mércores, 26 de abril de 2017

SEMANA DE CINE

A semana pasada tivemos unha semana de cine. Realizamos dúas actividades relacionadas con esta apaixoante arte.
Por unha banda, Manuel Pena, o director do FIC (Festival Internacional de Curtametraxes) de Bueu, veu ao cole o pasado mércores a dar unha charla ao alumnado de 1º, 2º e 3º. Logo o venres a charla foi no Centro Social do Mar para os de 4º, 5º e 6º. Contounos e explicounos todo o proceso seguido na elaboración dunha película. Aprendemos moitísimas cousas e quedáronnos moi claras as fases das que consta a realización dunha peli: preprodución, rodaxe e posprodución.                                                               
Foto de Fic Bueu.
                                                               
           Foto de Fic Bueu.



Moitísimas grazas, Manuel! 

Por outra banda, o alumnado de 3º e 4º visitaron a facultade de comunicación audiovisual de Pontevedra. Nela os estudantes aprenden a ser directores, produtores, guionistas...



Visitaron un plató de verdade, manipularon cámaras, convertéronse en locutores radiofónicos. Ollade, ollade o ben que o pasaron.

                                                                                                                   

Se queredes ver o ben que o pasaron, ollade o seguinte vídeo.



Para ter máis información, preme na seguinte imaxe.

martes, 25 de abril de 2017

CONTACONTOS ESPECIAL

Aproveitando a xornada de irmandade de onte, os rapaces e rapazas de 4º do CEIP MONTEMOGOS, viñeron acompañados por un grupo de voluntarios e voluntarias da biblioteca do seu cole. Deleitaron aos nosos alumnos e alumnas de 1º cunha preciosa animación do conto titulado O monstro de cores de Anna Llenas. E para que todo saíse de cine, ambientaron a representación con bandas sonoras de películas. 
Fixérono xenial!!







 
Moitas grazas, foi un pracer tervos con nós!

luns, 24 de abril de 2017

DÍA DO LIBRO. EXPOSICIÓN "O PRINCIPIÑO"

Co gallo da celebración do Día do Libro, preparamos na biblioteca unha exposición sobre "O Principiño". Nada máis nin nada menos que 78 exemplares deste libro escritos en diferentes linguas : chinés, xaponés, tailandés, árabe, grego, inglés, italiano, portugués, cornuallés, hebreo, bretón ... 



Os libros están agrupados por continentes e hai un apartado especial aos libros que están traducidos ás diferentes linguas que se falan en España : galego, catalán, eúscaro, castúo, bable...




A propietaria desta magnífica colección é unha mamá de alumnos e alumnas do cole, Loli Docampo (a nai de Quique, Roi, Uxía e Mariña), que amablemente nola emprestou.
Se queredes botarlle unha ollada, está a vosa disposición en horario de tarde de 16:00 a 18:00, ao longo de toda esta semana.
Agardamos a vosa visita!  

Moitísimas grazas, Loli, por compartir con todos nós esta fantástica colección!


LIBROS QUE UNEN : O PRINCIPIÑO

Hoxe non foi un día calquera. Esta primavera solleira de efervescencia cultural acompañounos na celebración dunha xornada de irmandade coas rapazas e rapaces do Colexio Montemogos de Beluso.


A medio camiño entre o Día Internacional do Libro e o das Letras Galegas, un libro esencial da Literatura universal uniu as nosas traxectorias: O Principiño, marabillosa novela do autor francés Antoin de Saint-Exupéry, cuxa primeira tradución ao galego levou a cabo o noso escritor e académico Carlos Casares, homenaxeado este ano 2017 o DÍA DAS LETRAS GALEGAS.
Tratábase dunha coincidencia de dobre dirección: no Colexio de Montemogos e máis no noso, o tema central do proxecto da biblioteca para este curso é o CINE e os alumnos e alumnas de ambas as dúas escolas traballaron a historia do Principiño, lendo o libro que unha produtora de películas de animación levou ao cine e visualizando e comentando a película que hai sobre o mesmo.
Ambos percorridos confluíron hoxe no noso Bibliocastelo dun xeito realmente especial : a magnífica exposición de máis de 70 edicións diferentes do Principiño, publicadas en idiomas de catro continentes (chinés, galego, castelán, bretón, gaélico...) , que moi xenerosamente nos prestou Loli Docampo, mamá de catro dos nosos alumnos: Quique, Roi, Uxía e Mariña.


Tras visitar a exposición, os nenos e nenas da nosa escola guiaron aos seus convidados ata o mural que elaboraron no corredor da súa aula a propósito da lectura e análise do libro.




Despois de tanto traballar, ben merecían unha boa merendola! Todo estaba riquísimo!


Rematado o recreo, por parellas, gozaron da lectura nun fermoso apadriñamento lector. Cada un dos nosos alumnos e alumnas seleccionara previamente o libro que había compartir con aquel neno ou nena a quen lle enviara a tarxeta de presentación convidándoo a vivir esta xornada de irmandade.




Ollade o seguinte vídeo, para comprobar o ben que o pasaron nos apadriñamentos e amadriñamentos lectores.


E para rematar este día tan especial, os nenos e nenas convertéronse en actores e actrices para escenificar a HISTORIA DO CINE. Había piratas, vaqueiros, gánsters, e ata actores do cinema mudo. Ollade, ollade!!



Foi unha experiencia marabillosa, que esperamos que se volva repetir!

xoves, 20 de abril de 2017

3,2,1...POESÍA

Os alumnos e alumnas de 4º participaron na actividade, 3,2,1...Poesía, que organizou o CEIP Montemogos de Beluso, co gallo do Día da Poesía.  A actividade consistía en recitar un poema , logo gravalo e facer un vídeo. 
O poema que escolleron foi "Astronauta semanal", que aparece no libro "Poemas con piruleta" do escritor Carlos Fontes.
Quedou de película! Ollade!


venres, 7 de abril de 2017

OBRADOIRO DE ALFOMBRAS FLORAIS

Hoxe os alumnos e alumnas  de 5º e 6º pasárono xenial nun obradoiro de alfombras florais que realizaron no patio do cole. Foi impartido por membros da Asociación Cultural de Alfombras Florais de Bueu, expertos nesta materia, que ao longo deste ano participaron en diversos eventos relacionados con esta arte, en diferentes países europeos ( Italia, Malta, Vaticano). 
Primeiro, Rafa Oliveira deulles unha charla sobre Maruja Mallo, pintora a que se lle dedica este ano o Día das Artes Galegas. Co gallo desta celebración, a temática das alfombras do Corpus de Bueu, xirará en torno a figura desta ilustre artista.


Despois da charla confeccionaron varias alfombras, que representaban un autorretrato de Maruja Mallo.













Quedaron xenial! Ollade!





O día da Festa de Corpus a ANPA e o alumnado do noso cole, colaborarán no embelecemento das rúas da nosa vila con estas magníficas alfombras.  


Carmen, Moncho, Mundo "Cartageno", Finita "Cabanillas" e Rafa, moitísimas grazas por acompañarnos hoxe e por ensinarnos e transmitirnos esta belísima arte floral. Parabéns polo traballo que realizades para que esta fermosa tradición non se perda.
Foi un pracer tervos con nós!!!