martes, 28 de maio de 2013

CONCURSO: QUE SABES DE ... ROBERTO VIDAL BOLAÑO?

Esta semana entra en xogo a cuarta pregunta do noso concurso das Letras Galegas:


O nome dos novos gañadores e gañadoras xa está no tablón da entrada:

1.  SERGIO MALVIDO FERNÁNDEZ  1ºB
2.  SABELA LÓPEZ MENDUIÑA 4ºA
3. LUCÍA BARREIRO DOMÍNGUEZ 3ºA

NORABOA E ANIMÁDEVOS A SEGUIR PARTICIPANDO!!!

mércores, 22 de maio de 2013

CONCURSO: QUE SABES DE ... ROBERTO VIDAL BOLAÑO?

Xa tendes no tablón da entrada a terceira pregunta do concurso. Ánimo e a participar!!!


Os gañadores e gañadoras para a 2ª pregunta elexidos por sorteo dentro das respostas acertadas son:

1. ALBA VIDAL CABANELAS 2ºB
2. XOEL PENAS SOTELO 4ºB
3. NURIA ARGIBAY CAÍÑO 2ºA

xoves, 16 de maio de 2013

A ÁRBORE TAN POUCO ÁRBORE

Oa rapaces e rapazas de catro anos, dirixidos polas súas mestras, decidiron participar no concurso "NOS TAMÉN CREAMOS". Escolleron o conto "A ÁRBORE TAN POUCO ÁRBORE" e a partir del elaboraron un video preciosísimo. A experiencia resultou moi gratificante como se pode observar no "making off". Premede na imaxe inferior para velo e sabelo todo sobre esta iniciativa.


luns, 13 de maio de 2013

CONCURSO: QUE SABES DE ... ROBERTO VIDAL BOLAÑO?

Xa temos os PRIMEIROS GAÑADORES e GAÑADORAS do concurso das LETRAS GALEGAS:

  1. LAURA BOUBETA PORTELA de 1ºA
  2. ÁNGEL LÓPEZ FIEL de 3ºA
  3. CRISTINA BARCIA OTERO de 5ºA
Pero non vos desanimedes que xa está en xogo a segunda pregunta:


Escribe a túa resposta e depositaa na furna que está na entrada do cole e que teñades moita sorte.

sábado, 11 de maio de 2013

CORRELINGUA "GALEGO, A CHAVE DO MUNDO"

O venres 10 de maio as rúas de Bueu enchéronse de cativos e cativas que celebraban unha gran festa na defensa do noso idioma, o galego. O lema deste ano era "GALEGO, A CHAVE DO MUNDO"



A esta xuntanza na Praza Massó, acudiron os centros de Infantil, Primaria e Secundaria de todo o Morrazo; Cangas, Moaña, Marín, Bueu ... ninguén quixo faltar á cita para ensalzar a nosa lingua. 



Mentras os máis maiores percorrían as rúas de Bueu, coas camisetas decoradas coa súa palabra preferida en galego, os máis pequeniños participaban nuns obradoiros ben divertidos.



De volta na praza Massó o Autor e Director Teatral Celso Parada fixo a lectura do pregón. E despois de merendar, todos e todas a bailar e mover o esqueleto con LUIS PREGO e o seu grupo, que nos presentaron a seu último disco; "PARA CANTAR E BAILAR". 



Outros enlaces de interés sobre o Correlingua:






mércores, 8 de maio de 2013

QUE SUBA O PANO. "MENOS LOBOS"

Onte os rapaces e rapazas de primeiro de primaria asistiron á unha representación de monicreques titulada "MENOS LOBOS". 




Os encargados da posta en escena foron dous nenos de sexto: Dani e Héctor e unha nena: Paula que o fixeron marabillosamente ben.

martes, 7 de maio de 2013

CONCURSO: QUE SABES DE ROBERTO VIDAL BOLAÑO?

Esta semana arranca, un ano máis, o noso tradicional Concurso das Letras Galegas: QUE SABES DE... ROBERTO VIDAL BOLAÑO? 


Ao longo desta semana poderedes dar resposta á primeira pregunta plantexada:


Para participar so tendes que escribir nun papel a contestación e depositala na furna que se atopa a carón do mural do DÍA DAS LETRAS GALEGAS para tal efecto.
MOITA SORTE A TODOS E TODAS!!!

domingo, 5 de maio de 2013

A MARISCADORA DE CONTOS NO BIBLIOCASTELO

O venres 3 de maio visitou o noso bibliocastelo Pepa Martín "mariscadora de contos". 



Alí a esperaban os rapaces e rapazas de 1º e 2º de primaria que querían escoitar as súas historias.


A través do xogo da oca fixemos un percorrido polo mundo dos contos. Para avanzar tivemos que demostrar todo o que sabíamos sobre os personaxes dos contos e sobre os libros. Tamén acertamos algunha proba de cálculo e algunha preguntiña de historia.


Falounos duns libros de matemáticas moi divertidos que contas unhas historias moi interesantes e serven para aprender os números ao mesmo tempo. 


Contounos a historia de Arturo, un neno que odiaba as matemáticas e por iso se meteu nun lio moi gordo.

 













Tamén nos falou dos grandes descubridores como Cristóbal Colón e  Magallanes.


Eu, Papirus, paseino moi ben e creo que os rapaces e rapazas tamén.
MOITAS GRAZAS PEPA E ATA PRONTO!!!

mércores, 1 de maio de 2013

PAPIRUS NOS CONTOS

Nesta semana de libros e lecturas os rapaces e rapazas de sexto agasallaron á nosa mascota cunhas versións moi especiais dos contos clásicos. 
Para elaboralos puxeron a funcionar o batedor de historias e nel mesturaron contos de sempre cunhas pingas de maxín, dez megas de tecnoloxía e grandes doses de traballo.
E velaquín tendes o resultado. Noraboa a todo o alumnado de sexto que participou nesta iniciativa.













sábado, 27 de abril de 2013

XABIER DOCAMPO VISITA O BIBLIOCASTELO

Este xoves 25 de abril tivemos a gran sorte de contar con XABIER P. DOCAMPO na nosa biblioteca.
 

Veu para falar cos rapaces e rapazas de sexto aos que tiña engaiolados co seu libro "O MISTERIO DAS BADALADAS"


Era a segunda vez que visitaba o Bibliocastelo e recibímolo con moita ilusión porque lle tiñamos preparada unha sorpresa: o misterio do bibliocastelo.


Dentro deste sobre estaban as pistas que tivo que seguir para descubrir o noso segredo,


E como non podía ser doutra maneira resolveu todos os enigmas sen ningún problema.


Queremos darlle as grazas pola súa enorme paciencia e esperamos que lle gustara o xogo, aínda que sexa so a metade do que nos gustou a nós.
Tamén lle queremos agradecer as súas sabias palabras animándonos a ler e aprender.
Se queredes saber máis de como foi a súa visita preme na imaxe inferior.


domingo, 21 de abril de 2013

ACTIVIDADES PARA O DÍA DO LIBRO

Esta semana imos por en marcha unha serie de actividades para conmemorar a celebración do DÍA DO LIBRO.
En primeiro lugar agradecemos a Paula Carballeira o precioso texto co que nos obsequiou para esta data e que imos ler en todas as aulas o martes 23 de abril durante a hora de ler.


SÓ UN LIBRO

Non sei que facer.
Miña irmá regaloume un libro.
Un libro.
Por que?
Que lle fixen eu?
Míroo e remíroo.
Sacúdoo, a ver se ten algo entre as follas, ademais de letras e debuxos.
Nada.
É só un libro.
Paréceme inútil, aí quieto, sen moverse.
Éntranme ganas de rompelo, de escachalo, de queimalo, de estragalo...
A ver se así reacciona.
Non. 
Que vai reaccionar!
Espera.
O libro espera.
Non se decata de que son máis forte ca el.
Non se decata de que podería esnaquizalo se me deixase levar polo xenio.
Se cadra estase rindo de min.
Crerase  moi importante por ser un libro.
Vouno abrir.
Teño curiosidade por saber que escribiron dentro del para que teña eses aires de superioridade.
Vaia!
Non está nada mal.
Empézame a caer simpático.
Tan caladiño, gardando a súa historia coma quen garda un segredo.
Ás veces penso que a miña irmá pode lerme o pensamento.
Era xusto o que eu quería.
Un libro.
Este libro.

A partires do luns 22 de abril e ata o venres 26 imos celebrar, en horario de recreo, unha MARATÓN LECTORA. O obxectivo é, ademais de promover a lectura, dar a coñecer unha serie de títulos en galego de gran calidade que non son os que o noso alumnado habitualmente len, no seu tempo de ocio.
Empezaremos coa lectura de "O PRINCIPIÑO" que ven de cumprir 65 anos e é un dos libros máis lidos no mundo porque foi traducido a 180 linguas diferentes. 
"VERBAS DE SAL", "NERA A FERREIRA", "LUCES, BICOS E CORES", "TRES CONTOS MARABILLOSOS", "RIMAS CON PIRULETA" son algúns outros títulos que estarán presentes nesta maratón. Se queres saber máis preme na imaxe do principiño.

Durante a hora de biblioteca, xogaremos ao BINGO CLÁSICO, con adiviñas de personaxes de contos. Este é un dos cartóns.


E para rematar, con este LIM aprenderemos moitas cousas sobre a celebración do Día do Libro.



sábado, 20 de abril de 2013

LIM ROBERTO VIDAL BOLAÑO

Libro Interactivo Multimedia, elaborado polo Equipo de Dinamización Lingüística, para aprender e descubrir moitas cousas sobre o homenaxeado este ano nas Letras Galegas, Roberto Vidal Bolaño.


mércores, 10 de abril de 2013

ADEUS A JOSE LUIS SAMPEDRO

O domingo finou en Madrid aos 96 anos José Luis Sampedro, escritor, humanista y economista. 
Imaxe de Rosana Rodiles (Ceip de Pazos)
Un nome que sempre nos trouxo intelixencia e pensamento.
Un economista que sempre tivo presente que o mercado debería estar ao servizo da colectividade.
Uns libros para ler e...ler e...ler. Moito van ter que ler os clubs e moito botarán de menos esa referencia viva.
Un vello que nunca foi vello. Un home de idade que nunca debía morrer.
Un pensador que sempre nos fará falla.
Nin damas de ferro nin iconas da imaxe. Escritores que souberon envellecer... Se algunha vez a colectividade lle puxo o seu nome a unha rúa, cole, biblioteca, aula... non terá que arrepentirse.
Autor de grandes novelas:
La sonrisa etrusca
Octubre, octubre
La vieja sirena
El río que nos lleva...
Autor de libros de economía:
El mercado y nosotros
El mercado y la globalización
La inflación (al alcance de los ministros)
Economía humanista. Algo más que cifras.
Conversaciones sobre política, mercado y convivencia.
Autor do prólogo da edición española de ¡Indignaos!
                                                               Rede Lectura

Selección de conversas de Sampedro con Olga Lucas que nos chega a través do Segrel do Penedo (IES de Fene)



Entrevista de Jordi Évole a José Luis Sampedro