Onte tivemos a fortuna de
contar cunha visita excepcional no noso Bibliocastelo, a escritora viguesa An
Alfaya, quen, ademais de falarnos dos seus libros, agasallounos con
confidencias da súa infancia.
Daquela, era una nena tímida e solitaria cunha chea
de soños, poesías e historias que contar. Escribía sempre que podía.
Mesmo na
clase, en canto remataba as súas tarefas, aproveitaba para dar renda solta ao
seu maxín que viaxaba coas máis inusitadas escusas, como o lene voo dunha
bolboreta.
Veu compartir connosco un
anaquiño do seu tempo porque este ano os mozos e mozas de 4º e 5º leron dous dos
seus libros, ZOA E AZOR e A ÁNFORA EXIPCIA respectivamente.
Trátase de dúas narracións
moi distintas, pero cunha característica común: a autenticidade dos seus
personaxes. As súas inquedanzas, as súas angustias, os seus defectos e as súas
virtudes son tan humanos, tan reais, que atrapan o lector nun labirinto
emocional. Temas como a honestidade, a amizade, a fidelidade, a confianza, a
envexa, a traizón e a decepción conducen á empatía, á reflexión e á tolerancia.
Son, sen dúbida, libros para medrar.