martes, 11 de novembro de 2014

NOVEMBRO. MES DA CIENCIA EN GALEGO

Dende a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vaise impulsar a celebración anual do mes de novembro como MES DA CIENCIA EN GALEGO NAS BIBLIOTECAS ESCOLARES. Este ano iniciase esta actuación cunha imaxe alusiva e un MANIFESTO do científico Ángel Carracedo, profesor de Medicina Legal, Ética Médica e Bioloxía Molecular da Universidade de Santiago de Compostela. 
Premede na imaxe para acceder á páxina de Bibliotecas Escolares, onde atoparedes máis información e poderedes ler o texto íntegro.


domingo, 2 de novembro de 2014

UN SAMAÍN ARTÍSICO

Co gallo do proxecto que estamos a levar a cabo este curso, este Samaín a entrada do Ceip P.A Pedra encheuse de CABAZAS ARTÍSICAS e de RIMAS DE MEDO feitas polo noso alumnado.





Aquí tendes un video resumo de todas as actividades:



Os trasnos de infantil tamén celebraron o samaín:

martes, 28 de outubro de 2014

DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES

O venres 24 de outubro recibimos no Bibliocastelo ao alumnado de infantil e primeiro ciclo. Todos eles/as viñan cargados de ilusión e agasallos para celebrar o Aniversario da nosa mascota, no Día das Bibliotecas Escolares. 
Papirus, que se atopa de viaxe de investigación polo mundo adiante, visitando museos e galerías de arte, deixounos unha mensaxe que todos escoitamos con moitísima atención.




Despois a profe Lina agasallounos cun conto precioso e MOI ARTÍSTICO: "AQUILES O PUNTIÑO". Unha historia ilustrada na que un sinxelo puntiño ía medrando e descubrindo o mundo: a chuvia,  as palabras, os aromas, os sabores, a música. Aquiles naceu dunha folla en branco e foise facendo a si mesmo pouco a pouco. 



O luns 27 de outubro foi o turno da rapazada de segundo e terceiro ciclo. Nesta ocasión contamos coa amable colaboración da profe Olalla que nos amosou o punto de mira de Miró, seguindo as peripecias de cinco salvaxes manchas de pintura, con moitas ganas de manchar. Foi un pracer escoitar da súa voz o conto "O CADRO MÁIS BONITO DO MUNDO" e retounos a atopar ao  noso artista e cadro favorito. 


Como en todas as festas tamén houbo música e felicitamos a Papirus entonando a súa canción.


E tampouco faltaron os agasallos...



E para rematar aquí vos deixo un video resumen coas imaxes desta xornada tan emocionante, divertida e sobre todo ARTÍSTICA.



Se queredes ver máis visitade estes enlaces:



domingo, 5 de outubro de 2014

PROXECTO "LerARTE"

Acabamos de por en marcha o noso proxecto para este curso baixo o lema "LerARTE". Con el pretendemos achegar o mundo da ARTE ao noso alumnado.
Xa temos o deseño do noso logo e  en breve abriremos unha exposición permanente (para todo o curso) de libros relacionados con esta temática no Bibliocastelo.



Como vimos facendo nos últimos anos e coa fin de recoller todas as actividades, iniciativas e novas que teñan que ver co proxecto, abrimos un novo blog. Podedes acceder a el a través do logo "LerARTE" que xa se atopa nun lateral do blog da biblioteca ou premendo na imaxe superior.

luns, 29 de setembro de 2014

MAFALDA ESTÁ DE ANIVERSARIO

O 29 de setembro de 1964 foi o día do nacemento de Mafalda como personaxe de historieta, según o seu autor, o arxentino Quino. Publicouse por primeira vez  na revista Primera Plana, unha revista semanal de Bos Aires. 
Mafalda é unha nena de seis anos que se preocupa de maneira excesiva por todo o que acontece no mundo, escoitando as malas novas da radio ou da televisión pero sempre coa esperanza de que algún día todo se arranxe e se consiga a paz mundial.
Mafalda odia a sopa o que lle provoca certas discusións coa súa nai. Os seus pais son de clase media; a nai é ama de casa e non rematou os estudios, cousa que Mafalda sempre lle recrimina; o pai é un axente de seguros moi preocupado pola economía familiar. 
O seu primeiro amigo foi Felipe, un neno de sete anos, moi tímido e angustiado pola vida.
Despois chegaron os demais: Miguelito que se caracteriza polo seu pouco coñecemento das cousas, as cuestións absurdas e as deducións sen sentido. Susanita, a mellor amiga de Mafalda, é moi egocentrica, sempre trata de dar envexa aos demais e a súa gran obsesión na vida é casar e ter moitos fillos. Libertad é a máis baixiña do grupo e non lle gusta a xente alta. Guille, é o irmán pequeno de Mafalda, un neno inocente, rebelde e inxenuo ao que lle gusta a sopa, o que provoca algunha lea entre os irmáns. 
O autor das tiras cómicas de Mafalda chámase Joaquín Salvador Lavado Tejón, máís coñecido como Quino. Nado o 17 de xullo de 1932 na cidade de Mendoza, en Arxentina, é humorista gráfico e creador de historietas.

Se queres coñecer máis a fondo a Mafalda, aos seus pais, a Quino e aos seus amiguiños: Felipe, Manolito, Susanita, Miguelito, Libertad e Guille, preme na imaxe "El mundo de Mafalda"

mércores, 10 de setembro de 2014

XA ESTAMOS DE VOLTA!!!

Hoxe demos comezo a un novo curso escolar e as aulas volvéronse encher de algarabía. 

No Bibliocastelo, estamos preparando os últimos detalles para ter todo a punto  na apertura da biblioteca, o vindeiro mes de outubro.

Este ano arrancamos con algunha novidade. En  primeiro lugar o portal educativo ven de publicar as INSTRUCCIÓNS, da dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, en relación coa organización e funcionamento das bibliotecas escolares para o curso 2014/2015.




Por outra banda, xa sabemos cal é o lema escollido este ano para o cartel da campaña de comezos de curso nas bibliotecas escolares galegas: BIBLIOTECA ESCOLAR...MATEMÁTICO!!!  A imaxe é obra de DAVID PINTOR que interpretou unha biblioteca matemática polos catro costados chea de vida.

mércores, 2 de xullo de 2014

BOAS VACACIÓNS

Papirus quere desexarvos a todos e todas unhas fantásticas vacacións. Estará esperando por vos en setembro para comezar novas aventuras da man dos libros.


martes, 1 de xullo de 2014

O LADRÓN DE PALABRAS

Para rematar este curso o alumnado de segundo de primaria preparou unha representación teatral adaptando a obra "EL LADRÓN DE PALABRAS" de Antonio de la Fuente Arjona
Encuadramos a actividade no proxecto "Que suba o pano!" que trata de achegar o teatro á escola, traballando a expresión oral e corporal. 
Neste video podedes ver o ben que o fixeron os rapaces e rapazas, despois de varios meses de ensaios::

xoves, 12 de xuño de 2014

ANTONIO SEIJAS NO BIBLIOCASTELO

Hoxe tivemos a fortuna de contar con ANTONIO SEIJAS no Bibliocastelo.


Falounos de "CARTAS DE INVERNO" libro de Agustín Fernández Paz que el ven de adaptar a banda deseñada e que o noso alumnado de sexto estivo lendo este curso.


Aprendemos algúns trucos sobre as cores e a súa importancia na ilustración porque son unha  ferramenta que se debe aproveitar ben. As cores transmítennos a atmosfera, a ambientación da historia e incluso os sentimentos ou os estados de ánimo.


Antes de rematar agasallounos cun marabilloso debuxo no que se reflexa unha escena do libro.



Aquí está o resultado final con dedicatoria e todo. 
MOITAS GRAZAS ANTONIO polo teu tempo!!!

luns, 9 de xuño de 2014

LIM BANDA DESEÑADA

Como remate ao noso proxecto "ENTRE VIÑETAS" centrado no mundo do cómic, aquí tendes unhas actividades para repasar o aprendido:


sábado, 7 de xuño de 2014

AN ALFAYA VISITA O NOSO BIBLIOCASTELO

Onte tivemos a fortuna de contar cunha visita excepcional no noso Bibliocastelo, a escritora viguesa An Alfaya, quen, ademais de falarnos dos seus libros, agasallounos con confidencias da súa infancia. 

Daquela, era una nena tímida e solitaria cunha chea de soños, poesías e historias que contar. Escribía sempre que podía. 


Mesmo na clase, en canto remataba as súas tarefas, aproveitaba para dar renda solta ao seu maxín que viaxaba coas máis inusitadas escusas, como o lene voo dunha bolboreta.


Veu compartir connosco un anaquiño do seu tempo porque este ano os mozos e mozas de 4º e 5º leron dous dos seus libros, ZOA E AZOR e A ÁNFORA EXIPCIA  respectivamente.


Trátase de dúas narracións moi distintas, pero cunha característica común: a autenticidade dos seus personaxes. As súas inquedanzas, as súas angustias, os seus defectos e as súas virtudes son tan humanos, tan reais, que atrapan o lector nun labirinto emocional. Temas como a honestidade, a amizade, a fidelidade, a confianza, a envexa, a traizón e a decepción conducen á empatía, á reflexión e á tolerancia. Son, sen dúbida, libros para medrar.



GUÍA DE BANDA DESEÑADA

Co gallo do noso proxecto  "Entre viñetas" publicamos esta Guía de lecturas sobre o cómic con títulos para todas as idades e gustos. Mira ben e seguro que aínda che queda algún por ler!!!

venres, 6 de xuño de 2014

E SEGUIMOS APADRIÑANDO E AMADRIÑANDO LECTORES

Estes días de primavera o Ceip Plurilingüe A Pedra encheuse de contos e historias. Ninguén quixo quedar sen apadriñar ou ser apadriñado: libros nos corredores, libros nos patios, libros na biblioteca, libros nas aulas, ... libros, libros e máis libros...