PREME NA IMAXE |
Como xa saberedes, abril é moi especial para as BIBLIOTECAS ESCOLARES por ser o mes dos libros e da lectura.
Ademais, o día 23 é o sinalado pola UNESCO como o DÍA MUNDIAL DOS LIBROS E DOS DEREITOS DE AUTOR.
No bibliocastelo vimos de recibir unha CARTA da nosa mascota Papirus na que nos propón varias actividades para os próximos días:
- Preséntanos o marcapáxinas en forma de díptico que acolle o texto da escritora Maria Solar para que o podamos ler durante a hora de ler:
O LIBRO QUE TES AO LADO
"O capitán Nemo non era home de amores, pero algo novo abroiou nel cando Morgana chegou. Había anos que xa non pilotaba o Nautilus, ultimamente prestárallo ao Principiño para ir explorar novos planetas no fondo dos mares. O Principiño tiña facilidade para atopar planetas nos sitios máis insospeitados. Só puxo dúas condicións: que devolvera o submarino co depósito cheo, e que lle quixera. Ás naves hai que querelas para gobernalas como é debido. Agora nada sabía do seu destino, pero chegaran noticias pola Sereiña de que librara ben do pirata Barbanegra. Nemo vivía tranquilo naquel andel dunha biblioteca con Morgana ao seu carón. Ás veces o destino está no libro que tes ao lado. Só tes que abrilo e gozar". María Solar
- Proponnos unha nova actividade artística relacionada coa fotografía na que todo o alumnado e mestres poden participar.
- Convídanos a participar nas sesións "COMPARTINDO LECTURAS" que xa van pola terceira edición.
Por outra banda, todos os cursos están xa preparando os APADRIÑAMENTOS E AMADRIÑAMENTOS escollendo as súas lecturas preferidas para compartir.
Tamén agardamos nos próximos días varias visitas no bibliocastelo e algunha animación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario