luns, 12 de novembro de 2018

IX XORNADAS DE BIBLIOTECAS ESCOLARES DE GALICIA

Esta fin de semana (9-10 de novembro) celebráronse no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela, as IX Xornadas de Bibliotecas Escolares de Galicia. O lema para este curso é: Poéticas diversas na biblioteca escolar
Varios mestres e mestras do cole tivemos o pracer de asistir.
Estas xornadas son moi enriquecedoras, xa que facilitan o encontro entre profesionais dos distintos niveis educativos e de distintas disciplinas. Tamén son unha forma de compartir experiencias, traballos e diferentes propostas arredor das bibliotecas escolares. Ademais das interesantísimas ponencias, houbo mesas de debate, presentación de boas prácticas nos distintos ámbitos do mundo das bibliotecas e como en ocasións anteriores, unha sesión denominada "A fume de carozo" na que se presentaron 10 actividades moi concretas levadas a cabo en bibliotecas de centros educativos de Galicia.
A temática destas xornadas foi moi diversa: a poesía, a ciencia, as belas artes, a tecnoloxía aplicada a materiais téxtiles, a tradición oral e a música...
O mellor de todo foron as experiencias de gran calidade que presentaron como "radio na biblio", os exemplos prácticos de biblioteca inclusiva, as experiencias sobre voluntariado e formación lectora. Se queredes ver o programa das xornadas premede na seguinte imaxe.



O peche, o broche final correu a cargo do poeta Fran Alonso, que nos deleitou cos seus poemas mentras a artista urbana Nana ía pintando. Antes desta actuación, a cantante galega Uxía Domínguez, máis coñecida como Uxía, falounos de poesía e fíxonos levantar dos asentos e cantar as súas fermosas cancións. O xornal Faro de Vigo recolle nun artigo a fantástica actuación desta gran artista e a excelente organización das xornadas. Premede na seguinte imaxe para poder lelo.



Foi un auténtico pracer para os sentidos!

mércores, 31 de outubro de 2018

TEMOS DEREITO A... GOZAR DO SAMAÍN!

Como todos os anos, para conmemorar o Samaín, fixemos un mural cooperativo no que participou todo alumnado. Dado que o tema do proxecto deste curso son os DEREITOS HUMANOS o lema foi :

                        Temos dereito a...



Ademais realizamos unha exposición de cabazas coa axuda das familias. Estaban representados case todos os dereitos: dereito a educación, dereito a unha vivenda, dereito a ter unha familia, unha nacionalidade... Ollade!




















Quedou espectacular!Cada ano as familias sorpréndennos máis pola súa orixinalidade e creatividade. Este ano o tema non era doado.


Se queredes máis información premede na seguinte imaxe.


MOITAS GRAZAS FAMILIAS!









mércores, 24 de outubro de 2018

SORPRESA!

Por fin recibimos noticias de Papirus! Enviounos unhas tarxetas para convidarnos ao seu aniversario, que é o día 24 de outubro, ou sexa, hoxe.



Puxémonos contentísimos, pero a ledicia durounos pouco. Resulta que a súa casa, o Bibliocastelo, está en obras e por iso ten que adiar a celebración para máis adiante. Cóntanos que en canto estea lista a biblioteca, celebrará unha gran festa. Que ben, estamos desexando que chegue ese día!
Ollade o que nos escribiu!





sábado, 29 de setembro de 2018

OBRADOIRO DE ARTE



Por fin chegou o gran día! Hoxe a Banda do Río encheuse de cor, de moita cor! A carón do estaleiro de Purro desenvolveuse un obradoiro de pintura, organizado pola Fundación Gabarrón e a ONU. Estivo dirixido polo propio Cristóbal Gabarrón, que contou coa axuda de artistas locais como Marc Taeger e Luis Davila.






Tamén colaboraron a Asociación Veciñal Cultural Banda do Río, o Concello de Bueu e a Deputación de Pontevedra.
Participaron máis de 200 nenos e nenas de idades comprendidas entre 4 e 14 anos, que estiveron supervisados por monitores e monitoras especializados en artes plásticas.









Ata a Banda do Río  desprazouse moita xente que gozou vendo pintar a estes pequenos pero grandes artistas. Entre eles estaban persoas moi queridas por todos nós, como o pintor José Solla e o mestre Arturo Cidrás.



A temática foron os DEREITOS HUMANOS, xa que este ano se conmemora o 70 aniversario da súa declaración. Moitos  debuxos representaban algún destes 30 dereitos e outros a persoas relevantes que traballaron en prol dos mesmos, como Ghandi, Malala... O obxectivo deste obradoiro non é só dar a coñecer  estes dereitos, senón que os máis novos poidan entendelos e defendelos nun futuro próximo.



Fixeron auténticas obras de arte! Ollade!










Estas obras serán expostas ao longo de dúas semanas en diferentes puntos do municipio buenense : Museo Massó, Sala Domínguez Búa...
Despois os debuxos dos nenos e nenas de 10 a 14 anos, participarán no Concurso Internacional  de Debuxo e os dos máis cativos pasarán a formar parte da Pinacoteca Infantil do Museo Raíña Sofía de Valladolid.
Parabéns aos organizadores e organizadoras desta magnífica actividade!!