domingo, 23 de decembro de 2012

OBRADOIRO LITERARIO DE NADAL: O ABETO


O venres 21 de decembro dentro das actividades de Nadal, celebramos na biblioteca un obradoiro literario que forma parte do noso proxecto CANTOS CONTOS CONTAS.

A actividade consistiu en coñecer un conto clásico de Hans Christian Andersen relacionado coa época do ano na que nos atopamos " O ABETO".
Xa todos sabedes que dos contos clásicos sempre se aprenden moitas cousas, nesta ocasión ademais de recordarnos que debemos coidar a natureza e respectala, soubemos que as veces cando somos pequenos nos parece que nunca imos medrar, temos presa por ser maiores e non gozamos da infancia como deberíamos...


Mentres escoitamos o conto fixemos un BINGO LITERARIO. Tratábase de atopar cinco palabras no relato e colorealas no noso abeto, por iso tivemos que estar moi atentos. Os que conseguiron escoitalas todas recibiron un bibliopunto que máis tarde cambiaron por unha pegatina de Papirus.


Despois xogamos a QUE PASARÍA SE ... en equipos de tres ou catro tratando de atoparlle un final divertido,  sorprendente e absurdo a esta historia tan triste.
E conseguímolo, partindo dunhas premisas dadas, nas que aparecía un personaxe de conto que nada tiña que ver con esta historia e algún que outro obxecto pouco apropiado ...


Tras darlle unhas poucas voltas a cabeza, probando o poder da nosa imaxinación todos os equipos buscaron unha boa alternativa para rematar este conto. E así tivemos a unha Carapuchiña Vermella que salvaba ao noso abeto nun helicóptero ou a Pinocho que o levaba ao bosque para poder plantalo de novo ou os tres porquiños que viñan ao seu rescate montados nun tándem.







Foi moi divertido escoitar todas as posibles ideas e versións. Gustaríache coñecer este conto de Hans Christian Andersen? Preme AQUÍ e accederás ao noso blog do proxecto CANTOS CONTOS CONTAS.

xoves, 20 de decembro de 2012

2013 ANO GRIMM

Hoxe celébrase  o Bicentenario (200 anos) da publicación (20 de decembro do 1812) da primeira edición dos contos recompilados polos Irmáns Grimm. Os seus contos foron traducidos a 170 idiomas diferentes e  no ano 2005 foron declarados Patrimonio Cultural da Humanidade.
Alemaña ven de declarar o ano 2013 como o ANO GRIMM sendo o centro a cidade Kassel na que viviron os dous irmáns.
Esta nova é moi interesante para nós porque está relacionado co proxecto sobre os Contos Clásicos "Cantos Contos Contas" que estamos levando a cabo este curso. Durante este primeiro trimestre estivemos traballando a estes escritores e os seus contos polo que todo o noso alumnado os coñece moi ben.
Se queres saber máis preme na imaxe coa que google quixo homenaxear o bianiversario dos seus relatos.

sábado, 15 de decembro de 2012

UN NADAL DE CONTO

Esta é a nosa GUÍA DE LECTURAS con recomendacións e novidades de libros para todas as idades. 
Aproveitamos para desexarvos a todos e todas un moi Bo Nadal e esperamos que entre os vosos agasallos,  os libros teñan un lugar especial e destacado.


xoves, 13 de decembro de 2012

RECITANDO CELSO EMILIO FERREIRO

Seguindo a proposta da CGENDL de rendirlle homenaxe a este poeta de Celanova, onte as 12.00 en punto todo o cole da Pedra saiu ao patio para recitar o poema "DEITADO FRONTE AO MAR" Estabamos todos e todas,  o alumnado de infantil, o de primaria os mestres e parte do persoal non docente.

Resultou moi ben porque os rapaces e rapazas ensaiaran cos mestres e sabían o poema de memoria. Os maiores do cole recitaron as distintas estrofas mentras os demais acompañábamos repetindo estes versos tan significativos:

EU FÁLOA PORQUE SI, PORQUE ME GOSTA,
PORQUE ME PETA E QUERO E DÁME A GANA;
PORQUE ME SAI DE DENTRO, ALÁ DO FONDO.



Se queres saber máis e ver máis fotos preme nestes enlaces.

ENREDEMOS            TRASNOS