Ola amiguiños e amiguiñas:
Hoxe, 22 de abril celébrase o Día Internacional da Nai Terra, unha efeméride oficial proclamada polas Nacións Unidas en 2009.
Aínda que temos que dicir que esta data celébrase desde o ano 1970 co obxectivo de concienciar á humanidade sobre os problemas xerados pola superpoblación, a contaminación, a conservación da biodiversidade e outras preocupacións ambientais.
Para festexalo que vos parece se pensamos entre todos e todas que cousas podemos facer para protexer e coidar o noso planeta? A min ocórrenseme unhas cantas. Se premedes na seguinte imaxe levaravos a unha páxina na que aparecen varias iniciativas levadas a cabo por persoas de diferentes países. Algunhas son moi curiosas.
Se vos apetece poderiades facer unha lista coas actividades que se poden realizar para coidar o planeta e logo eu as publico no blog. A ver cantas se vos ocorren?
Sabedes que a ONU concede cada ano un premio chamado "Campións da Terra", a través do cal se recoñece o labor de persoas ou grupos que traballan polo medio ambiente, que inspiran a outros e que defenden un futuro mellor para o noso planeta? Trátase do máximo galardón ambiental do mundo. É o mellor de todo é que calquera persoa pode participar. A que estades agardando? Na páxina web a que vos leva a imaxe anterior explícanse as bases deste concurso.
Agora vouvos amosar un vídeo que fixeron os cativos e cativas dun cole (EEI Monte da Guía) para festexar este día tan especial. Está en linguaxe de signos. Ollade con atención!
Fantástico, verdade?
Mañá máis cousas. Agardo impaciente as vosas suxerencias para coidar o noso planeta!
Moitos biquiños.
Ningún comentario:
Publicar un comentario