sábado, 29 de xuño de 2013

CONTO VIAXEIRO: UNHA AVENTURA MONSTROSA

Este é o conto viaxeiro elaborado entre todos os alumnos e alumnas do noso cole. Cada clase aportou un anaquiño da historia "Unha aventura monstrosa" que comezou cos máis pequeniños/as de educación infantil e seguiu despois cos rapaces e rapazas de educación primaria.  Esperamos que vos guste.



martes, 25 de xuño de 2013

II CAMPAÑA DE LECTURA PARA O VERÁN

“En calquera momento do ano, en calquera época da vida para calquera celebración, sempre, sempre é tempo de libros”


Dende o Bibliocastelo A Pedra queremos comunicarvos que por segundo ano, imos por en marcha a campaña de lectura para as vacacións.

Dende o martes 25 e ata o xoves 27 estará aberta a biblioteca de 11.00 a 12.00 da mañá para que os rapaces e rapazas que queiran poidan acercarse e escoller de entre os nosos fondos, un lote de 10 libros que poderan ler durante os meses de xullo e agosto.

Para poder levar en empréstito este lote de libros é imprescindible que veñades acompañados dunha persoa adulta responsable.

E non esquezades que como aos grandes amigos hai que coidalos como o mellor dos tesouros para devolvelos en bo estado porque a biblioteca é de todos/as e para todos/as.

As datas para que poidades devolver estes libros serán durante a primeira semana de setembro dende o luns 2 ao xoves 5 no mesmo horario de 11.00 a 12.00.



luns, 24 de xuño de 2013

DIPLOMAS E AGASALLOS DE DESPEDIDA

O venres 21 entregamos os diplomas e un pequeno agasallo de recordo ao alumnado de sexto que participou como AXUDANTE DE PAPIRUS durante este curso. 



Foi un pequeno acto no que manifestamos o noso agradacemento pola súa axuda e colaboración durante as horas de recreo. Desexámoslles a todos eles moita sorte na nova etapa que están a piques de comenzar.


MOITAS GRAZAS RAPAZAS E RAPACES

luns, 17 de xuño de 2013

GUÍA DE LECTURAS REFRESCANTES

Chegan as vacacións, a praia, o campo e o sol, as viaxes e as aventuras... E sempre cun libro ao noso carón. Porque os libros pódennos levar a calquera lugar que nos podamos imaxinar. 
Esta é a nosa guía, coas novidades e recomendacións de lecturas para que non deixes de gozar dos libros durante estes próximos meses de verán.



luns, 10 de xuño de 2013

VIOLETA MONREAL NO BIBLIOCASTELO

Onte 6 de xuño, tivemos o grandísimo pracer de contar, por segunda vez, coa ilustradora e escritora Violeta Monreal no Bibliocastelo. 
E que coincidencia! Resulta que era o día do seu aniversario por iso improvisamos un "Cumpreanos feliz" que lle gustou moito.


Chegou cunha maleta  ateigada de sorpresas que se foron convertendo en materiais máxicos que ela, coas súas mans resgaba e convertía en creacións fantásticas, deixándonos a todos e todas abraiados.


Mentras nos ía contando cousas moi interesantes, foi construíndo unha menina dos cadros de Velázquez para o primeiro ciclo e un cabalo para o segundo ciclo.


Explicounos que o noso cerebro é como unha bola de plastilina e cando escoitamos ou atendemos vólvese brando e cando non o facemos, vólvese ríxido e non nos deixa pensar. Por iso é moi importante saber escoitar.

Antes de empezar a facer un traballo temos que pensar e visualizar o que queremos facer. Pechamos os ollos e imaxinamos ...  agarrámolo coa man e plasmámolo no papel. 
Segundo o facemos imos vendo como vai quedando e se non nos gusta o rectificamos,  sempre  podemos empregar un tapadefectos para corrixilo.
O importante é facer as cousas con moitas ganas e ilusión.
Antes de marchar abriu a súa caixiña máxica e agasallou, a cada neno e nena,  cun recordo especial (unha folliña de selva, unha pedra máxica ...) para pegar no seu libro favorito.


Tamén nos falou do seu último libro: "Caperucita Roja"


Para rematar, neste video pódese observar o proceso do seu traballo:

venres, 7 de xuño de 2013

FRAN ALONSO NO BIBLIOCASTELO

O mércores 22 de maio visitou o noso Bibliocastelo Fran Alonso cuxas poesías estivemos lendo e traballando este ano.



Recitounos moitas dos seus poemas e falounos das distintas técnicas para crear versos estupendos: repeticións de sons ou de versos, acrósticos ... 




Con moitísima paciencia respondeu a todas as nosas preguntas e asinou nos nosos libros: "O meu gato é un poeta" que leron os rapaces e rapazas de terceiro de primaria e "Cidades" lido polos nenos e nenas de quinto de primaria.




Para ver e saber máis sobre a súa visita, preme AQUÍ

xoves, 6 de xuño de 2013

CONCURSO: QUE SABES DE ... ROBERTO VIDAL BOLAÑO?

Xa está no tablón a seguinte pregunta do concurso das Letras Galegas:


Os seleccionados/as como gañadores nesta semana foron:

1. MARTA IGLESIAS IGLESIAS 4º B
2. CARLA FERRADAS VILLANUEVA 2º A
3. MARINA VIDAL DE LA TORRE 3º B