" de Fina Casalderrey. Un libro moi fermoso!

Diego de 6º de Infantil , mándanos un anaquiño de "Once damas atrevidas" de Oli.


Jonathan de 6ºB fixo unha fermosa flor cun fragmento do poemario "Aires da miña terra" de Manuel Curros Enríquez no seu interior.


E Roi de 3ºB envíanos un fragmento da canción "Eu teño alguén"  de María Fumaça. 

Moitísimas grazas rapaces! Encántanme!!!
Biquiños.



martes, 12 de maio de 2020

QUE RICO!

Ola amiguiños e amiguiñas!
Xa me chegaron algunhas das vosas  receitas e fotos cociñando. Que pratos máis ricos facedes! Ollade!
Roque mándanos unhas empanadillas que fixo co seu pai. Que boa pinta teñen!




Raúl e a súa familia prepararon unha deliciosa torta de queixo. Por certo Raúl, moitos parabéns! Díxome unha paxariña que o venres estiveches de aniversario.
Por se queredes facer esta torta tan rica, mandáronnos a receita.

 Moitas grazas rapaces por compartir con nós as vosas receitas!

Mañá máis cousas!
Biquiños.

luns, 11 de maio de 2020

PREPARANDO O DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Ola amiguiños e amiguiñas!
Que tal a fin de semana? Eu non parei. Na miña cachola andan rebulindo unha morea de ideas. Estiven pensando que podiamos facer para celebrar o Día das Letras Galegas e despois de darlle moitas voltas, creo que xa atopei unha boa idea. A ver que vos parece?
Podiamos copiar nun papel bonito un fragmento, unha frase, unha palabra dun libro escrito en galego. Poñendo o nome do libro, da novela, do poema do cal o copiamos e o nome do seu autor ou autora. Vouvos poñer algúns exemplos. Ollade!






Creo que pode ser unha boa maneira de honrar as nosas LETRAS, non si?
Veña, animádevos! Poñédevos mans á obra!!!
Agardo impaciente os vosos traballiños. 

Biquiños.


venres, 8 de maio de 2020

PAPIRUS CHEF

Ola amiguiños e amiguiñas:
Como o ides levando? Eu estou un pouco aburrido. Vós xa podedes saír un pouquiño. Hai un horario para poder pasear, pero cal é o horario dos polbos? Esquecéronse de nós!!
Pois como xa estou un pouco canso de tanto ler déuseme por cociñar. Hai uns anos fixemos un proxecto sobre cociña, mercamos unha morea de libros e eu aprendín un montón. Vouvos ensinar o que fixen onte: Brownie (é unha palabra inglesa), pasteliños de chocolate. Ollade!


 Necesítanse
* 3 ovos
*1 vaso de nata líquida
*1 vaso de azucre
*1 vaso de fariña
*1 vaso e 3/4 de cacao en po
* medio sobre de lévedo (eu bótolle dúas culleradiñas de bicarbonato)

Preparación:
É moi fácil. Ata un polbo coma min é capaz de facelo!
Hai que mesturalo todo. Primeiro o azucre e a nata. Logo engadimos os ovos, a fariña co lévedo e por último o cacao. Remexemos ben.


Despois de mesturar ben todo, botámolo nun recipente ao forno.


Cando estea cociñado, sacámolo do forno e cortámolo en cadradiños.



Eu ás veces corto os cadradiños a metade e rechéoos de marmelada de framboesa. Están riquísimos!!!

Anímovos  a que vos poñades mans á obra e que cociñedes algo. É moi divertido! Aproveitade a fin de semana para preparar suculentos pratos.
Se facedes algunha receita, sacádelle foto e enviádema para compartir con todos.
Que pasedes unha boa fin de semana. Ata o luns!!

Biquiños!




xoves, 7 de maio de 2020

PREPARANDO O DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Benqueridos amiguiños e amiguñas:
Xa sabedes que o 17 de maio celebramos o Día das Letras Galegas. Este ano vai ser moi diferente, pois témolo que festexar a distancia. Xa se me ocurrirá algo.


Nesta ocasión dedícase este día tan importante para nós a Ricardo Carvalho Calero. Para que coñezades un pouquiño máis deste persoeiro, déixovos un telexornal que fixeron os alumnos e alumnas do CPI Plurilingüe dos DIces (Rois-A Coruña). Paréceme un documento imprescindible para achegarnos a este autor e a súa obra.



Agora xa sabedes un pouquiño máis deste autor.

Mañá máis cousas.

Biquiños.



mércores, 6 de maio de 2020

REGÁLOVOS UN CONTO E UN MAIO

Ola amiguiños e amiguñas!
Que tal, como estades? Eu estou moi contento. Lembrades que onte vos preguntei se fixerades un maio? Pois parece que si. Onte os meus amigos Raúl e Diego mandáronme a foto do maio que fixeron co axuda do seu avó. Ollade!



Está chulísimo! Grazas por compartir con nós este maio tan chulo.

Encántanme eses avós e avoas que coidan, axudan e fan actividades  tan chulas coma esta cos seus netos e netas. A min encantaríame ter un avó ou unha avoa!!! Se sabedes dalgún que me quiera adoptar, avisádeme! Eu encantado.

Hoxe tráiovos un conto que me gusta moito, titúlase "Orellas de bolboreta". Lémbradesvos que o outro día faleivos do acoso escolar? Pois este conto narra a historia de Mara, unha nena da que se burlan os seus compañeiros e compañeiras debido ao seu aspecto físico. Mara cóntallo a súa nai e esta tenta darlle un sentido positivo a todo o que lle din os seus compañeiros e compañeiras, empregando a imaxinación. Mara aprende o consello que lle dá a súa nai e emprega a imaxinación para contestarlles de maneira enxeñosa e divertida. Ollade a ver que vos parece!




Mañá máis cousas.
Unha forte, fortísima aperta.



martes, 5 de maio de 2020

PICTOCONTO

Ola amiguiños e amiguiñas!
Que tal a fin de semana? Paseastes moito?
Como non podedes vir ao Bibliocastelo a coller libros vouvos mandar cada día un. Que vos parece? 
Para hoxe prepareivos un moi especial. É un pictoconto e titúlase "La rana pirata". Premede na imaxe para poder lelo. Espero que vos guste.


Xa me contaredes se fixestes algún maio.

Mañá outro conto. Pasádeo ben!
Biquiños.


luns, 4 de maio de 2020

DÍA INTERNACIONAL CONTRA O BULLYING E O ACOSO ESCOLAR

O pasado sábado 2 de maio foi o Día Internacional contra o bullying e o acoso escolar. Celébrase este día co obxectivo de concienciar sobre o risco de acoso escolar nos nenos e nenas e nos mozos e mozas a nivel mundial. Así como buscar mecanismos para evitar este mal, que hoxe en día convertiuse nun terrible perigo para a poboación infantil e xuvenil. Se queredes máis información premede na seguinte imaxe.
Agora vouvos amosar uns vídeos moi interesantes




Hai que ser tolerante e aceptar e respetar aos demais.



 O importante que é a empatía, ser capaz de percibir, compartir as emocións e os sentimentos dos demais. 


E lembrade algo moi importante, se sufrides acoso ou sabedes de alguén que o sofre, non caledes,  tendes que contalo aos vosos pais, aos profes...
NON O PERMITADES!   STOP ACOSO! Como di a seguinte canción "Búscanse valentes"



Mañá máis cousas!

Biquiños.