domingo, 29 de outubro de 2017

VISITA DO CHEF GONZALO VILLANUEVA

O alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º este ano festexaron o aniversario da nosa mascota dun xeito moi especial. Papirus tíñanos preparada unha sorpresa! Convidou a súa festa de aniversario, nada máis nin nada menos, que a un chef internacional, Gonzalo Villanueva. Este gran cociñeiro traballa nun famoso restaurante de comida mediterránea chamado Costa del Sol, que está en Hartford, no estado de Connecticut en Estados Unidos (está preto de New York).


E preguntarédesvos...de que o coñece Papirus? Pois resulta que o ano pasado cando estivo de viaxe, lembrádesvos? un día descubriu por casualidade ese restaurante e como a comida estaba boísima, preguntou quen era o chef. Así foi como coñeceu a Gonzalo, que tamén é de Bueu, concretamente da Praia de Beluso. Mira por onde fóronse atopar dous de Bueu a miles de quilómetros de distancia e ademais, Gonzalo tamén coñece o Cole de A Pedra, xa que a súa sobriña Iria estuda aquí, está en 4ºB. Menuda coincidencia! Ela foi a encargada de presentarnos ao seu tío.



Gonzalo contounos a súa aventura, como un rapaz de Bueu chegou a converterse nun chef en EEUU. Dende moi cativo el quería ser cociñeiro e traballar en New York. Con moito tesón e esforzo o seu soño fíxose realidade!


Con tan só 13 anos marchou a estudar cociña á Escola de Restauración e Hostelería Vilamarín en Ourense.


Na fin de semana, cando viña a casa, compaxinaba os estudos co traballo. Axudaba no restaurante que tiñan os seus pais, "O Peixoto" e tamén traballaba na Centoleira.
Rematou os 5 anos de estudos co mellor expediente e como premio un dos seus mestres ofreceulle un traballo nun restaurante en EEUU. Así con 18 anos cruzou o charco e marchou moi lonxe. Dende entón leva 17 anos traballando alí.







Despois da charla, houbo quenda de preguntas. Os rapaces e rapazas prantexáronlle cuestións moi interesantes: cal era o prato do restaurante que máis pedían os clientes? Cantas Estrelas Michelín tiñan? Que persoas famosas foran ao restaurante?...
Ao final ata firmou autógrafos. Xa é toda unha estrela!



Grazas a Gonzalo Papirus entrou en contacto co fascinante mundo culinario e gustoulle tanto que quere que investiguemos e aprendamos moito sobre cociña e alimentación. Para que descubramos cousas interesantes sobre estes temas, preparounos no Bibliocastelo un expositor cunha morea de libros. Por iso o lema do proxecto deste curso é :

"Unha enchente de libros" 

Moitas grazas Gonzalo por compartir con todos nós a túa incrible experiencia e sobre todo por ensinarnos que os soños están para cumprirse. Que se algo queremos, debemos loitar para acadalo. Con traballo e esforzo todo é posible, ata os soños máis inalcanzables. Amosáchenos unha gran lección de vida! 




Tamén moitas grazas a Maricarmen, a irmá de Gonzalo e a nai de Iria, que foi quen fixo posible este encontro.


Chef Gonzalo, foi un pracer telo con nós! 





Ningún comentario:

Publicar un comentario