venres, 29 de maio de 2020

ARTE NO BIBLIOCASTELO

Ola amiguiños e amiguñas:
Estou moi contento, pois moitos de vós me comentastes os museos que visitastes! Todos me dixestes que fostes ao museo tan fantástico que temos en Bueu: Museo Massó. Outros visitaron o museo de Atapuerca (Burgos), o museo Xurásico de Asturias, o MUNCYT (Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía) de A Coruña... ata houbo algún que visitou o museo do Louvre cando estaba na barriga da súa mamá.
Chegoume un traballo sobre o cadro "O matrimonio Arnolfini" do que vos falaba onte. Fíxoo Raúl e quere compartilo con nós para que así aprendamos algo máis sobre este fantástico cadro. Está xenial!  Ollade e lede!

 

Título:   O matrimonio Arnolfini

 Autor:    Jan van Eyck (Maaseyck, 1390 -Bruxas, 1441).

Cronoloxía:  1434

Estilo: Gótico flamengo.

Técnica: óleo sobre táboa.

Tema:    escena costumista ou de xénero.

Localización: National Gallery (Londres).

Temática

    O cadro presenta un dobre retrato de corpo enteiro que corresponde a Giovanni Arnolfini, un comerciante italiano que residía en Bruxas, e a súa esposa Giovanna Cenami, filla de ou­tro mercador da mesma orixe.

Os símbolos vinculados ao matrimonio son o can (fidelidade), a borla, a talla de Santa Margarida e o dragón, como protectora dos partos na cabeceira da cama (fecundidade), o espello -sen mancha- e o rosario que colga ao seu lado (pureza da Virxe).

As froitas sobre a mesa que hai de­baixo da ventá representan a froita da "árbore do Ben e do Mal", a árbore prohibida, a froita do pecado orixinal, que será redimido co matrimonio.

A súa sinatura -"Johannes van Eyck fuit hic" (Jan van Eyck estivo alí)-, situada enriba do espello, fai pensar que o propio artista participou do en­lace en calidade de testemuña.


Noraboa Raúl! Un traballo fantástico! Moitas grazas por compartilo con nós. 

Que pasedes unha boa fin de semana!
Biquiños.