sábado, 21 de marzo de 2015

POESÍA E ARTE. OH, AS CORES!

Texto de Jorge Luján e ilustracións de Piet Grobler


Versos para enaltecer a beleza que nos rodea: o ceo, os froitos, os astros, a natureza... Un pracer para a vista e unha fonte de evocación para os demais sentidos.




O BEIXE 
adurmiñou na area
de tanto que o arrolou
a marea.

O AZUL 
está sempre arriba,
agás nalgunhas flores
e nos ollos da meniña.

A cor ROSA
fai o mesmo cás rosas,
perfuma
ata as máis pequenas cousas.

O AMARELO
roda polo ceo
coma umha moeda
de ouro morna.

Nunha pequena semente
cabe todo o VERDE,
cabe o trevo, cabe a ceiba,
cabe a selva enteira.

Ai!, LARANXA,
pequeno sol do horto,
dirán que te comín
e será certo,

Unha brasa acesa
pousou sobre o albedro.
Quen canta?
O VERMELLO.

O MARRÓN 
é un coco á deriva
ou un penedo
cun antílope encima.

Viu unha lagoa,
viu unha flor,
viu o solpor,
VIOLETA!

A noite vestiu
o seu traxe NEGRO
para que luzan máis belos
os ollos do universo.

Abre e pecha o seu abano
a lúa, moi paseniño:
BRANCO,
branquiño.


venres, 20 de marzo de 2015

ROSALÍA EN IMAXES

Na entrada do cole podemos ver unha pequena exposición das diferentes imaxes de Rosalía de Castro ao longo do tempo, baseada no libro "ROSALÍA DE CASTRO, IMAXE E REALIDADE" de Fernando Pereira Bueno (Xerais) e que se pode atopar na biblioteca.

Os seus rasgos máis característicos aparecen sempre, aínda que interpretados de diferentes maneiras segundo os artistas, dende fotografías antigas ata a versión Pop Art, pasando polos retratos e as caricaturas.


As imaxes dende a súa xuventude ata agora foron convertindo a esta muller defensora da súa dignidade e da súa lingua nunha icona da cultura galega recoñecida a nivel universal.







luns, 16 de marzo de 2015

PREMIO FERNÁNDEZ DEL RIEGO PARA AS BIBLIOTECAS ESCOLARES

As BIBLIOTECAS ESCOLARES de Galicia estamos de noraboa.

"O Premio Fernández del Riego á colaboración no ámbito editorial e cultural foi para as Bibliotecas Escolares de Galicia, unha iniciativa que se foi consolidando ao longo de dez anos e cuxo obxectivo é a dinamización da lectura nos centros escolares de toda Galicia, de primaria e secundaria. Douscentos vinte e oito centros galegos contan con CLUB DE LECTURA e nun 25% destes centros tamén funcionan  grupos de lectura de adultos. Segundo a Asesoría de Bibliotecas Escolares, os responsables desas bibliotecas e os coordinadores manteñen unha xuntanza anual, os Encontros do Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares,  e o mesmo acontece cos coordinadores dos clubs de lectura na Xornada de Clubs de Lectura".

No  PORTAL EDUCATIVO tamén se pode ler esta nova, despois de que o conselleiro de Cultura e Educación recollese o galardón,  outorgado pola Asociación Galega de Editores, o venres 13 de marzo no Pazo da Cultura de Pontevedra, .

O director de Xerais, Manuel Bragado, tamén se fai eco da nove na súa páxina BRÉTEMAS. 

martes, 10 de marzo de 2015

8 DE MARZO, DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

O pasado venres, 6 de marzo, foi un día realmente especial para nós. O CIM do Concello de Bueu celebraba a entrega de Premios do IX concurso de viñeta e ilustración baixo o lema "A igualdade no traballo" que organiza cada ano con motivo do Día Internacional da Muller.
A nosa escola xogou un papel relevante nesta gala: 
Por unha banda, Gabriel Oliveira Carballo de 6ºA gañou o primeiro premio e Inés Brión Martínez, de 5ºA e Inés Hermo Sanmartín de 6ºB cadansúa mención especial.




Ademais, correspondíanos a tarefa de levar a cabo a declaración institucional, para o que, as alumnas e os alumnos de 6º prepararan unha actuación dividida en tres partes:

Lara e Xoel deron comezo á nosa intervención compartindo con nós a historia da avoa de Xoel que foi redeira durante a súa mocidade.



Seguidamente, os mozos e mozas de 6º subiron ao escenario para recitaren un fragmento do poema de Elvira Riveiro titulado "As redes de Inés", dedicado a todas as mulleres que, como a avoa de Xoel, foron atadeiras.



Para rematar, Sabela e Jairo explicaron o proceso completo de composición e gravación da "CANCIÓN POLA IGUALDADE" (o alumnado de 6º compuxeron a letra partindo dunha melodía popular)




O sábado, día sete, saímos na portada do Faro de Vigo, en cuxo interior nos dedicaban unha fermosisima crónica a páxina completa!, pola cal queremos darlles as nosas máis sinceras grazas.

Los premiados en el concurso "A igualdade no traballo", durante el acto de ayer. // Gonzalo Núñez
PREME NA IMAXE PARA ACCEDER AO XORNAL

martes, 3 de marzo de 2015

ROSALÍA DAS ONDAS DO MAR

Aquí está o vídeo colaborativo (elaborado polo EDL do Sequelo de Marín), no que participamos, xunto con outros moitos centros do Morrazo, recitando o poema de Rosalía "Na lingua que eu falo".