xoves, 5 de novembro de 2026

🐶 SEGUNDA REUNIÓN DO CLUB DE LECTURA DE PAPIRUS: HISTORIAS QUE TAMÉN NOS ENSINAN A MIRAR CON OUTROS OLLOS

 Na segunda reunión do noso Club de Lectura xuntámonos cos nenos e nenas de 5.º B para conversar arredor do libro A historia de Brava Panadería, de Alicia Borrás.


Foi un encontro cheo de temas interesantes! Falamos moito sobre o abandono e a adopción de cans, compartindo experiencias e anécdotas das nosas propias mascotas. 🐾 Unha boa ocasión para reflexionar sobre a responsabilidade que supón ter un animal e a importancia de coidalo e non abandonalo.

Pero tamén houbo tempo para falar das diferenzas que nos fan únicos. A través dun dos protagonistas, que ten TEA (trastorno do espectro autista), conversamos sobre as distintas maneiras de sentir, comunicarnos e relacionarnos co mundo, e sobre a importancia de comprender, respectar e aceptar aos demais.

Unha reunión na que os libros nos serviron de punto de partida para falar de animais, convivencia, empatía e respecto.

Porque ler tamén é aprender a poñernos no lugar dos outros! 💙📚 


martes, 3 de novembro de 2026

NOVEMBRO, MES DA CIENCIA EN GALEGO

 Na biblioteca descubrimos, investigamos e experimentamos!!!

Chega novembro MES DA CIENCIA e queremos converter o Bibliocastelo nun pequeno laboratorio científico, un espazo onde a curiosidade sexa a protagonista porque a ciencia tamén se le, se conta, se pregunta e se experimenta...

A  través de lecturas científicas, libros informativos, xogos de enxeño e experimentos achegarémonos ao mundo da ciencia. 

  

Se queredes saber máis, premede nesta imaxe:

 

 Porque na biblioteca tamén se fai ciencia... e en galego sabe aínda mellor!!!

 

xoves, 29 de outubro de 2026

📚 PRIMEIRA REUNIÓN DO CLUB DE LECTURA DE PAPIRUS: VIAXAMOS AO PAÍS DAS MARABILLAS!


 Comezamos as reunións do noso Club de Lectura cun grupo de nenas de 5.º A e 6.º B, que nesta ocasión se mergullaron nun clásico da literatura: Alicia en el País de las Maravillas.


A lectura deunos moito que falar! Reflexionamos sobre como cambiaron as cousas desde que se publicou o libro, hai arredor de 160 anos, e detivémonos especialmente na linguaxe, ás veces máis agresiva e directa que a que atopamos nas lecturas actuais.

Tamén falamos da resolución de conflitos (unha habilidade que á Raíña de Corazóns non se lle dá precisamente ben! ❤️👑), das reaccións dos personaxes, das súas decisións e de moitas outras cuestións que foron xurdindo durante a conversa.

Un encontro cheo de opinións, reflexións e diferentes puntos de vista que demostra que os clásicos sempre teñen algo novo que ofrecernos, especialmente cando os compartimos!

Grazas ás participantes por esta primeira viaxe lectora. Ata a próxima aventura! 📖✨ 

venres, 2 de outubro de 2026

📚 ARRINCA O CLUB DE LECTURA DE PAPIRUS! 25 LECTORES-AS, 30 PROPOSTAS E 9 LIBROS ELIXIDOS

 

Xa temos en marcha unha nova edición do noso Club de Lectura! E comezamos da mellor maneira posible: cunha primeira reunión chea de ilusión, ideas e moitas ganas de ler.

Este ano contamos coa participación de 25 nenos e nenas, que se converteron nos auténticos protagonistas da elección das lecturas. Entre as 30 propostas de libros que tiñamos sobre a mesa, cada participante puido votar polas súas favoritas.

Despois de coñecer todas as votacións, xa temos o resultado: 9 libros seleccionados, os máis votados polo grupo! 🎉

E o mellor é que a selección é ben variada, así que temos lecturas para todos os gustos: clásicos da literatura, historias de fantasía, banda deseñada, aventuras protagonizadas por animais e moitas outras propostas que nos farán viaxar a mundos diferentes, descubrir personaxes sorprendentes e vivir grandes emocións entre as páxinas.

Agora tócanos poñernos mans á obra e comezar esta aventura lectora compartida. Haberá historias que nos fagan rir, outras que nos leven a reflexionar e, seguro, máis dunha sorpresa polo camiño.

Porque no noso club non só lemos libros: compartimos opinións, descubrimos novas historias, escoitamos outras voces e, sobre todo, gozamos da lectura en compañía.

Grazas aos 25 nenos e nenas por participar e por facer posible esta primeira elección!

Que comece a aventura… 📖✨ 











xoves, 1 de outubro de 2026

ARRANCA UN NOVO CURSO NO BIBLIOCASTELO A PEDRA

Comeza un novo curso escolar no noso Bibliocastelo que volve abrir as súas portas cheo de ilusión, historias por descubrir e tesouros agochados entre as páxinas dos libros.

Un ano máis a nosa biblioteca convértese nun espazo de encontro, aprendizaxe, imaxinación e aventura, onde cada lectura pode abrirnos as portas a novos mundos e cada libro agocha un tesouro por descubrir. 

Para comezar esta viaxe poñemos en marcha as MOCHILAS VIAXEIRAS que xa están preparadas para emprender unha nova aventura e chegar aos fogares do alumnado. No seu interior viaxan libros, contos e outros recursos para compartir en familia o pracer de ler, descubrir e gozar de momentos especiais. Porque ler en familia é unha maneira marabillosa de compartir tempo, emocións e palabras.

Tamén regresa o noso equipo de axudantes voluntarios da biblioteca que colaborará no coidado e organización dos libros, na atención aos usuarios/as  durante o recreo e na dinamización das actividades do Bibliocastelo entre outras moitas tarefas.

No noso Bibliocastelo cada libro é unha porta aberta á imaxinación e cada lector/a, un explorador de novos tesouros.


MOITO POR LER, MOITO POR DESCUBRIR, E INFINITOS TESOUROS POR ATOPAR!!!


martes, 9 de xuño de 2026

EMPRÉSTITO VERÁN 2026

 Ola amiguiños/as:

Xa están aquí as vacacións e dende o Bibliocastelo queremos animar a todo o alumnado a seguir gozando da lectura. Por iso, poñemos en marcha o EMPRÉSTITO DE LIBROS PARA O VERÁN, unha magnífica oportunidade para descubrir novas historias, viaxar a través dos libros e manter o hábito lector durante os meses de descanso. Toda a información no cartel.



 E agora unhas pequenas recomendacións para gozar da lectura:

  • Busca un momento tranquilo cada día para ler. 
  • Leva un libro á praia, ao parque ou de viaxe.
  • Comparte as túas lecturas coa familia e cos amigos.
  • Anota os teus libros favoritos para recomendalos aos compañeiras/os o próximo curso.

UN LIBRO PODE LEVARTE MOI LONXE. 

BOAS LECTURAS E FELICES VACACIÓNS!!! 

 

xoves, 4 de xuño de 2026

TORNEO XADREZ

 Dende xaneiro todos os mércores durante o recreo acollemos no Bibliocastelo un TORNEO DE XADREZ con catro ou cinco partidas simultaneas.

 Este evento está organizado polo alumnado de 6º e participan todos os niveis do cole divididos en dúas categorías: por un lado o alumnado de 1º a 3º e por outra banda o alumnado de 4º a 6º. Durante os primeiros meses do ano, as partidas son clasificatorias e van sumando puntuación para chegar ás semifinais e finais xa nos meses de maio/xuño.


Nestes intres xa coñecemos os nomes dalgúns dos gañadores/as que recibiran un pequeno agasallo no acto de entrega de premios de final de curso.
 


MIGUEL ÁNGEL ALONSO DIZ NO BIBLIOCASTELO

 Hoxe tivemos unha visita moi especial no Club de lectura do cole! Recibimos a Miguel Ángel Alonso Diz, autor do libro O país da choiva, que lemos durante este curso no Club de Papirus. 

Pasámolo moi ben conversando con el, coñecendo máis sobre a súa obra e facecndo preguntas sobre a súa experiencia como escritor.

 

Ademais, tivemos a oportunidade de gravar unha pequena entrevista para a nosa radio escolar.

Moitas grazas por compartir este tempo connosco e por facer da lectura unha aventura tan especial. Agardamos verte de novo moi pronto! 


domingo, 31 de maio de 2026

ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO NO BIBLIOCASTELO

 Hoxe nos sentimos moi importantes! Sabedes por que? Un gran poeta veunos visitar!!!

Non podíamos celebrar de mellor maneira "As letras galegas". O alumnado de 4º de primaria estab moi emocionado porque durante o 3º trimestre estivo lendo, recitando e gozando dos poemas do seu libro POEMAR O MAR
Falounos da súa admiración por outro poeta, o gran Rafael Alberti. Contounos que ambos gañaron o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil por un libro de poemas co mar como protagonista.

Con el recitamos poemos seus e de Alberti e conseguiu que o fixeramos extraordinariamente ben!


Para rematar, asinou os nosos libros co que marchamos superfelices!!!

xoves, 28 de maio de 2026

XA TEMOS PADRIÑO

 O noso club de lectura xa ten padriño. A nosa biblioteca recibiu unha visita moi especial: a de José Manuel Dopazo Entenza, que veu apadriñar o noso Club de lectura.

Durante o encontro, Alba e Roi, alumnos de 6º, foron os encargados de presentar ao autor e de realizar unha interesante entrevista guiada, na que puidemos coñecer mellor o seu traballo, as súas inspiracións e a súa relación cos libros e a lectura.
A actividade asistiron os dous grupos de 5º e os dous grupos de 6º, que forman parte este curso do noso club de lectura. Foi unha experiencia moi enriquecedora na que tivemos a oportunidade de escoitar, aprender e compartir un agradable tempo arredor dos libros.


 Como remate e de xeito simbólico, decidimos prantar varias sementes nunha maceta que esperamos xerminen e se fagan grandes como o noso pracer coa lectura.


Moitísimas grazas por vir, José Manuel! Encántounos coñecer o teu traballo e charlar sobre libros contigo. Agardamos volver verte moi pronto no Biblicastelo!


luns, 25 de maio de 2026

LA LECCIÓN DE AUGUST

 

 Hoxe tivemos unha nova reunión do noso club de lectura para falar do libro La lección de August de RJ Palacio. O libro encantounos e os nenos e nenas chegaron a dicir que foi o mellor libro deste curso. 

Gustoulles moito que a historia estivese contada desde diferentes perspectivas e incluso algunha integrante do club leu despois La lección de Julian 

A próxima reunión será xa a última deste curso e danos moita pena, sobre todo polos que marchan para o instituto. Unha lectura preciosa que deixará pegada no noso club. 

 

martes, 28 de abril de 2026

XOGAMOS COA ROBÓTICA NO BIBLIOCASTELO

 Quen dixo que aprender programación é aburrido? O noso alumnado de 6º e 5º tivo a oportunidade de asistir de xeito voluntario a experimentar coa robótica durante varias sesións en horario de recreo.


A profe Susana foi a encargada de dirixir esta actividade que tivo bastante éxito e que continuará nas próximas semanas convidando a outros niveis.

Aquí vos deixo algunhas imaxes dos asistentes: