Despois de traballar arreo papás, mamás, mestres, mestras, alumnos e alumnas, por fin chegou o día de pór os disfraces e ir de festa! As rúas de Bueu enchéronse de personaxes de películas moi coñecidos por todos nós.
Os nenos e nenas de infantil transformáronse en 101 Dálmatas. Os máis cativos ían nunha chulísima carroza feita pola ANPA.
Os Minions foi a película escollida polos de segundo de primaria.
Aproveitando o programa TEI, os rapaces e rapazas de terceiro foron cos seus titores de quinto disfrazados de Harry Potter e Dublemdore.
Piratas do Caribe foi a película escollida polos de cuarto.
A rapazada de sexto converteuse en fantasmas e cazafantasmas.
Abrindo o desfile ía o noso amigo Papirus, que fixo unha paréntese na súa viaxe para estar con todos nós neste acontecemento tan especial.
Tampouco faltou o grupo de gaitas Manxadoira, que sempre ameniza coa súa música o noso pasarrúas.
Despois do percorrido, cantamos as cantigas na Praza do Concello.
Xa de volta no colexio, puxémonos morados con tantas lambetadas : filloas, orellas, chulas...
Se queredes comprobar o ben que o pasamos, ollade o seguinte vídeo.
Moitísimas grazas a toda comunidade educativa (familias, profesorado, alumnado, persoal non docente...) que traballou de forma cooperativa para que este Entroido fose merecedor dun Óscar e un Goya a "Mellor festa do ano". E por suposto, o Óscar e o Goya a "Mellor banda sonora" foi para o grupo de gaitas Manxadoira, xa que encheu de música e ledicia o desfile.