sábado, 24 de outubro de 2020

DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES, O MEU ANIVERSARIO

 Hola amiguiñxs:

Estou supercontento! Hoxe foi o meu aniversario e aínda que non puidemos festexalo todos xuntos no Bibliocastelo, como a min me houbera gustado, tampouco estivo tan mal, non si?

Gustáronme moito as tarxetas e os debuxos que me fixestes. Todos os vosos agasallos enchéronme de ledicia! E por suposto, encantáronme as vosas cancións. Que ben me cantastes o "Parabéns", ata en lingua de signos! Que marabilla! Ollade!




Están xenial! Como me gustan! Sodes tan agarimosos comigo...!
Moitísimas grazas! Quérovos!

Biquiños.


24 DE OUTUBRO, DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES

Dende o ano 1997 celébrase o Día das Bibliotecas o 24 de outubro. Esta conmemoración está impulsada pola Asociación de Amigos del Libro Infantil y Juvenil. O lema da edición deste ano é:

"Bibliotecas, sempre ao teu carón"

Fai  referencia ao papel tan importante que desempeñan as bibliotecas, ofrecendo acceso á cultura, ao coñecemento e ao entretenemento en calquera lugar e circunstancia. As bibliotecas sempre están ao noso carón, ofrecéndonos recursos, información e apoio, incluso en momentos tan complexos como os que estamos a vivir.

Como todos sabemos, tamén é o día do aniversario da nosa benquerida mascota, Papirus. Sempre facemos unha gran festa no Bibliocastelo para celebralo, pero este ano por mor do COVID tivemos que adaptarnos ao protocolo e festexalo cada grupo na súa aula. Tamén esta data é o punto de partida, a presentación do proxecto do curso. Papirus envionos unha sentida carta na que nos explica todo e un vídeo para que entendamos mellor o obxectivo do proxecto deste ano . Ollade!

Polo tanto, como moi ben nos conta papirus na súa carta, imos traballar os ODS (Obxectivos de Desenvolvemento Sostible). Este vai ser o título do noso proxecto :

"Comprometémonos co noso planeta"

Que...? Estades preparados para empezar a traballar? Eu coido que si! Veña imos aló!!


luns, 19 de outubro de 2020

DÍA DAS ESCRITORAS

 Ola!

Sabedes que hoxe se celebra unha data moi importante? O Día das Escritoras. A data elixida é o luns máis cercano á festividade de Teresa de Jesús, o 15 de outubro. Polo que a V edición celébrase este ano 2020, o 19 de outubro, ou sexa, hoxe. O obxectivo é reinvindicar o labor e o legado das escritoras a través da historia.

Esta iniciativa está promovida pola Biblioteca Nacional de España en colaboración coa FEDEPE (Federación Española de Mujeres Directivas, Ejecutivas, Profesionales y Empresarias) e coa Asociación Clásicas y Modernas.

O lema deste ano é:

"O esforzo cotián das mulleres"

A asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia realizou unha recompilación de fragmentos de escritoras galegas. Botádelle un ollo e gozade coa súa lectura!

Para conmemorar esta data tan importante prepareivos no Bibliocastelo, no recuncho das novidades, unha exposición de libros escritos por mulleres, para visualizar especialmente a obra de escritoras galegas. 

A que estades agardando? Achegádevos a velos!

En Bueu tamén temos escritoras importantes: Asún Estévez, Fátima Chamadoira, Olalla González e as poetisas Miriam Ferradáns e Lucía Novas. Se queres saber algo máis preme na seguinte imaxe.


Algúns grupos fixeron traballiños moi interesantes na Hora de Biblioteca. A rapazada de segundo fixo fermosos debuxos coas portadas de libros de escritoras galegas, que están no expositor. Ollade!




 Noraboa, fixestes un traballo chulísimo!


 Biquiños



venres, 9 de outubro de 2020

"XEOGRAFÍAS LECTORAS NA BIBLIOTECA ESCOLAR"

 "Xeografías lectoras na biblioteca escolar" é o lema elixido para este curso dende Bibliotecas Escolares de Galicia. Este lema quere poñer o foco nas posibilidades que ofrece a biblioteca escolar para a construción da persoa lectora a través das distintas actividades que programa e dos recursos que pon a disposición de toda a comunidade educativa.

Este ano a ilustradora encargada de interpretar o lema foi Bea Lema. Ollade!

  


Este cartel ofrécenos unha imaxe evocadora deses mundos imaxinarios que a lectura pode axudar a visitar e construír. XEOGRAFÍAS LECTORAS NA BIBLIOTECA ESCOLAR convida a explorar todas as posibilidades da lectura: en calquera soporte, en calquera formato, con calquera finalidade...

luns, 5 de outubro de 2020

POR FIN!

 Benqueridos amiguiños e amiguiñas:

Que tal a volta ao cole? Espero que veñades contentos e contentas, despois de tantos meses na casa...

Teño unha boa noticia que contarvos: hoxe, por fin abriu as súas portas o Bibliocastelo! Xa sabedes que por mor do Coronavirus estivo moito tempo pechado. Para que a biblioteca sexa un lugar seguro contará cun "Protocolo de uso", no que se baseará o seu funcionamento mentras dure a alerta sanitaria. Así establécense as seguintes normas básicas de uso. Ollade e lede atentamente!

   

Confío plenamente en vós e espero que todos e todas sexamos responsables e cumpramos estas normas. 

Estou desexando vervos!!!

Biquiños.