sábado, 31 de outubro de 2015

DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES. ANIVERSARIO DE PAPIRUS

O pasado sábado, 24 de outubro, foi o Día Internacional das Bibliotecas Escolares e tamén, o aniversario de Papirus, a nosa mascota. 
Pero como coincidiu en fin de semana, tivemos que esperar ao luns para poder celebralo. Ese día festexárono os nenos e nenas de Infantil, 1º e 2º  de Primaria. Os de 3º, 4º, 5º e 6º agardaron a súa quenda ata o martes.
Como xa sucedera nalgunha ocasión, Papirus non puido recibirnos, pois estaba de viaxe, nada máis nin nada menos que no espazo!
Para que non o botásemos en falla, enviounos un video explicándonos o motivo da súa ausencia. Ollade!!!
 
 Quedamos abraiados!
 
Queríanos convidar a viaxar polo Universo, mais, como non ten naves para todos, animounos a facelo a través dos nosos amigos, os libros.  Para iso, deixounos no seu Bibliocastelo, unha chea de libros relacionados coas marabillas do espazo, todos moi ben axeitadiños nos andeis de novidades debaixo dun letreiro que di:

Este é o cartel co título do proxecto deste ano. Imos traballar o fascinante mundo do UNIVERSO!! 
 
 
Para completar a celebración, a profe Lina fixo unha adaptación dun fermoso conto titulado Papá, por favor achégame a Lúa. 

 A protagonista é unha nena que lle ten medo a escuridade.
  Ao final consigue vencer ese medo grazas a súa amiga, a Lúa  
 
 Despois viñeron os agasallos. Os nenos e nenas de infantil regaláronlle unhas fermosas estrelas que xa brillan no ceo do Bibliocastelo. Os de primeiro, debuxos e dedicatorias ; os de segundo uns foguetes moi orixinais ; os de 3º, 4º e  5º un xigantesco móbil que representa o sistema solar e os de 6º unhas constelacións que tamén decoran o noso ceo particular. Ademais os de 5º escribíronlle unhas cartas moi sentidas  respondéndolle  a  que  nos enviou fai uns días.
 


 

 
Por último, e como broche de despedida, cantamos a canción de Papirus. Tamén lle desexamos feliz aniversario en varios idiomas : galego, castelán, inglés e francés.


  
 Ao final agardábanos unha sorpresa. Como en todos os aniversarios, neste tamén houbo lambetadas. Papirus enviounos uns divertidos caramelos en forma de foguete. Eran un pouco pequerrechos, pero estaban boísimos!
En resumo, foi unha xornada marabillosa, aínda que botamos en falla ao anfitrión. Estamos desexando que volva axiña.






 
Parabéns Papirus! Esperamos verte pronto no teu recuncho do Bibliocastelo!
 






xoves, 29 de outubro de 2015

BIBLIOTECAS ESCOLARES

http://www.edu.xunta.es/biblioteca/blog/
Este é o cartel da campaña anual de Bibliotecas Escolares da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para este curso. A imaxe responde a interpretación do lema elixido por parte do autor e ilustrador de banda deseñada Fran Bueno.
O lema "Biblioteca escolar, base de exploracións", chama a traballar coa información, convida a explorar o mundo e a compartir o aprendido.
A biblioteca concíbese como base de exploración persoal e colectiva , como inicio de viaxes reais ou imaxinarias e como espazo de encontro consigo mesmo e cos outros.

sábado, 24 de outubro de 2015

O BIBLIOCASTELO VÍSTESE DE SAMAÍN

Xa falta pouco para o Samaín, por iso o Bibliocastelo preparouse para celebrar esta festa de orixe celta. Nada máis entrar pola porta, dache a benvida un fermoso esqueleto.


 Dentro, ademáis de arañas, cabazas, pantasmas... preparamos un expositor con libros ateigados de historias arrepiantes.



 
 
 

 Aínda non pasache a recoller o teu libro? A que estás agardando!!!

SORPRESA!

Venres, 23 de outubro de 2015.

Hoxe tivemos unha sorpresa no cole. POR FIN Papirus púxose en contacto con nós. Fíxoo por medio dunha carta que enviou a todas as clases. Nela convídanos ao seu aniversario, que é mañán, 24 de outubro, Día das Bibliotecas Escolares. Pero como é sábado e non estamos no cole, a festa celebrarase no bibliocastelo o luns cos nenos e nenas de infantil e os de primeiro e segundo de primaria e o martes cos de terceiro, cuarto, quinto e sexto.
Pero aínda seguimos sin saber onde se atopa. Seica está en paradoiro descoñecido.
 Este é o texto da carta que nos enviou.

 
Estas son as cartas que enviou aos Trasnos, aos Pelouros e ás Estrelas, que é como se chaman as aulas de infantil.



E estas son as cartas que lle escribiu aos nenos e nenas de primaria.


Foi una verdadeira ledicia ler a carta, pero sóubonos a pouco. Queremos saber onde se atopa, que fai...
Botámolo moito de menos e estamos desexando velo!!!!

martes, 6 de outubro de 2015

BENVIDA

Que tal amiguiños? Xa estamos aquí de volta! Que rápido pasan as vacacións!
Queremos informarvos que dende o pasado xoves, o Bibliocastelo está aberto nos recreos cun UNIVERSO de libros a vosa disposición. Como xa vén sendo habitual, Papirus non está e non temos nin idea de onde se pode atopar. Seguro que está outra vez de viaxe. Pero... A onde iría? Esperemos que se poña en contacto con nós, pois estamos desexando falar con el. Seguro que ten agochadas grandes sorpresas ...
Sabedes? O venres pasado xa tivemos a primeira visita, o pintor Xosé Solla, que veu falar cos nenos e nenas de 4º A, pois o curso pasado estiveron traballando a súa obra.
 
 
Contemplou abraiado os agasallos que lle fixeron os nenos e nenas : uns fermosos debuxos e unhas sentidas dedicatorias.  
 
Foi unha xornada moi especial, sempre o lembrarán con agarimo.
Moitas grazas, Xosé Solla por visitar o noso Bibliocastelo!