venres, 19 de xuño de 2020

FIN DE CURSO

Ola amiguiños e amiguiñas:
Por fin chegou o gran día, o último de día de cole e o comezo das vacacións de verán. Eu estou bastante triste por non poder despedirme de vós como a min me gustaría, cunha fortísima aperta, desas que te deixan sen alento. Pero bueno, tamén sei que o verán pasa axiña e dentro de nada xa estades outra vez rebulindo polos corredores e fedellando na miña casa, no Bibliocastelo.
Antes de despedirme, máis que  unha despedida e un "ata dentro dun anaco", quero darvos un agasallo a vós e as vosas familia, que o tedes moi merecido. Estou moi orgulloso de vós!
Ollade!

Dos que si me teño que despedir e me dá moita mágoa é da rapazada de 6º. En setembro comezarán unha nova etapa noutro centro. Moita sorte rapaces e rapazas! Moitas grazas por ser os meus axudantes este ano!! E xa sabedes onde estou, vinde visitarme de cando en vez. A miñ a casa e tamén a vosa casa! Vouvos botar moito de menos!!
Xa sabedes...Mañá máis cousas.

Biquiños e unha forte aperta!
   

xoves, 18 de xuño de 2020

FANTÁSTICA SORPRESA!

Ola amiguiños e amiguiñas:
Hoxe recibín unha gran sorpresa. Os nenos e nenas de 1º e 2º queren compartir con todos e todas un vídeo moi especial que lles enviou alguén tamén moi especial. A que non sabedes quen lle enviou o vídeo? Ollade e escoitade!!

 

O gran poeta e tan querido por nós, Antonio García Teijeiro!! A que é incríbel? 
Resulta que os nenos e nenas de 1º e 2º estiveron lendo o seu libro "Vento, ventiño, venteiro" e Antonio tiña previsto visitar o Bibliocastelo neste terceiro trimestre para falar con eles do seu libro. Pero, por mor da pandemia do Coronavirus non puido ser. Entón como non podía vir, mandoulles este fantástico vídeo lendo dous dos seus poemas.
Moitas grazas rapaces e rapazas por compartir con nós este vídeo!
E por suposto, moitas grazas Antonio por este bonito detalle! Para nós foi un marabilloso agasallo! Sempre é un pracer escoitarte recitar! Esperamos verte pronto polo Bibliocastelo! Agardámoste cos brazos abertos!!

Biquiños.

martes, 16 de xuño de 2020

GUÍA DE LECTURA PARA O VERÁN

Ola amiguiños e amiguiñas:
Xa teño lista a guía de lectura para o verán. Algúns libros aínda non saíron do forno, vanse publicar ao longo deste mes de xuño. A maioría son novidades.
A decoración da guía ten que ver co PDI deste curso: A RADIO. Ollade!

Espero que vos gusten e que sexan do voso agrado!
Mañá máis cousas!
Biquiños.

luns, 15 de xuño de 2020

EDUCACIÓN FÍSICA

Que tal a fin de semana? Eu estiven un pouco líado buscando libros para recomendarvos para este verán. Ao longo desta semana publicarei unha guía con recomendacións. Se tedes algún libro que queirades recomendar porque vos gustou especialmente, xa sabedes, mandádesmo ao meu correo e eu publícoo na guía de lecturas.
Contoume un paxariño que traballastes arreo dende a casa. Ata en educación física fixestes unha morea de cousas. Quedei abraiado cando vin todo o que fixestes!! A profe Goretti fixo unha presentación chulísima. Encantoume!! Premede na imaxe e ollade!

 
Noraboa polo gran traballo que realizástedes durante a corentena! Estou moi orgulloso de vós!

Mañá máis cousas!!
Biquiños.

venres, 12 de xuño de 2020

OS MEDIOS DE COMUNICACIÓN

Ola amiguiños e amiguiñas:
Hoxe quero compartir con vós un traballo que me gustou moito. Os nenos e nenas de segundo fixeron unha morea de traballos interesantes e magníficos, pero eu escollín un que está relacionado co proxecto que levamos a cabo este curso, a radio. Os seus autores son Iker Martín de 2º B, Iker González e Nerea Alegría de 2ºA . Ollade!


Noraboa ! Fixestes un gran traballo! Encántame!!!

Mañá máis cousas.
Moitos biquiños.

martes, 9 de xuño de 2020

RETO CONSEGUIDO 4ª PARTE

Ola amiguiños e amiguiñas:
Supoño que estaredes contentos, xa non queda nada para as vacacións! Merecédesvos un bo descanso, despois de tanta clase telemática...
Eu sigo co reto que realizou a rapazada de 5º. Neste caso imos escoitar como lle foi a Matías e a Aitor. Ollade e escoitade!
Xenial, Aitor! Alégrome de que te divertiras co reto!

Moi ben, Matías! Grazas polos bicos!

Estupendo, Aisha! Moi interesante a información sobre Ricardo Carbalho Calero.

Grazas por compartir con nós os vosos traballiños!
Mañá máis cousas.
Biquiños.

luns, 8 de xuño de 2020

8 DE XUÑO, DÍA MUNDIAL DOS OCÉANOS

Ola amiguiños e amiguiñas!
Espero que pasarades unha boa fin de semana! 
Sabedes que día é hoxe? O Día Mundial da miña antiga casa, os océanos. Encántame vivir no Bibliocastelo, pero ás veces boto de menos mergullarme no óceano, no mar. Agora mergúllome nos libros!!!
É moi importante que coidemos os óceanos, xa que son unha importante fonte de vida. No seguinte vídeo explícase porque o 8 de xuño é o Día Mundial dos Océanos. Ollade! 

 

No vídeo que está a continuación explícase moi ben porque son tan importantes.  Aínda que está en inglés ten subtítulos en español.


Por último, o seguinte vídeo convídanos a que coidemos dos océanos, como tamén eles coidan de nós.


Espero que vos gusten.
Mañá máis cousas!
Moitos biquiños!!

venres, 5 de xuño de 2020

5 DE XUÑO, DÍA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE


Ola amiguiños e amiguiñas:
Sabedes que se celebra hoxe? O Día Mundial do Medio Ambiente. Este día foi designado polas  Nacións Unidas en 1974 para fomentar a acción ambiental. Dende entón, cada 5 de xuño gobernos, empresas, celebridades e cidadáns reclaman a mellora do medio ambiente. Este ano, 2020 o tema é a biodiversidade.
"A pesar de todos os beneficios que brinda a nosa natureza, aínda a maltratamos, por iso necesitamos traballar nela. Por iso necesitamos este Día Internacional", insiste a ONU.

Que podemos facer para coidar o Medio Ambiente? A min ocórrenseme algunhas cousas:
1. Sé un consumidor responsable. Consome só o que necesitas e esgota a vida útil dos produtos, noutras palabras: reduce, reutiliza e recicla.

2. Antes de tirar calquera cousa ao lixo, pensa se se pode reutilizar, reciclar ou reparar, ou se pode ser útil para outra persoa.

3. Desconecta os aparellos eléctricos cando non estean a funcionar.

4. Usa lámpadas LED que duran moito máis que as lámpadas tradicionais e que as fluorescentes.

5. Evita os aerosois que conteñen  CFCs e que son causantes da destrución da capa de ozono, ou outros gases que tamén contribúen para o efecto invernadoiro.

Que outras accións poderiamos engadir? Nos seguintes vídeos veñen algunhas ideas máis. Ollade!

 



O seguinte vídeo conciéncianos sobre non tirar plásticos ao mar cun toque de humor. Ollade!

Agora que vén o bo tempo gozade da natureza e sobre todo non vos esquezades de coidala.
Que pasedes unha boa fin de semana!
Biquiños.

xoves, 4 de xuño de 2020

RETO CONSEGUIDO! 3ªPARTE

Ola amiguiños e amiguiñas:
Espero que esteades moi ben. Xa falta pouquiño para as vacacións!
Hoxe vouvos amosar máis vídeos do reto que lles puxo a profe Macu a rapazada de 5º. Ollade!!
Candela Castro Recamán, cóntanos a súa experiencia e apórtanos datos moi interesantes de Ricardo Carbalho Calero. Xenial, Candela! Que escenario tan chulo elexiches para o teu vídeo!!

Jaime Pastoriza Montero explícanos como lle foi co reto e tamén nos dá información sobre o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas. Moi ben, Jaime!!

A Marcos Martínez Martínez parece que lle custou moito levar a cabo o reto! Moi interesante a información sobre Carbalho Calero. Estupendo, Marcos!

Moitísimas grazas por compartir con nós este reto!
Mañá máis!
Biquiños.



mércores, 3 de xuño de 2020

RETO CONSEGUIDO! 2ª PARTE

Ola amiguiños e amiguiñas:
Estou moi contento. Onte chegáronme unha morea de vídeos da rapazada de 5º contando a súa experiencia de falar un día enteiro só en galego. Cada día vouvos amosar uns poucos. Parécevos? Pois... imos aló!

Ían Pereira Fernández cóntalle ao seu curmán como lle foi a experiencia. Xenial, Ían!! 


Mariña Fernández Calo cóntanos como grazas ao galego puido comunicarse cun neno portugués. Moi ben, Mariña!

Samuel Estévez Molanes, fálanos un pouquiño do autor homenaxeado no Día das Letras galegas. Estupendo, Samuel!

Moitas grazas por compartir a vosa experiencia con nós!
Mañá máis vídeos.
Biquiños.


martes, 2 de xuño de 2020

DÍGOCHO EU

Ola amiguños e amiguiñas!
Hoxe vouvos amoxar un vídeo que atopei fedellando pola rede que me gustou moito. Realizouno a Comunidade Escolar do CEIPP da Espiñeira de Aldán. Titúlase "Dígocho eu". Esta é unha iniciativa da TVG para este ano 2020. Unha gran idea que ten como propósito, falar e escribir en galego un pouco mellor cada día. Ollade e aprendede!


Parabéns a Comunidade Escolar do CEIPP da Espiñeira por este gran traballo. E moitas grazas por compartilo con todos.

Mañá máis cousas.
Biquiños.


luns, 1 de xuño de 2020

RETO CONSEGUIDO!

Ola amiguiños e amiguiñas:
Que tal a fin de semana? Espero que o pasarades moi ben.
Hoxe vouvos falar dunha proposta moi interesante. A profe Macu para festexar o Día das Letras Galegas, propúxolle un reto a rapazada de 5º: tiñan que falar durante un día enteiro só en galego. Ademais tiñan que gravar un pequeno vídeo falando un pouquiño do autor homenaxeado este ano, Ricardo Carbalho Calero.
Ollade!
Moi ben, mario! Xenial!
A medida que me vaian envíando os vídeos vouvolos ir amosando.

Mañá máis cousas.
Biquiños.