mércores, 24 de febreiro de 2021

INAUGURACIÓN DE "A VOZ DA PEDRA"

 Ola amiguiñxs:

Hoxe estou moi contento, por dous motivos: porque é o Día de Rosalía e  porque...

POR FIN SE ESTREOU A MIÑA EMISORA  A VOZ DA PEDRA !

Queriamos que fose un día moi sinalado e importante, por iso escollemos esta data para a posta en marcha da nosa radio. As encargadas de inaugurala foron as miñas axudantes: Naiara, Carla, Xiana, Iria e Judith. 



E que mellor maneira para facelo que recitando uns fermosos poemas da nosa ilustre escritora homenaxeada este día, Rosalía de Castro. Escoitade!

Moitísimas grazas, rapazas. Fixéstelo xenial!

Biquiños!



24 DE FEBREIRO, DÍA DE ROSALÍA

 Ola amiguiñxs:

Como xa sabedes, hoxe celébrase o Día da nosa gran escritora, Rosalía de Castro. Xa me enterei de que fixestes unha morea de actividades, que estivestes buscando información nos libros e nos ordenadores do Bibliocastelo. Para comprobar o que aprendestes podedes facer o seguinte Kahoot. Estades listxs? Pois...premede na seguinte imaxe!


Ademais escoitastes poemas musicados e ata fixestes recitado de poemas. E tamén cantastes! Os Furabolos da Pedra (5º de Educación Infantil) cantaron O moucho. Fixérono xenial. Ollade!

 

Os Laretas tamén cantaron, nesta ocasión foi o poema que Curros lle dedicou a Rosalía titulado A Rosalía. Premede na seguinte imaxe para ver o ben que o fixeron!

                        

Gustoume moito a actividade proposta pola AELG (Asociación de Escritoras e Escritores Galegos), que consistiu en realizar unha rosa, logo decorala cuns versos de Rosalía e agasallar con ela a un amigo ou a unha persoa querida. Contáronme que tamén deixastes algunhas destas rosas por diferentes lugares da vila para que calquera persoa puidera gozar delas. Ollade no seguinte vídeo os lugares a onde foron parar algunhas das rosas.


Quedaron moi fermosas! Ollade no seguinte vídeo como foi todo o proceso.

















Tamén quedou moi chulo o mural que realizastes cos retratos de Rosalía, simulando a técnica do POP ART de andy Wahrol.


Noraboa por todas as fantásticas actividades que fixestes. Estou moi orgulloso de vós! Traballades xenial!

Biquiños.




 

xoves, 11 de febreiro de 2021

11 DE FEBREIRO, DÍA INTERNACIONAL DA MULLER E A NENA NA CIENCIA 3ª PARTE

O alumnado de 4º tamén fixo o xogo "Adiviña quen" pero coa biografía de 15 mulleres científicas. Previamente realizaron un traballo de investigación, empregando como recurso a "Táboa periódica das científicas".

Estas láminas coa táboa periódica están no recanto científico do Bibliocastelo.



Tamén buscaron información nos ordenadores e nos libros da biblioteca.



Despois coa información e coas biografías que traballaron a través do xogo "Adiviña quen" realizaron un mural. As letras fixéronnas unhas rapazas de 6º, as axudantes de Papirus.




Noraboa polo traballo realizado! O mural quedou xenial! E... moitas grazas ás mozas de 6º, pola colaboración.
Logo pintaron e fixeron pequenos resumos coas biografías destas ilustres mulleres coas que decoraron a aula.

Para rematar, coa información recollida e por equipos, cada grupo presentoulle ao resto da clase o traballo que realizaron e todo o que aprenderon. Preme na imaxe para velo!


 

Logo con todas as biografías van facer un libro, que vai estar nos andeis do bibliocastelo para que poida velo quen queira.




 




11 DE FEBREIRO, DÍA INTERNACIONAL DA MULLER E A NENA NA CIENCIA 2ª PARTE

Para festexar esta data tan importante o alumnado de 3º fixo o xogo "Adiviña quen" con tres mulleres galegas do mundo da ciencia: Ángeles Alvariño, Jimena fernández e Ángela Ruíz Robles. Antes realizaron un traballo de investigación na hora de biblioteca. A través de dinámicas da aprendizaxe cooperativa (folio xiratorio, lapis ao centro) leron as biografías destas ilustres mulleres por equipos... Despois tiñan que lelas en voz alta e os compañeiros tiñan que adiviñar de que muller se trataba e identificar a súa fotografía. Logo cos datos, cubrían unha ficha. Ollade!
















Noraboa, un gran traballo!











 

11 DE FEBREIRO, DÍA INTERNACIONAL DA MULLER E A NENA NA CIENCIA 1ª PARTE

 

A Asemblea Xeral das Nacións Unidas, no 2015, decidiu proclamar o 11 de febreiro de cada ano Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia.
A ciencia e a igualdade de xénero son vitais para realizar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible incluídos na Axenda 2030. Nos últimos 15 anos, a comunidade internacional fixo un gran esforzo inspirando e promovendo a participación das mulleres e das nenas na ciencia. Desafortunadamente, elas seguen enfrontándose a barreiras que lles impiden participar plenemente nesta disciplina.
No cole para festexar esta data tan importante, realizamos unha morea de actividades. O punto de partida foi o vídeo "Efecto Matilda. La mujer en la ciencia". Ollade!


Logo cada curso fixo diferentes actividades: charlas, murais, traballos de investigación, xogos...
Agora vouvos contar a actividade que realizou a rapazada de segundo en colaboración coa Universidade de Vigo. Dúas mozas, Esperanza Broullón Mandado (antiga alumna do cole) e Cecilia Costas, investigadoras do grupo de Oceanografía Biolóxica da Universidade de Vigo impartiron unha charla virtual (por mor do Covid-19) ao alumnado de segundo, na que lles contaron en que consiste o seu labor como investigadoras. Logo a rapazada, coloreou e recortou o material que lles enviaran con anterioridade. Por último fixeron nun folio un pequeno resumo da actividade e un debuxo. Ollade!








Moitísimas grazas Espe e Ceci por contarnos a vosa experiencia como MULLERES CIENTÍFICAS!