sábado, 31 de marzo de 2018

PRESENTACIÓNS ORAIS

Co gallo do proxecto deste curso, os rapaces e rapazas de cuarto estiveron investigando sobre enfermidades causadas por alimentos ou que están relacionadas coa alimentación (alerxias, raquitismo, escorbuto, diabete...). Despois fixeron power points e presentáronlles os seus traballos ao resto de compañeiros e compañeiras. Tamén na Hora de Ler, presentáronllos a alumnos e alumnas doutros cursos. Ollade os seguintes vídeos!

                                                        
    
                             
    Fixérono xenial!!! 


venres, 16 de marzo de 2018

Día Internacional da Muller

Durante a última semana de febreiro e a primeira de marzo realizamos diferentes actividades para conmemorar o DÍA INTERNACIONAL DA MULLER.
O alumnado de cuarto fixo un magnífico traballo de investigación sobre mulleres que destacaron en diferentes ámbitos e que loitaron en prol da igualdade. Tamén recompilaron as biografías das súas mulleres : bisavoas, avoas, nais , curmás, irmás, veciñas...Mulleres anónimas, pero non por iso menos importantes. Con todas as biografías destas mulleres confeccionaron un mural. 





O resultado deste magnífico traballo de investigación amosáronolo na Gala de entrega dos premios dos concursos que organiza o CIM co gallo do Día Internacional da Muller. Este acto tivo lugar no Centro Social da nosa vila.



Realizáronse ademais outras actividades nas que participou todo o alumnado do centro. Como o tema do PDI deste curso é a alimentación, estivemos investigando sobre si a discriminicación de xénero afecta a alta cociña. Lemos na Hora de Ler e na hora de biblioteca diferentes artigos de prensa e outros sacados de diferentes blogs que adaptamos ao noso alumnado, nos que se constata este feito e se denuncia a discriminación da muller na alta cociña. Cabe sinalar o de Yolanda Domínguez (artista visual e experta en comunicación e xénero) co título : "¿Dónde están las mujeres en la alta cocina?". O enlace ao blog é o seguinte :


Despois de realizar varios debates, puxémonos a indagar sobre mulleres chefs e así foi como descubrimos a María Marte. A súa vida é unha fermosísima historia de superación que nos engaiolou desde o principio. Empregamos diferentes estruturas da aprendizaxe cooperativa para aprender máis cousas desta incríbel muller: a lectura compartida para ler a súa biografía, e o lapis ao medio para cubrir esta ficha de comprensión.


O obxectivo fundamental deste traballo era que o noso alumnado tomase exemplo desta valente muller e que se quedase coa esencia da súa historia...
"Os soños están para cumprirse e os obstáculos e as barrieras para derrubarse"
"Con esforzo e traballo conseguiremos o que nos propoñamos" 



8 de marzo, Día Internacional da Muller

O pasado venres, vivimos unha xornada moi especial. Asistimos á gala de entrega dos premios dos concursos que o CIM (Centro de Información ás Mulleres) organiza cada ano co gallo do DÍA INTERNACIONAL DA MULLER.
Este ano houbo varias novidades, por exemplo:
- En lugar de celebrarse o 8 de marzo, celebrámolo o 9 porque o Día da Muller, as mulleres da vila concentráronse diante do concello en pé de folga para reivindicar a IGUALDADE REAL.
- Ademais do concurso de viñeta que se vén desenvolvendo desde hai 12 anos, nesta ocasión, convocouse o 1º certame de Relato Xuvenil con diferentes categorías.
O acto estivo presidido por diversas autoridades da vila, entre as que se atopaban a Concelleira de Igualdade, a directora do CIM, o alcalde e varios concelleiros e concelleiras da corporación municipal. A encargada de abrir o acto foi a Concelleira de Igualdade, Dna. Ana Isabel Otero Pastoriza, que dou lectura a un sentido discurso. 
Seguidamente, o alumnado de cuarto do noso cole encargouse de levar a cabo a DECLARACIÓN INSTITUCIONAL. Que fermosísima actuación! Baixo o título "Mulleres famosas, mulleres nosas" fixeron un percorrido polas biografías de mulleres ilustres que ao longo da Historia loitaron por acadar a igualdade de xénero e que destacaron en diferentes ámbitos. Pero o que de verdade lle conferiu un carácter absolutamente emotivo foi o emparellamento de cada unha desas mulleres célebres coa biografía das nais, as avoas, as bisavoas destes nenos e nenas... mulleres anónimas, valentes, loitadoras, queridas, moi queridas! A canción "Matriarcas" de Guadi Galego puxo banda sonora a esta mostra que nos trouxo as bágoas aos ollos a moitas e moitos dos que alí estabamos.


Esta representación tan fantástica foi a culminación dun gran traballo que estiveron realizando durante todo un mes. Primeiro traballaron o texto da biografía e logo realizaron un traballo de investigación sobre diferentes mulleres, co que aprenderon moitísimas cousas que logo compartiron con todos nós. Se queres ver o Power Point que empregaron como fondo, preme na seguinte imaxe.


Xa na entrega de premios, aplaudimos os traballos seleccionados, entre os que se atopaban algúns dos nosos compañeiros e compañeiras. 


Laura Brocos de 6ºA, mención especial no concurso de viñeta e ilustración.


Unai Parada, Laura Pérez e Adrián Piñeiro de 5ºA, gañadores na categoría de Relato Xuvenil (traballo en equipo) pola biografía de María Purificación Gómez González. 

Noraboa a todos e todas!

martes, 13 de marzo de 2018

VISITA Á PRAZA DE ABASTOS

Hoxe os nenas e nenas de primeiro visitaron a praza de abastos da nosa vila, unha das mellores de todo o Morrazo, pola  variedade e calidade do peixe e mariscos que vende.
As peixeiras e peixeiros explicáronnos moitas curiosidades e como diferenciar diferentes tipos de peixes. 










O que máis lles gustou de todo foron as piardas que unha peixeira lles regalou. Ao final metéronas todas nunha bolsa e logo á hora de saír repartíronas. 






Moitas grazas as peixeiras e aos peixeiros polas súas explicacións e infinita paciencia!

sábado, 10 de marzo de 2018

5-9 DE MARZO. SEMANA DA PRENSA

Esta semana, na hora de biblioteca, convertémonos en intrépidos reporteiros, reporteiras e xornalistas. Estivemos traballando a noticia como texto informativo : características, partes... Despois de lelas, subliñamos os titulares, comentámolas e buscamos as respostas ás preguntas tan características dos textos periodísticos : Que? Quen? Quenes? Cando? Onde? Como? Por que?. E por último redactamos, inventamos unha noticia. Fixémolo por equipos, empregando estruturas da aprendizaxe cooperativa. 
Tamén, ao longo de todo o curso estamos recompilando noticias de diferentes xornais que tratan o tema da alimentación. Estas noticias ímolas colocando nun mural que está na entrada do cole.





Ademais, os alumnos e alumnas de 5º e 6º  traballan co xornal todos os mércores ao longo de todo o curso, xa que partricipan no programa "La voz de la escuela". Na Hora de ler  fan diversas actividades: len as noticias máis destacadas, localizan as diferentes seccións, manexan a carteleira de cines, interpretan e comentan a información meteorolóxica...