martes, 27 de abril de 2021

DÍA DO LIBRO (3ª parte)

 Ola amiguiñxs:

Hoxe o alumnado de 1ºA agasállanos cunha adaptación dun  fermoso conto  de aceptación e superación, titulado Por catro esquiniñas de nada do autor Jéromê Ruillier. Espero que vos guste tanto como a min. Escoitade!

Xenial!! Que ben o facedes!! Moitísimas grazas por compartilo con nós!

Biquiños



luns, 26 de abril de 2021

DÍA DO LIBRO (2ª parte)

 Ola amiguiñxs:

Hoxe estou supercontento! Enviáronme máis podcasts! Nesta ocasión é a rapazada de 4º, que co gallo do Día do Libro, cóntannos cales eran os seus libros preferidos cando eran cativxs e cales son agora. Escoitade!


Moitísimas grazas por compartir os vosos libros favoritos con nós. Tomamos nota!

Biquiños,


venres, 23 de abril de 2021

23 DE ABRIL, DÍA DO LIBRO

Ola amiguiñxs:

Hoxe estou moi contento por varios motivos. Un deles é porque é o Día do Libro, un dos días máis importantes do ano para min. Xa sabedes que me encanta ler e os libros son os meus mellores amigos, ademais de vós. O outro motivo é que me enviastes máis podcast. Sei que estivestes fedellando toda a semana no recanto da radio do Bibliocastelo. Estívenvos observando e vin o ben que traballastes. Enchestes de ledicia e balbordo o meu fogar! Había tempo que non sentía tan vivo o Bibliocastelo! 

Nesta ocasión foi o alumnado de terceiro o que estivo gravando podcast con recomendacións de libros. Anímovos a que as escoitedes, hai suxestións moi interesantes!

Tomarei nota e direille as miñas axudantes que merquen eses libros que nos recomendades. Encántame! Que ben  ledes os poemas!




Xenial! Que ben falades e que ben vos expresades! Seguide traballando así! Estou moi orgulloso de vós!
Biquiños


xoves, 22 de abril de 2021

RADIO NA BIBLIO

 

Ola amiguiñxs:

Hoxe vouvos contar unha boa nova. Grazas ao programa Radio na Biblio de Bibliotecas Escolares de Galicia, do que formamos parte, tivemos no cole unha xornada de formación para aprender a manexar este medio de comunicación tan fascinante, a radio. O alumnado de quinto foi o afortunado de recibila. Foi impartida por Luis Losada, membro de Rede Espora. Déixovos o enlace a presentación que fixo. É moi interesante, xa que ofrece moitos recursos que vos poden axudar no manexo deste medio.

https://docs.google.com/presentation/d/1CWsElZza1jihDM1edh2Wy97A-eVTpl4QIchYM0gHWnk/edit#slide=id.p

Despois da formación, veu o máis divertido. A rapazada foi a emisora a pór en práctica os coñecementos adquiridos. Gravaron os seus primeiros podcast. O resultado foi incríbel. Escoitade con atención!

 


Xenial! Un traballo fantástico! Xa sodes profesionais!
Vouvos amosar algunhas fotos desta interesante xornada.










E por último un pequeno vídeo... 

Espero que vos gusten os podcast tan chulos que fixo a rapazada de quinto.  Animádevos vós tamén. Agardo impaciente os vosos podcast!
Biquiños

 






22 DE ABRIL, DÍA DA TERRA

 Ola amiguiñxs:

Hoxe é o Día Internacional da Nai Terra. Xa sei que estades moi ben informados e concienciados sobre os problemas que están a afectar ao noso planeta: cambio climático, a contaminación dos océanos, a perda da biodiversidade...Por iso é moi importante que levemos a cabo accións encamiñadas a restaurar a Terra. Co gallo deste día, sei que fixestes unha morea de actividades:

- O alumnado de 3º fixo un proxecto sobre as plantas, que tiña como principal obxectivo coñecer a importancia que teñen os vexetais no noso planeta. Saíron pola contorna na procura de plantas, para estudalas e logo facer un mural. Despois plantaron leitugas e mirasois, aproveitando o compost que se fai no cole coas sobras das merendas e do comedor. Mesturaron compost e terra para facer a sementeira e logo trasplantaron a un testo para que cada nenx a leve a súa casa. Para esta tarefa contaron coa axuda e o asesoramento de Ramón, o conserxe. Ollade o seguinte vídeo!

  

- A rapazada de 1º e 5º tamén sementou. Ollade o seguinte vídeo para ver como o fixeron!




Lembrade que o futuro e a boa saúde do noso planeta depende de nós. Temos que coidalo!

Biquiños




luns, 12 de abril de 2021

MALETA LITERARIA: CONTOS PARA UN PLANETA


       
Ola amiguiñxs:
Hoxe teño que contarvos unha noticia moi interesante. Ao longo deste mes imos desfrutar dunha maleta literaria moi especial Contos para un planeta, que nos cedeu en empréstito o CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia). 
Esta maleta é unha colección de contos para achegarse á natureza a través da literatura. Trátase dunha selección de libros motivadores para a educación ambiental e tamén para a animación á lectura, para imaxinar, divertirse e emocionarse coas súas personaxes e historias. Con esta maleta coñeceremos criaturas e seres increibles, que son imprescindibles para a vida na Terra e descubriremos mundos máxicos, que están máis preto do que imaxinamos. Aprenderemos a relacionarnos co mundo que nos rodea., porque a lectura pode ser unha ferramenta marabillosa para conectar coa natureza e concienciarnos da necesidade de realizar accións na procura dun mundo mellor.
Xa sabedes que estamos moi comprometidos co noso planeta e que o tema do proxecto deste curso son os ODS. Pois estes libros van a axudarnos a reflexionar e tomar decisións axeitadas que nos axuden a acadalos. 



Esta maleta vai viaxar ao longo de todo o mes por todas as aulas do cole, dende infantil ata 4º de primaria para que poidades gozar das súas lecturas e reflexionar sobre a información tan importante que nos achegan. Se queredes ver un resumo dos libros que forman parte da mesma, premede na seguinte imaxe!


Espero e desexo que vos gusten moito os libros e que lles saquedes proveito.

Biquiños




venres, 9 de abril de 2021

CONTACONTOS "¡ES UN SECRETO!"

Ola amiguiñxs:

Hoxe as miñas e os meus axudantes: Leire, Paula, Noa, Aitor e Xián representaron no Bibliocastelo o conto de Barrio Sésamo ¡Es un secreto! Fixérono xenial, ollade!

 


Moitísimas grazas por compartilo con nós.
Biquiños