Esta semana imos por en marcha unha serie de actividades para conmemorar a celebración do DÍA DO LIBRO.
En primeiro lugar agradecemos a Paula Carballeira o precioso texto co que nos obsequiou para esta data e que imos ler en todas as aulas o martes 23 de abril durante a hora de ler.
SÓ UN LIBRO
Non sei que facer.
Miña irmá regaloume un libro.
Un libro.
Por que?
Que lle fixen eu?
Míroo e remíroo.
Sacúdoo, a ver se ten algo entre as follas, ademais de letras e debuxos.
Nada.
É só un libro.
Paréceme inútil, aí quieto, sen moverse.
Éntranme ganas de rompelo, de escachalo, de queimalo, de estragalo...
A ver se así reacciona.
Non.
Que vai reaccionar!
Espera.
O libro espera.
Non se decata de que son máis forte ca el.
Non se decata de que podería esnaquizalo se me deixase levar polo xenio.
Se cadra estase rindo de min.
Crerase moi importante por ser un libro.
Vouno abrir.
Teño curiosidade por saber que escribiron dentro del para que teña eses aires de superioridade.
Vaia!
Non está nada mal.
Empézame a caer simpático.
Tan caladiño, gardando a súa historia coma quen garda un segredo.
Ás veces penso que a miña irmá pode lerme o pensamento.
Era xusto o que eu quería.
Un libro.
Este libro.
A partires do luns 22 de abril e ata o venres 26 imos celebrar, en horario de recreo, unha MARATÓN LECTORA. O obxectivo é, ademais de promover a lectura, dar a coñecer unha serie de títulos en galego de gran calidade que non son os que o noso alumnado habitualmente len, no seu tempo de ocio.
Empezaremos coa lectura de "O PRINCIPIÑO" que ven de cumprir 65 anos e é un dos libros máis lidos no mundo porque foi traducido a 180 linguas diferentes.
"VERBAS DE SAL", "NERA A FERREIRA", "LUCES, BICOS E CORES", "TRES CONTOS MARABILLOSOS", "RIMAS CON PIRULETA" son algúns outros títulos que estarán presentes nesta maratón. Se queres saber máis preme na imaxe do principiño.
Durante a hora de biblioteca, xogaremos ao BINGO CLÁSICO, con adiviñas de personaxes de contos. Este é un dos cartóns.
E para rematar, con este LIM aprenderemos moitas cousas sobre a celebración do Día do Libro.