venres, 25 de marzo de 2016

CONTACONTOS : ASTROPAL, UN COMETA CON CORAZÓN

O venres, 11 de marzo, tivemos un contacontos no Bibliocastelo a cargo de María Carrera. Os afortunados e afortunadas foron os alumnos/as de primeiro.
 
Contounos dous contos relacionados co espazo da editorial Hércules : Astropal, un cometa con corazón, que foi o libro que traballaron os nenos e nenas de primeiro e Cosmo e a estrela perdida.
 
 
Ademais dos contos estreou en primicia unha nova canción, "A brincadeira", na que todos participamos.
 
 
 
Acompañou os contos con proxeccións sobre o espazo. Pasámolo xenial!! Cantamos, bailamos... Houbo contos, cancións e sobre todo moita diversión!
 
 
María, esperamos que volvas axiña ao noso Bibliocastelo! Contigo sempre o pasamos xenial!

  
 



 

 

martes, 15 de marzo de 2016

8 DE MARZO, DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

O pasado martes, 8 de marzo, foi un día moi especial, celebramos o Día Internacional da Muller. Algúns cursos celebrámolo no Bibliocastelo lendo e traballando con lecturas que tratan o tema da igualdade no traballo e tamén biografías de mulleres ilustres.
Outros cursos foron á entrega de premios do X Concurso de Viñeta e Ilustración, baixo o lema "A igualdade no traballo", que organiza cada ano o CIM do Concello de Bueu. Este ano o primeiro premio de educación primaria foi para Inés Brión Martínez de 6ºA do noso centro. Rocío Novas Santaclara e Salvador Santos Piñeiro de 5ºB recibiron cadansúa mención especial. Ademais a Ilustración de Salva foi escollida como deseño da X Campaña de Educación non Sexista do ano 2016, pola imaxinación creativa e o colorido da súa obra. Ollade os traballos presentados. 


 
 
 
 
Noraboa a todos e todas!
 

 VISITA ESPECIAL
 
Ademais, ese mesmo día, tivemos a sorte de recibir no Bibliocastelo a dúas mulleres moi especiais : Maricarme, a avoa de Noa e Cachito, a avoa de Ari. Contáronlles aos nenos e nenas de 4ºA como dende moi xovenciñas tiveron que compaxinar o traballo na casa co traballo fóra dela.
A avoa de Noa traballa na oficina de correos de Bueu e a avoa de Ari nun centro de saúde de Pontevedra.
Uns días máis tarde, visitounos a avoa de María, que actualmente traballa nun hotel de Cangas.
Se queres saber algo máis da visita destas mulleres traballadoras, preme na seguinte imaxe.   
 
http://segundocicloapedra.blogspot.com.es/2016/03/8-de-marzo-dia-da-muller-traballadora.html
 
 Moitas grazas, foi un pracer compartir un anaquiño de tempo con vós.
 

xoves, 3 de marzo de 2016

PRESENTACIÓN DO LIBRO "A nenez galega a través dos anteollos de Castelao"


O luns rematamos este febrero bisiesto cun broche especial. Tivemos a fortuna de asistir á presentación dun magnífico traballo titulado : "A nenez galega a través dos anteollos de Castelao". Trátase dun proxecto interdisciplinar que nos permite descubrir a través das viñetas de Castelao a crúa realidade dos nenos e nenas galegos de principios do século XX, situación que se prolongou durante moitos anos.

Os seus autores, Óscar Rodríguez e Diana Vilas, son ademáis docentes, concretamente el imparte clases de xeografía e historia no IES Illa de Ons; motivo polo cal o contido da obra é en realidade unha unidade didáctica para ser aplicada nas aulas de ensino secundario. Contaron ademais con colaboracións especiais como a de Manuel Rodríguez (pai de Óscar e mestre xubilado) así como a do Gabinete didáctico do Museo de Pontevedra.

Temos que destacar que esta non  é  a primeira publicación destes autores, contan xa con outras relacionadas co ensino da historia e da arte a través das TICs. De feito esta obra sería a segunda parte dun traballo editado o ano anterior baixo o epígrafe de "Cousas de nenos". Ambas as dúas producións contaron coa subvención da Deputación Provincial de Pontevedra.

Co gallo da presentación do libro, tiveron a deferencia de agasallar  o noso Bibliocastelo cun exemplar e malia estar pensado para alumnos/as de secundaria, parécenos tan interesante que non queremos deixar pasar a oportunidade de tratar de desenvolver, cando menos aquelas actividades que se poidan adecuar ao noso nivel.
A presentación tivo lugar no Centro Social do Mar de Bueu.


 
               Foi un pracer descubrir este tesouro. MOITAS GRAZAS.