Hoxe, no patio do cole, fixemos unha gran festa para celebrar o DÍA DAS LETRAS GALEGAS. Comezamos recitando por cursos o poema de Mª Victoria Moreno Un cachiño de bica, extraído do libro Eu conto ti cantas. Con estas estrofas realizamos un mural cooperativo, que decora a entrada do cole.
Despois os alumnos e alumnas de 4º, 5º e 6º montaron con letras feitas con diferentes materiais, as dúas últimas estrofas do poema Galiza de Manuel María. Estas letras fixéronnas na casa coa axuda das súas familias. Quedou espectacular! Ollade!
Esta especie de alfombra xigante tamén decorará unha rúa da nosa vila o 3 de xuño, día no que se celebra o Corpus Christi de Bueu e toda a vila engalánase con fermosas alfombras florais. Deste xeito os alumnos e alumnas participan nesta bonita tradición.
Despois cantamos este fermoso poema de Manuel María.
O broche final desta celebración púxoo o alumnado de 6º que interpretou coa frauta o HIMNO GALEGO. Logo cantámolo todos xuntos.
Os cativos de 6º ano de infantil tamén recitaron un poema de María Victoria Moreno. Ollade!
Ningún comentario:
Publicar un comentario