domingo, 23 de decembro de 2012

OBRADOIRO LITERARIO DE NADAL: O ABETO


O venres 21 de decembro dentro das actividades de Nadal, celebramos na biblioteca un obradoiro literario que forma parte do noso proxecto CANTOS CONTOS CONTAS.

A actividade consistiu en coñecer un conto clásico de Hans Christian Andersen relacionado coa época do ano na que nos atopamos " O ABETO".
Xa todos sabedes que dos contos clásicos sempre se aprenden moitas cousas, nesta ocasión ademais de recordarnos que debemos coidar a natureza e respectala, soubemos que as veces cando somos pequenos nos parece que nunca imos medrar, temos presa por ser maiores e non gozamos da infancia como deberíamos...


Mentres escoitamos o conto fixemos un BINGO LITERARIO. Tratábase de atopar cinco palabras no relato e colorealas no noso abeto, por iso tivemos que estar moi atentos. Os que conseguiron escoitalas todas recibiron un bibliopunto que máis tarde cambiaron por unha pegatina de Papirus.


Despois xogamos a QUE PASARÍA SE ... en equipos de tres ou catro tratando de atoparlle un final divertido,  sorprendente e absurdo a esta historia tan triste.
E conseguímolo, partindo dunhas premisas dadas, nas que aparecía un personaxe de conto que nada tiña que ver con esta historia e algún que outro obxecto pouco apropiado ...


Tras darlle unhas poucas voltas a cabeza, probando o poder da nosa imaxinación todos os equipos buscaron unha boa alternativa para rematar este conto. E así tivemos a unha Carapuchiña Vermella que salvaba ao noso abeto nun helicóptero ou a Pinocho que o levaba ao bosque para poder plantalo de novo ou os tres porquiños que viñan ao seu rescate montados nun tándem.







Foi moi divertido escoitar todas as posibles ideas e versións. Gustaríache coñecer este conto de Hans Christian Andersen? Preme AQUÍ e accederás ao noso blog do proxecto CANTOS CONTOS CONTAS.

xoves, 20 de decembro de 2012

2013 ANO GRIMM

Hoxe celébrase  o Bicentenario (200 anos) da publicación (20 de decembro do 1812) da primeira edición dos contos recompilados polos Irmáns Grimm. Os seus contos foron traducidos a 170 idiomas diferentes e  no ano 2005 foron declarados Patrimonio Cultural da Humanidade.
Alemaña ven de declarar o ano 2013 como o ANO GRIMM sendo o centro a cidade Kassel na que viviron os dous irmáns.
Esta nova é moi interesante para nós porque está relacionado co proxecto sobre os Contos Clásicos "Cantos Contos Contas" que estamos levando a cabo este curso. Durante este primeiro trimestre estivemos traballando a estes escritores e os seus contos polo que todo o noso alumnado os coñece moi ben.
Se queres saber máis preme na imaxe coa que google quixo homenaxear o bianiversario dos seus relatos.

sábado, 15 de decembro de 2012

UN NADAL DE CONTO

Esta é a nosa GUÍA DE LECTURAS con recomendacións e novidades de libros para todas as idades. 
Aproveitamos para desexarvos a todos e todas un moi Bo Nadal e esperamos que entre os vosos agasallos,  os libros teñan un lugar especial e destacado.


xoves, 13 de decembro de 2012

RECITANDO CELSO EMILIO FERREIRO

Seguindo a proposta da CGENDL de rendirlle homenaxe a este poeta de Celanova, onte as 12.00 en punto todo o cole da Pedra saiu ao patio para recitar o poema "DEITADO FRONTE AO MAR" Estabamos todos e todas,  o alumnado de infantil, o de primaria os mestres e parte do persoal non docente.

Resultou moi ben porque os rapaces e rapazas ensaiaran cos mestres e sabían o poema de memoria. Os maiores do cole recitaron as distintas estrofas mentras os demais acompañábamos repetindo estes versos tan significativos:

EU FÁLOA PORQUE SI, PORQUE ME GOSTA,
PORQUE ME PETA E QUERO E DÁME A GANA;
PORQUE ME SAI DE DENTRO, ALÁ DO FONDO.



Se queres saber máis e ver máis fotos preme nestes enlaces.

ENREDEMOS            TRASNOS



domingo, 25 de novembro de 2012

25-N DÍA DA NON VIOLENCIA

Como todos os anos o alumnado do 3º ciclo participou no Concurso de carteis sobre "A violencia de xénero" que convoca o Concello de Bueu.

Preme na imaxe
O venres 23 de novembro os rapaces e rapazas de 1º de Primaria foron invitados ao concello para ler un manifesto rexeitando todo tipo de violencia.

Preme na imaxe

venres, 23 de novembro de 2012

PORTOBELLO PORQUE ME PETA

Un grupo de alumnos do I.E. Vicente Cañada Blanch de Londres falan de Celso Emilio Ferreiro e fanlle un precioso homenaxe no seu blog FALA LONDRES.
Entre outras iniciativas grabaron un corto que recolle unha especie de intervención poético-literaria no mercado dos venres en Portobello.

CONCERTO DIDÁCTICO DA BANDA ARTÍSTICA DE BUEU

Esta mañán recibimos no cole a visita da BANDA ARTÍSTICA DE BUEU cun CONCERTO DIDÁCTICO para os rapaces e rapazas de infantil e outros dous para os de Educación Primaria.

Estes concertos, especialmente dinámicos,  foron interpretados por varios alumnos e outros tantos ex-alumnos do centro.

Victor, o director desta formación, levou de forma maxistral a este grupo de músicos e nos obsequiou con varias melodias moi fermosas, todas elas coñecidas e populares.
A participación do alumnado foi moi activa, respondendo a preguntas do tipo: A que familia pertence este instrumento?  Como se chama? Cantas lengüetas ten? ... e probando os distintos instrumentos musicais.



Ao final, varios nenos e nenas afortunados tiveron a oportunidade de debutar como directores, empregando a batuta de Victor.

Outros fixeron as delicias co bombardino, o oboe e os clarinetes de María, Inés, Pablo Nogueira e Lucía Portela.


As flautas de María Brocos e Xabier Otero.


Nos metais Diego Patiño e Nerea Portela e no saxo Jairo.


Na percusión, a batería de Carlos Pérez. os bongoes de Isay e o xilófono de Miguel


Gustounos moitísimo o concerto. 

MOITAS GRAZAS E ESPERAMOS VERVOS DE NOVO

xoves, 22 de novembro de 2012

RECITANDO CELSO EMILIO

Este é o lema da convocatoria que pretende rendirlle homenaxe ao gran poeta celanovés CELSO EMILIO FERREIRO. 
Co gallo do centenario do seu nacemento  desde a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística promóvese unha acción de carácter colectivo consistente no recitado público do seu coñecido poema: DEITADO FRONTE AO MAR publicado no libro Longa noite de pedra (1962). 


DEITADO FRONTE AO MAR

Lingua proletaria do meu pobo,
eu fáloa porque si, porque me gosta,
porque me peta e quero e dáme a gana;
porque me sai de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ao ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefes sen raíces
que ao pór a garabata xa non saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
falar a fala nai,
a fala dos avós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos da linguaxe,
remo i arado, proa e rella sempre.
Eu fáloa porque si, porque me gosta
e quero estar cos meus, coa xente miña,
perto dos homes bos que sofren longo
unha historia contada noutra lingua.
Non falo pra os soberbios,
non falo pra os ruíns e poderosos,
non falo pra os finchados,
non falo pra os baleiros,
non falo pra os estúpidos,
que falo pra os que aguantan rexamente
mentiras e inxustizas decotío;
pra os que súan e choran
un pranto cotidián de bolboretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non podo arredar as miñas verbas
de tódolos que sofren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada rente ao mar, ise camiño...

Neste video pódese escoitar o poema musicado polo grupo Dios ke te Crew.



Se queres máis información podes acceder ao blog de Dinamización Lingüística dende AQUÍ.

MATERIAIS DAS VI XORNADAS DE BIBLIOTECAS ESCOLARES

Xa están a disposición de todo o mundo os materiais das Xornadas de Bibliotecas Escolares que se celebraron en Santiago de Compostela os días 9 e 10 de novembro.
Premendo nesta imaxe accederedes á páxina de bibliotecas escolares onde atoparedes ademáis moita información e imaxes dos momentos máis destacados.



mércores, 7 de novembro de 2012

CONCERTOS DE CONTO

Os nenos e nenas de 1º e de 3º de Primaria colaboraron cun proxecto de ilustración de dous contos clásicos: O veado florido e Pedro e o lobo que foron representados pola Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra o pasado domingo 11 de novembro no Teatro Principal de Pontevedra, dentro do programa: Concertos en familia.
As mestras traballaron os contos nas aulas e fixeron as ilustracións dos mesmos que despois foron expostos durante o concerto na pantalla dixital.
Preme nesta imaxe
Se queres ver os videos do concerto, preme AQUÏ

IV XORNADAS DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES

O venres 9 pola tarde e o sábado 10 ao longo de todo o día, vanse celebrar no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela, as IV Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia.
Este ano o lema, VER PARA LER. recolle a necesidade de educar para unha lectura comprensiva e crítica dos medios de comunicación. 
Preme na imaxe para acceder ao blog das Bibliotecas escolares e obter toda a información.


xoves, 1 de novembro de 2012

EXPOSICIÓN DE CABAZAS

Aquí tendes unha pequena mostra da creatividade e imaxinación do noso alumnado e das súas familias.

Moitas grazas a  todos e todas pola vosa participación nesta terrorífica exposición.

sábado, 27 de outubro de 2012

E TI A QUE LLE TES MEDO?

Nesta data de conxuros, bruxas, demos e trasnos témonos que preparar para todo o que poida suceder...
Non che gusta durmir só ou soa?  
Tes medo da escuridade? 
Tremes cada vez que tes un exame?

E ti  a que lle tes medo? Baixo este lema comeza o Samaín no Bibliocastelo A Pedra e Papirus a nosa mascota, quere que compartas con el os teus temores máis segredos, deixándoos para sempre na CAIXA DOS PESADELOS. 

Na exposición de libros que se atopa no recuncho de Papirus tendes a vosa disposición moitas lecturas terroríííficas de pantasmas, bruxas e casas encantadas. Non esquezades vir buscar o voso libro.
Gustaríame recomendarvos dúas novidades relacionadas co misterio e as pantasmas que nos chegan da man de dous escritores galegos que xa estiveron con nós no Bibliocastelo:
MALOS TEMPOS PARA OS FANTASMAS de Agustín Fernández Paz.
O MISTERIO DO FARO VELLO de Fina Casalderrey.
Premede nos títulos para saber máis e para gozar da súa lectura consultade as novidades na biblioteca.

Coñecedes estes títulos, premede neles e poderedes velos:

FIZ O COLECCIONISTA DE MEDOS
A POTA QUE TROTA
OS SETE CABRITOS

E para os máis maiores unha curtametraxe galega:
OS DIFUNTOS FALABAN CASTELAO

Os máis pequeniños do cole tamén celebran e aprenden no Samaín.

xoves, 25 de outubro de 2012

OS CONTOS DE PAPIRUS

O 24 de outubro Día das Bibliotecas Escolares é unha data dobremente especial no Bibliocastelo A Pedra.  E que mellor maneira de celebrala que recibindo a visita da nosa mascota O polbo Papirus. Todos e todas esperábamos con moita impaciencia a súa chegada. 

Hasta houbo quen se visteu para a ocasión.  
Que PAPIRUS PEQUERRECHO TAN CHULO!!!


Os primeiros en recibilo foron os máis pequeniños do cole, os rapaces e rapazas de infantil e de primeiro ciclo, que o pasaron estupendamente escoitando un dos seus contos tradicionais preferidos “ Os tres porquiños”




Os nosos maiores tampouco quixeron quedar sen  diversión e acudiron sen demora á cita. Nesta ocasión Papirus escolleu para eles o conto “O xigante egoísta”



Como en toda festa que se prece houbo apertas, cancións, agasallos, aplausos e por suposto lambetadas.

xoves, 11 de outubro de 2012

MOCHILAS DE CONTO

"No antigo Exipto as bibliotecas eran coñecidas como o tesouro dos remedios da alma. Nelas curábase da ignorancia, a máis perigosa das enfermidades e a orixe de todas as demais." 
Jacques Benigne Bossuet.


Un ano máis as MOCHILAS VIAXEIRAS parten do Bibliocastelo para achegar a lectura a todas as familias do noso alumnado. 
Nesta ocasión a proposta é ben sinxela, encher os diarios de contos tradicionais, pequenas historias que van pasando de xeración en xeración e que tanto gustan aos nosos nenos e nenas.
Moitas grazas pola boa acollida desta iniciativa que ano tras ano é tan ben recibida por toda as familias.


xoves, 20 de setembro de 2012

BIBLIOTECA ESCOLAR. ACELERADOR DE INNOVACIÓN

Acabamos de iniciar un novo curso escolar e desde o Bibliocastelo A Pedra, queremos dar a benvida a todas as familias que se incorporan ao centro e a toda a Comunidade Escolar que xa nos segue.
Co gallo da celebración do mes da Biblioteca Escolar e o Día da Biblioteca Escolar (24 de outubro), ven de presentarse o novo cartel editado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

 A ilustración é obra do creador galego Andrés Meixide e o lema é BIBLIOTECA ESCOLAR, ACELERADOR DE INNOVACIÓN. 
Preme na imaxe para acceder á páxina de Bibliotecas Escolares onde atoparedes máis información.

mércores, 27 de xuño de 2012

E AÍNDA HOUBO MÁIS APADRIÑAMENTOS LECTORES

Antes de darlle o remate ao curso todos os niveis fixeron os seus apadriñamentos e amadriñamentos lectores. É unha actividade ben divertida porque ademais de gozar dos libros nos permite facer novas amizades ou cultivar as que xa temos. 


Aquí vos deixo os enlaces aos distintos blogs de ciclo para que os poidades ver:

xoves, 21 de xuño de 2012

UN AVÓ ESPECIAL

Esta mañá todo o alumnado e profes de primaria recibimos no Centro Social do Mar ao grupo Migallas que nos contou a historia de Rosiña e a do seu avó, Manuel.  


Unha relación moi especial que empeza no berce cando o avó coida dela. A medida que a nena vai medrando ensínalle moitos ditos populares, cancións, xogos e tamén lle axuda cos deberes.






Entre eles hai risas e enfados ata que un día o avó comeza a esquecer as cousas e o carácter empézalle a cambiar. Todo isto contado en clave de humor tratando de fomentar actitudes positivas á hora de afrontar a enfermidade do Alzheimer.


Gustounos moitísimo esta historia por iso queríamos felicitar dende aquí a María Campos e a Carlos Yus pola marabillosa posta en escena. Sodes fantásticos, uns profesionais incribles! 

mércores, 20 de xuño de 2012

I CAMPAÑA DE LECTURA PARA O VERÁN

LER non é exclusivo dunha determinada época do ano. Calquera momento e lugar é apropiado para gozar dun bo libro: na praia, na montaña, no campo, no xardín, na casa dos avós, nunha tumbona, nunha hamaca, nunha toalla, no chan, debaixo dunha árbore, enriba da area ou da herba, con música ou en silencio...

 


Dende o Bibliocastelo A Pedra queremos informarvos dunha nova iniciativa que imos por en marcha este mes de xuño. “ LER EN VACACIÓNS” porque un libro sempre pode ser o noso mellor amigo/a.

A partires do luns 25 e ata o venres 29 estará aberta a biblioteca de 10.00 a 11.00 da mañá para que os rapaces e rapazas que queiran poidan acercarse e escoller de entre os nosos fondos, un lote de como máximo 10 libros que poderan ler durante os meses de xullo e agosto.

Para poder levar en empréstito este lote de libros é imprescindible que veñades acompañados dun adulto.

E non esquezades que como aos grandes amigos hai que coidalos como o mellor dos tesouros para devolvelos en bo estado porque a biblioteca é de todos/as e para todos/as.

As datas para que poidades devolver estes libros serán durante a primeira semana de setembro dende o luns 3 ao venres 7 no mesmo horario de 10.00 a 11.00.




mércores, 13 de xuño de 2012

GUÍA DE LECTURAS VERÁN 2012

Aquí tendes, acabada de saír do forno, a nosa guía de lecturas para o verán, con novidades e suxestións para todas as idades. Esperamos que vos guste e que entre este libros atopedes algún que sexa especial para vós.



MÁIS APADRIÑAMENTOS LECTORES

Nesta ocasión foron os rapaces e rapazas de 1º B os que se acercaron ao cole de infantil para levar os seus libros preferidos aos nenos e nenas de 3 anos B. Que ben o pasaron. Da gusto velos!


PREME NA IMAXE

venres, 8 de xuño de 2012

QUE SABES DE VALENTÍN PAZ ANDRADE?

Aquí vai outra pregunta. e con esta van xa sete. Moita sorte a todos e todas!



Os gañadores e gañadoras que respostaron correctamente á pregunta cinco foron:

SERGIO MACÍAS PAZOS  2ºA
SIMÓN MARTÍNEZ MOSTEIRO  4ºA
MANUEL OTERO HERBELLO  3ºB
MARÍA VILAS OTERO  1ºB

xoves, 7 de xuño de 2012

PRIMEIROS APADRIÑAMENTOS LECTORES

Co bo tempo os libros tamén saen a rúa. Por iso os nenos e nenas de 1º A quixeron ser padriños e madriñas dos máis pequeniños do cole, os rapaciños e rapaciñas de 3 anos A. 
E que mellor lugar que o cole de infantil onde pasaron os tres últimos anos. 
QUE RECORDOS! e QUE SORRISOS! 


PREMEDE NA IMAXE

mércores, 30 de maio de 2012

QUE SABES DE VALENTÍN PAZ ANDRADE?

Xa tendes a vosa disposición a 5ª pregunta do concurso. Non tardedes en respostar e seguide atentos que haberá máis moi pronto.


Noraboa aos gañadores e gañadoras da cuarta pregunta:

Martín Barcia Otero 2º A
Salvador Castro Freire 3º A
Raquel Iglesias Vilas 6º A

venres, 25 de maio de 2012

FINA CASALDERREY CO 1º CICLO

O xoves 24 tivemos, por terceira vez neste curso, a Fina Casalderrey no Bibliocastelo, esta vez viña para falar cos nenos do 1º ciclo. 


Todos e todas a esperaban con impaciencia porque leran o seu libro QUEN ME QUERE ADOPTAR? Gustoulles moitísimo e querían coñecela e facerlle moitas preguntas.


Contounos como se lle ocurriu a idea do libro a partires dunha historia que escoitou na tele e lle chamou a atención: un señor italiano que tiña moitos cartos puxo un anuncio dicindo que buscaba unha familia con rapaces ou rapazas porque onde hai nenos e nenas hai maxia e ledicia.


QUEN ME QUERE ADOPTAR? foi escollido como un dos mellores libros do mundo na Feira do Libro que se celebra todos os anos en Alemaña.

Os nen@s de 1º amosáronlle a preciosa adaptación. con forma de acordeón, que fixeron a partires da lectura do seu libro. 



E os nen@s de 2º os seus estupendos debuxos e o libro que fixeron dos seus propios avós.



Leunos o conto A AVOA NON QUERE COMER para explicarnos o gran valor que teñen as palabras.


Amosounos un PAN DE CHUVIA que trouxo de Caracas e entre todos inventamos unha historia.


Contounos que cando era pequena e tiña tose, curábaa con contos, o seu pai sentábase na cama ao seu carón e contáballe unha historia, a tose pasába e durmía tranquilamente. As veces os contos serven para curar as dores físicas e para quitar o medo.
Para rematar asinou os libros de todos os rapaces e rapazas e dedicounos os exemplares da biblioteca.


MOITAS GRAZAS FINA e VOLVE PRONTO AO BIBLIOCASTELO