sábado, 7 de xuño de 2014

AN ALFAYA VISITA O NOSO BIBLIOCASTELO

Onte tivemos a fortuna de contar cunha visita excepcional no noso Bibliocastelo, a escritora viguesa An Alfaya, quen, ademais de falarnos dos seus libros, agasallounos con confidencias da súa infancia. 

Daquela, era una nena tímida e solitaria cunha chea de soños, poesías e historias que contar. Escribía sempre que podía. 


Mesmo na clase, en canto remataba as súas tarefas, aproveitaba para dar renda solta ao seu maxín que viaxaba coas máis inusitadas escusas, como o lene voo dunha bolboreta.


Veu compartir connosco un anaquiño do seu tempo porque este ano os mozos e mozas de 4º e 5º leron dous dos seus libros, ZOA E AZOR e A ÁNFORA EXIPCIA  respectivamente.


Trátase de dúas narracións moi distintas, pero cunha característica común: a autenticidade dos seus personaxes. As súas inquedanzas, as súas angustias, os seus defectos e as súas virtudes son tan humanos, tan reais, que atrapan o lector nun labirinto emocional. Temas como a honestidade, a amizade, a fidelidade, a confianza, a envexa, a traizón e a decepción conducen á empatía, á reflexión e á tolerancia. Son, sen dúbida, libros para medrar.



Ningún comentario:

Publicar un comentario