luns, 24 de decembro de 2018

BO NADAL!

Con esta fermosa postal colaborativa queremos desexarvos unhas FELICES FESTAS. Foi feita a partir do mural que decora a entrada do cole e no que participou todo o alumnado.


Os cativos e cativas de Educación Infantil realizaron os bonecos de neve e os de primaria as estreliñas que o decoran. Cada estrela está dedicada a unha persoa que loitou en prol dos DEREITOS HUMANOS. Primeiro investigaron sobre elas e con toda a información fixeron unha breve reseña que colocaron no mural. Estes foron os elexidos e elexidas:
1ºA- Emilia Pardo Bazán.
1ºB-  Rigoberta Menchú.
2ºA- Annie Nushann.
2ºB- Gandhi.
3ºA- Malala.
3ºB- Clara Campoamor.
4ºA- Concepción Arenal.
5ºA- Teresa de Calcuta.
5ºB- Igbal Masih.
6ºA- Nelson Mandela.
6ºB- Martin Luther King.






O lema elexido para presidir o mural, foi o de María Otero de 5ºB. Noraboa!


Como todos os anos participaron as familias. Dende aquí queremos agradecerlles o seu esforzo e dedicación. Moitísimas grazas!
Se queredes ler todos os lemas premede na seguinte imaxe





mércores, 19 de decembro de 2018

GUÍAS DE LECTURA DE NADAL

Xa están aquí, recén saídas da imprenta, as guías de lectura para o Nadal. O lema deste ano é :
LEO, LEO, LEO, MEDRO, MEDRO, MEDRO...



Moitas grazas a Ana Valuja do CEIP de Seixo pola enmaquetación e a Marc Taeger polas fantásticas ilustracións. Realizaron un magnífico traballo de maneira totalmente altruísta.

As guías foron elaboradas por mestres e mestras da bisbarra amantes da lectura e da lingua galega. Nelas poderedes atopar novidades e reedicións de obras literarias moi interesantes e de música do último ano. Son unhas fantásticas ideas para agasallar, non só no Nadal, senón en calquera outra data. Veñen como sempre, por idades. Ollade!

   


   


   

Feliz Nadal e boas lecturas!

mércores, 12 de decembro de 2018

OS TRASNOS SON NOTICIA!


Hoxe os cativos e cativas de catro anos saíron no xornal porque gañaron un premio! Participaron no concurso "Giotto eres tú", presentando un traballo artístico chulísimo, que realizaron con material de reciclaxe. Representaron a nosa mascota, Papirus, que elaboraron con botellas de plástico pintadas de cor rosa. Completaron esta magnífica obra de arte cun barquiño, que confeccionaron con tubos de cartón. Se queredes máis información premede na seguinte imaxe.


Noraboa, sodes uns campións!

sábado, 1 de decembro de 2018

NOVEMBRO. MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS

  
Como todos os anos, ao longo deste mes, celebramos o MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS con varias actividades :
- Exposición de libros científicos en galego.


- Lectura e comentario do manifesto que nos enviaron dende Bibliotecas Escolares de Galicia e que realizou Luis Navarro, profesor titular de Bioloxía da Universidade de Vigo. Nel fala da importancia que tiveron os libros e as bibliotecas na súa formación tanto persoal como profesional. Se queredes lelo, pinchade no seguinte enlace
Nesta páxina atoparedes tamén información moi interesante: blogs de ciencias, materiais...
- E como non! Fixemos unha morea de traballos e experimentos! Premede na seguinte imaxe para velos.