mércores, 22 de abril de 2020

22 DE ABRIL, DÍA INTERNACIONAL DA NAI TERRA

Ola amiguiños e amiguiñas: 
Hoxe, 22 de abril celébrase o Día Internacional da Nai Terra, unha efeméride oficial proclamada polas Nacións Unidas en 2009.

Aínda que temos que dicir que esta data celébrase desde o ano 1970 co obxectivo de concienciar á humanidade sobre os problemas xerados pola  superpoblación, a contaminación, a conservación da biodiversidade e outras preocupacións ambientais. 
Para festexalo que vos parece se pensamos entre todos e todas que cousas podemos facer para protexer e coidar o noso planeta? A min ocórrenseme unhas cantas. Se premedes na seguinte imaxe levaravos a unha páxina na que aparecen varias iniciativas levadas a cabo por persoas de diferentes países. Algunhas son moi curiosas.


Se vos apetece poderiades facer unha lista coas actividades que se poden realizar para coidar o planeta e logo eu as publico no blog. A ver cantas se vos ocorren? 

Sabedes que a ONU concede cada ano un premio chamado "Campións da Terra", a través do cal se recoñece o labor de persoas ou grupos que traballan polo medio ambiente, que inspiran a outros e que defenden un futuro mellor para o noso planeta? Trátase do máximo galardón ambiental do mundo. É o mellor de todo é que calquera persoa pode participar. A que estades agardando? Na páxina web a que vos leva a imaxe anterior explícanse as bases deste concurso. 

Agora vouvos amosar un vídeo que fixeron os cativos e cativas dun cole  (EEI Monte da Guía) para festexar este día tan especial. Está en linguaxe de signos. Ollade con atención!


Fantástico, verdade?

Mañá máis cousas. Agardo impaciente as vosas suxerencias para coidar o noso planeta! 

Moitos biquiños.

martes, 21 de abril de 2020

16 DE ABRIL DIA INTERNACIONAL CONTRA A ESCRAVITUDE INFANTIL

Ola amiguiños e amiguiñas:
Como o ides levando? Eu hoxe estou bastante animado porque me están chegando as vosas fotos e estou cheo de ledicia vendo como ledes no voso recanto favorito. Tamén me gustan moito os debuxos das portadas dos vosos libros preferidos. O vindeiro día 23 amosaréivolas todas.

    Hoxe quero falarvos dun tema que me enche de tristura: a escravitude e a explotación infantil. Hai moitos nenos e nenas no mundo que se ven obrigados a traballar e para denunciar esta inxusta situación estableceuse o día 13 de abril como Día Internacional contra a Escravitude Infantil. Escolleuse este día porque foi cando morreu IQBAL MASIH, un neno que sufriu e que denunciou esta situación.

                   Iqbal Masih. - ppt descargar
Un compañeiro voso, Manuel Fernández Cruz de 4ºA fixo un traballo precioso sobre este rapaz, Iqbal Masih e sobre a escravitude infantil. Ollade as imaxes!



Noraboa Manuel, un traballo FANTÁSTICO!!!

Para saber un pouquiño máis sobre este tema, déixovos un vídeo. Ollade!


Que vos pareceu? É moi inxusto que nenos e nenas teñan que traballar en vez de ir á escola. Temos que loitar entre todos e todas para que isto non aconteza.

Bueno, eu xa me despido. Mañá máis cousas, heivos de ensinar un debuxo chulísimo que me fixo Diego do conto Corre, corre, cabaciña.
Ata mañá. Moitos biquiños.

luns, 20 de abril de 2020

UN CONTO

Ola amiguiños e amiguiñas:
Que tal a fin de semana? Eu estiven un pouco líado, estiven fedellando entre os libros para atopar un chulo co que  vos agasallar. Despois de moito buscar atopei un na rede que sei que vos vai encantar. Trátase de Corre, corre cabaciña. Está contado por André Letria e Eva Mejuto. Esta última visitou o ano pasado o Bibliocastelo. Estivo falando do seu libro 22 segundos coa rapazada de sexto. Ollade e escoitade!


Que vos pareceu? Espero que vos gustara. Se vos apetece podedes facer un debuxo do conto.
Mañá máis cousas.
Biquiños.


venres, 17 de abril de 2020

23 DE ABRIL DÍA DO LIBRO


Benqueridos amiguiños e amiguiñas:
Como o ides levando? Espero e desexo que moi ben.
Como xa sabedes o 23 de abril é o Día Internacional do Libro e sempre o celebramos. Aínda que estamos na casa, queremos igualmente festexalo, pero para iso precisamos da vosa axuda. Gustaríanos que sacásedes unha foto lendo no voso recanto favorito da casa . Logo esa foto podedes enviarma ao meu correo para logo publicalas. Que vos parece?
Se queredes tamén podedes facer un debuxo, un collage... da portada do voso libro favorito e sacádeslle unha foto e ma enviades.
Que pasedes unha boa fin de semana.
Biquiños e unha forte aperta.


venres, 3 de abril de 2020

VENTÁS AZUIS!!

Ola amiguiños e amiguiñas:
Hoxe estou supercontento, que digo, superrequetefeliz!!!! Logo ides saber porque.
Moitísimas grazas polas fotos que me enviástedes coas vosas tarabelas azuis. Quedaron preciosas e que ben lucen nas fiestras e nos balcóns. Vóuvolas ensinar todas, pero antes quero amosarvos un vídeo que me emocionou moitísimo. Envioumo Paula de 4ºA. Nel pídelles aos seus veciños e veciñas que aplaudan, pero nesta ocasión o aplauso non é para os sanitarios aos que lles aplaudimos todos os días, nesta ocasión o aplauso é para Leo, un neno autista. Ollade!

IMPRESIONANTE!!!! Noraboa Paula, por esta fermosa iniciativa! 

Agora imos coas fotos!





























Outras, como Paula pintaron corazóns azuis nas ventás e decoráronas. Ollade!





Agora entendedes por que estou tan contento? Non teño palabras para expresar o orgulloso que estou de vós! Sodes incribéis!!!

Biquiños e unha fortísima aperta!





xoves, 2 de abril de 2020

DATAS MOI IMPORTANTES

Benqueridos amiguiños e amiguiñas:
Como estades? Eu hoxe estou un pouco líado, xa que se celebran dúas datas moi importantes: O DÍA MUNDIAL DA CONCIENCIACIÓN DO AUTISMO e o DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL.


DÍA MUNDIAL DA CONCIENCIACIÓN DO AUTISMO




Para concienciarnos e darlle visibiladade que vos parece se hoxe decoramos as nosas ventás e os nosos balcóns cunha tea azul ou cun muíño de vento feito de papel? Na imaxe de arriba explícase como facelo. Se o facedes gustaríame que lle sacásedes unha foto ao voso balcón ou ventá e ma enviásedes ao meu correo bibliocasteloapedrapapirus@gmail.com. Logo subirei todas as fotos ao blog. 
Déixivos un precioso conto sobre o autismo.




DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL

Como en anos anteriores (aínda que este sexa diferente) o IBBY (International Board on Books for Young People) chama á conmemoración do Día do Libro Infantil o 2 de abril, data de nacemento de Hans Christian Andersen. O obxectivo é promocionar os bos libros infantís e xuvenís e a lectura entre os máis novos.
A scción patrocinadora deste ano é Eslovenia que difunde unha mensaxe de Peter Svetinai ilustrada por Damijan Stepanic: Fame de palabras.
GÁLIX (Asociación do Libro Infantil e Xuvenil), facilítanos a tradución ao galego de Héctor Cajaraville.



Para que gocedes deste día tan especial déixovos un conto que me enviou hai uns días a miña amiga e gran contacontos Charo Pita. Espero que vos guste!


Nada máis por hoxe. Agardo impaciente as fotos dos vosas ventás adornadas de cor azul para conmemorar o Día do autismo.
Moitos biquiños e unha forte aperta!

martes, 31 de marzo de 2020

VIDEOPOEMAS

Bos días amiguiños e amiguiñas:
Como estades? Eu vou levando bastante ben este confinamento grazas a vós, sobre todo a eses videopoemas tan fantásticos que me enviades. Paso todo o día ollándoos, así sinto que estou preto de vós.
Hoxe recibín outros dous chulísimos, de dous irmáns que están en 2ºB, son Lucas e Jan Hofkamp Recamán, que nos len dous fermosos poemas sentados nunha randeeira. Pero antes de ensinárvolos teño que pedirlle desculpas a Carlota, xa que onte publiquei tan só unha estrofa dunha fantástica poesía que inventou sobre a Lúa e o coronavirus. Déixovos o poema completo para que o escoitedes.


Xenial Carlota! Moitas grazas polos ánimos! Seguro que entre todos o venceremos!


                      
Jan recítanos un fermosísimo poema de Fermín Bouza-Brey titulado Nao senlleira. Encántame, Jan!




Lucas lenos un precioso poema de Federico García Lorca dedicado a cidade de Santiago de Compostela. Xenial, Lucas! Gústame moitísimo!

Moitísimas grazas rapaces e rapazas, estades facendo que esta situación sexa máis levadeira! Estou desexando vervos.
Biquiños e unha fortísima aperta.

luns, 30 de marzo de 2020

VIDEOPOEMAS SOBRE A LÚA E O SOL

Ola amiguiños e amiguiñas:

Que tal a fin de semana?
O outro día os rapaces e rapazas de cuarto estiveron traballando poemas sobre o Sol e a Lúa do gran escritor galego Manuel María. Memorizaron e recitaron e incluso inventaron algunha estrofa. Encántanme. Ollade!



Raúl, o seu irmá Diego e o seu avó recítannos un fermoso poema. Son uns REQUETEVALENTES! (Eles saben porque llo digo). Coidade moito ao avó!!


Manuel Fernández Cruz, recítanos un poema de Manuel María. Ti tamén es un Requetevalente. Xenial, Manuel!


Carlota Medraño Fernández, recítanos unha fermosa poesía que ela inventou sobre a Lúa e o Coronavirus. Moi ben Carlota, ti tamén es unha REQUETEVALENTE!


Borja Verde Castro recítanos o poema do sol de Manuel María. Tamén inventou unha bonita estrofa:
                                 A Lúa chámase Canela
                                 e é unha señora moi presumida
                                 leva un chaleco con ela
                                 que lle durará toda a vida.  
Xenial, Borja!

Daniel Ríos Álvarez tamén inventou unha estrofa, na que a Lúa é a protagonista. Ollade!
                                 A Lúa chámase Macarena
                                 e é unha muller encantadora
                                 pero non é risueña
                                 pois non lle gusta vivir soa.

Moi ben, Dani!
Moitísimas grazas rapaces e rapaces, facédelo xenial! Seguide traballando así. Estou moi orgulloso de vós.
Biquiños e unha forte aperta.
  

venres, 27 de marzo de 2020

27 DE MARZO, DÍA MUNDIAL DO TEATRO

Benqueridos amiguiños e amiguiñas:
Espero e desexo que esteades moi ben.
Hoxe celébrase o Día Mundial do Teatro. A mensaxe deste ano para conmemorar esta data tan importante está firmada por  Shahid  Mahmood  Nadeem, xornalista paquistaní, dramaturgo, guionista, director de teatro e televisión, e activista de dereitos humanos. Se queredes ler esta mensaxe premede na seguinte imaxe.




Como temos que estar na casa e non podemos ir ao teatro, ocorréuseme achegárvolo aos vosos fogares. Para que gocedes en familia co marabilloso mundo da escenificación déixovos unha actuación superdivertida do grupo Tricicle. Son boísimos! Para morrer coa risa! A función titúlase Na sala de espera do dentista. Xa me contaredes que vos pareceu. E agora dádelle ao vídeo e que suba o pano!!



Que vos pareceron? A min encántanme!!

Vouvos deixar un vídeo por se alguén lle apetece facer un teatriño de papel para escenificar ou facer algunha representación. Ollade!



Que pasedes unha boa fin de semana.

Moitos biquiños e unha forte aperta!



mércores, 25 de marzo de 2020

VIDEOPOEMAS

Bo día amiguiños e amiguiñas?

Que tal estades? Eu cada día estou máis ledo grazas aos videopoemas que me enviades. Chegáronme máis. Ollade!


Sandro Juncal Santos de 3ºA le a ritmo de pandeireta, o fermoso poema de Manuel María, Galicia, que aparece na súa obra Os soños na gaiola.
Xenial, Sandro. Encántame a túa interpretación!!


Ainhoa Santaclara Gil de 2ºB, acompañada polos seus peluches, recita un poema de Gloria Fuertes sobre a primavera. Moi ben Ainhoa. Chulísimo!


Moitísimas grazas, Sandro e Ainhoa por estes fantásticos videopoemas!

Moitos biquiños e unha gran aperta!