O de hoxe non foi un venres calquera!
Comezamos a xornada baixando ao Centro Social do Mar para asistir á proxección
dun docu-film titulado: CASTELAO, DE
CHUMBO A VERBA. Este documental, obra do director Miguel López, narra, como se dunha película se tratase,
os vinte anos que o insigne intelectual galeguista viviu na vila de Pontevedra
(de 1916 a 1936).
A ficción comeza no IES Valle Inclán de
Pontevedra onde o alumnado de secundaria está a traballar sobre a relevancia
deste erudito galeguista, co gallo do centenario da súa chegada á vila.
O fío condutor da historia é o soño dun
neno que queda durmido apoiado no grupo de esculturas que preside a Praza de San
Xosé, mentres se pregunta como sería na realidade ese personaxe sobre o cal a
súa mestra lle mandou investigar. Nesta escultura, as figuras de Castelao,
Alexandre Bóveda, Manuel Quiroga, Valentín Paz Andrade, Ramón Cabanillas e
Carlos Casares, todos eles, artistas e intelectuais do S. XX vencellados á vila
do Lérez, simulan estar sentados no Café Moderno, onde protagonizaban
faladoiros de carácter político e cultural.
No
soño do rapaz, a escultura de Castelao cobra vida e proponlle que o acompañe
nun percorrido no espazo e no tempo pola Pontevedra de antes da Guerra Civil.
Nese paseo vaille ensinando prazas e
edificios emblemáticos da cidade ao tempo que lle presenta personaxes, tamén
especiais; que, por diferentes razóns, gardan unha relación directa con
Pontevedra. Tal é o caso de Don Ramón Mª del Valle Inclán, dramaturgo nado en
Vilanova de Arousa e o violinista Manuel Quiroga.
O
momento máis dramático da narración prodúcese co relato do fusilamento de
Alexandre Bóveda, galeguista pontevedrés que, igual que outros artistas e
intelectuais da época, foi asasinado por defender os seus ideais.
O
propio Castelao viuse obrigado a fuxir á Arxentina para non correr o mesmo
destino. Alí faleceu en 1950, tras 14 anos de exilio.
A banda sonora estivo interpretada por María do Ceo, que foi ademais quen compuxo o tema central do film.
Ao rematar a proxección, puidemos gozar coas imaxes do making-of e das explicacións do director de como se levou a cabo todo o proceso da rodaxe.
Por último, tivemos o privilexio de charlar co guionista e director deste fantástico filme,
MIGUEL LÓPEZ, quen, moi amablemente contestou as nosas preguntas.
É imprescindible dicir que puidemos
gozar desta fortuna, grazas á súa xenerosidade e á da profe María Rey, que
ademais, é a súa sobriña.
Podemos afirmar, sen medo a
equivocarnos, que foi unha experiencia tan enriquecedora como atractiva.
MOITÍSIMAS GRAZAS AOS DOUS!!! e NORABOA MIGUEL POR ESTE MARABILLOSO FILM!!!
Ningún comentario:
Publicar un comentario