venres, 28 de novembro de 2014

INVESTIGAMOS SOBRE ALIMENTACIÓN

Co gallo do mes da ciencia en galego, o alumnado de terceiro de primaria iniciouse no traballo de científico cuns resultados excelentes.
Investigaron sobre a alimentación. Primeiro recolleron folletos de alimentos dos distintos supermercados da vila e con eles fixeron unha pirámide de alimentos que lles permitiu ver, dunha forma moi visual, que alimentos deben comer a diario e con máis frecuencia e cales deben consumir ocasionalmente. 


Despois averiguaron o que lle aportaba cada alimento e que nutrintes contiñan (vitaminas, proteinas, graxas, hidratos de carbono...) e remataron facendo unha roda de alimentos. 


Para saber máis acudiron ao Bibliocastelo e alí sentíronse "aprendices de científicos" de verdade. 


Comprobaron, cun sinxelo experimento que alimentos contiñan graxa e cales non. Colocaron diferentes mostras de alimentos sobre folios brancos. Despois de secalos cunha estufa, colocáronnos ao trasluz nas ventás. Quedaron moi sorprendidos co resultado obtido.  


Como remate, con todo o aprendido,  elaboraron uns murais onde explicaban como sería un menu equilibrado e saudable (almorzo, media mañá, xantar, merenda e cea). Explicaron que lles aportaba cada alimento.




.

COMO SUBE A AUGA POLO TALO DUNHA FLOR

Nesta ocasión o alumnado de segundo de primaria quixo comprobar como as flores absorben a auga. Empregando colorante alimentario de diferentes cores foi moi sinxelo observar o cambio de cor nos pétalos.


Neste video pódese observar todo o proceso:



QUE COUSAS NON MOLLA A AUGA?

Os rapaces e rapazas de primeiro de primaria fixéronse esta pregunta: "Que cousas non molla a auga?
Puxéronse en marcha para descubrir a resposta nun libro que se atopaba na biblioteca. 
É entón decidiron comprobar as súas pescudas cun experimento científico: 
Meteron unha vela apagada en auga e outra en aceite e esperaron a ver o que pasaba... 

Se queres saber cal foi o resultado desta investigación bótalle un ollo a este video:



martes, 25 de novembro de 2014

O NOSO COLE É PREMIO NACIONAL

Portada do proxecto presentado
Hai unha semana recibimos, vía telefónica, a marabillosa nova de que resultamos gañadores nun concurso do Ministerio de Educación!!! 


O domingo 16 de novembro o Faro de Vigo na edición do Morrazo  xa avanzaba a nova.  

O xoves 20 de novembro saiu publicada a resolución no BOE. Somos catro os centros galegos galardoados nesta convocatoria nas distintas modalidades. 

Pola nosa parte, sentímonos moi satisfeitos polo recoñecemento ao noso traballo, feito con moita ilusión e cariño.
É un premio compartido con toda a Comunidade Escolar: empezando polo alumnado que é o noso motor, a eles diriximos todos os nosos esforzos. 
Seguindo pola inestimable colaboración das súas familias que están aí,  apoiando o noso labor.
E por último, salientar o traballo incansable de todo profesorado na aula e moitas veces, tamén, fora do seu horario que permitiu sacar adiante este proxecto

Sen todos eles, gañar este premio non tería sido posible. Este recoñecemento danos novos folgos e impulsanos a seguir traballando e mellorando. 

luns, 24 de novembro de 2014

DÍA INTERNACIONAL DA NON VIOLENCIA CONTRA A MULLER

Co gallo da conmemoración do día 25 de novembro, DÍA INTERNACIONAL DA NON VIOLENCIA CONTRA A MULLER, o Centro de Información ás Mulleres do Concello de Bueu, convocou entre os centros educativos, o XIII  concurso de carteis "CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO"
No noso cole resultou premiada co 1º Premio de Educación Primaria: CARLA ALFAYA PORTELA 6ºA que participou cun orixinal debuxo baixo o lema "Non cales e verás a vida doutra cor"



Tamén recibirón unha mención especial:
INÉS BRIÓN MARTÍNEZ 5º A  co lema "Tecendo un mundo mellor sen violencia de xénero"



GUISEPPE GONZÁLEZ FERNÁNDEZ 6ºA co lema "Xa non poderás interferir nos meus soños"


TEO CALVAR PARADA 6ºA co lema "A fórmula do amor é: a liberdade máis o respecto"



A entrega de premios será o día 25 ás 12:00 horas no Centro Social do Mar de Bueu.

venres, 21 de novembro de 2014

A APÓCEMA DO BRUXO

Esta semana o Bibliocastelo converteuse nun laboratorio científico. O alumnado de segundo escolleu dun libro un experimento científico. Despois estudaron os ingredientes necesarios e os pasos para a súa realización.


A continuación, os nosos pequenos investigadores puxéronse mans á obra. Coa axuda das profes fixeron unha mezcla e observaron a reacción química que se produciu ao mesturar o bicarbonao sódico co ácido acético do vinagre.


Neste video podedes ver o ben que o pasaron con esta sorprendente experiencia e o moito que aprenderon:



mércores, 12 de novembro de 2014

CIENCIA EN GALEGO NO BIBLIOCASTELO

Co gallo da celebración do Mes da Ciencia en GALEGO na Biblioteca Escolar, Papirus agasallounos con este expositor con títulos relacionados co tema, en lingua galega, por suposto.

PREME NA IMAXE

Exemplares variados, sobre o Planeta Terra, Charles Darwin, Curiosidades,  O mar, Animais , As Illas Cies,  Preguntas que poñen os pelos de punta, Cogomelos, Calor e Enerxía... Están todos á vosa disposición para levar en empréstito ou ler na biblioteca.



martes, 11 de novembro de 2014

NOVEMBRO. MES DA CIENCIA EN GALEGO

Dende a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vaise impulsar a celebración anual do mes de novembro como MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS ESCOLARES. Este ano iniciase esta actuación cunha imaxe alusiva e un MANIFESTO do científico Ángel Carracedo, profesor de Medicina Legal, Ética Médica e Bioloxía Molecular da Universidade de Santiago de Compostela. 
Premede na imaxe para acceder á páxina de Bibliotecas Escolares, onde atoparedes máis información e poderedes ler o texto íntegro.


domingo, 2 de novembro de 2014

UN SAMAÍN ARTÍSICO

Co gallo do proxecto que estamos a levar a cabo este curso, este Samaín a entrada do Ceip P.A Pedra encheuse de CABAZAS ARTÍSICAS e de RIMAS DE MEDO feitas polo noso alumnado.





Aquí tendes un video resumo de todas as actividades:



Os trasnos de infantil tamén celebraron o samaín: