venres, 25 de marzo de 2016

CONTACONTOS : ASTROPAL, UN COMETA CON CORAZÓN

O venres, 11 de marzo, tivemos un contacontos no Bibliocastelo a cargo de María Carrera. Os afortunados e afortunadas foron os alumnos/as de primeiro.
 
Contounos dous contos relacionados co espazo da editorial Hércules : Astropal, un cometa con corazón, que foi o libro que traballaron os nenos e nenas de primeiro e Cosmo e a estrela perdida.
 
 
Ademais dos contos estreou en primicia unha nova canción, "A brincadeira", na que todos participamos.
 
 
 
Acompañou os contos con proxeccións sobre o espazo. Pasámolo xenial!! Cantamos, bailamos... Houbo contos, cancións e sobre todo moita diversión!
 
 
María, esperamos que volvas axiña ao noso Bibliocastelo! Contigo sempre o pasamos xenial!

  
 



 

 

martes, 15 de marzo de 2016

8 DE MARZO, DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

O pasado martes, 8 de marzo, foi un día moi especial, celebramos o Día Internacional da Muller. Algúns cursos celebrámolo no Bibliocastelo lendo e traballando con lecturas que tratan o tema da igualdade no traballo e tamén biografías de mulleres ilustres.
Outros cursos foron á entrega de premios do X Concurso de Viñeta e Ilustración, baixo o lema "A igualdade no traballo", que organiza cada ano o CIM do Concello de Bueu. Este ano o primeiro premio de educación primaria foi para Inés Brión Martínez de 6ºA do noso centro. Rocío Novas Santaclara e Salvador Santos Piñeiro de 5ºB recibiron cadansúa mención especial. Ademais a Ilustración de Salva foi escollida como deseño da X Campaña de Educación non Sexista do ano 2016, pola imaxinación creativa e o colorido da súa obra. Ollade os traballos presentados. 


 
 
 
 
Noraboa a todos e todas!
 

 VISITA ESPECIAL
 
Ademais, ese mesmo día, tivemos a sorte de recibir no Bibliocastelo a dúas mulleres moi especiais : Maricarme, a avoa de Noa e Cachito, a avoa de Ari. Contáronlles aos nenos e nenas de 4ºA como dende moi xovenciñas tiveron que compaxinar o traballo na casa co traballo fóra dela.
A avoa de Noa traballa na oficina de correos de Bueu e a avoa de Ari nun centro de saúde de Pontevedra.
Uns días máis tarde, visitounos a avoa de María, que actualmente traballa nun hotel de Cangas.
Se queres saber algo máis da visita destas mulleres traballadoras, preme na seguinte imaxe.   
 
http://segundocicloapedra.blogspot.com.es/2016/03/8-de-marzo-dia-da-muller-traballadora.html
 
 Moitas grazas, foi un pracer compartir un anaquiño de tempo con vós.
 

xoves, 3 de marzo de 2016

PRESENTACIÓN DO LIBRO "A nenez galega a través dos anteollos de Castelao"


O luns rematamos este febrero bisiesto cun broche especial. Tivemos a fortuna de asistir á presentación dun magnífico traballo titulado : "A nenez galega a través dos anteollos de Castelao". Trátase dun proxecto interdisciplinar que nos permite descubrir a través das viñetas de Castelao a crúa realidade dos nenos e nenas galegos de principios do século XX, situación que se prolongou durante moitos anos.

Os seus autores, Óscar Rodríguez e Diana Vilas, son ademáis docentes, concretamente el imparte clases de xeografía e historia no IES Illa de Ons; motivo polo cal o contido da obra é en realidade unha unidade didáctica para ser aplicada nas aulas de ensino secundario. Contaron ademais con colaboracións especiais como a de Manuel Rodríguez (pai de Óscar e mestre xubilado) así como a do Gabinete didáctico do Museo de Pontevedra.

Temos que destacar que esta non  é  a primeira publicación destes autores, contan xa con outras relacionadas co ensino da historia e da arte a través das TICs. De feito esta obra sería a segunda parte dun traballo editado o ano anterior baixo o epígrafe de "Cousas de nenos". Ambas as dúas producións contaron coa subvención da Deputación Provincial de Pontevedra.

Co gallo da presentación do libro, tiveron a deferencia de agasallar  o noso Bibliocastelo cun exemplar e malia estar pensado para alumnos/as de secundaria, parécenos tan interesante que non queremos deixar pasar a oportunidade de tratar de desenvolver, cando menos aquelas actividades que se poidan adecuar ao noso nivel.
A presentación tivo lugar no Centro Social do Mar de Bueu.


 
               Foi un pracer descubrir este tesouro. MOITAS GRAZAS.

xoves, 18 de febreiro de 2016

GALLETAS ESPACIAIS

O pasado luns tivemos unha doce sorpresa, Isaac de 4ºB agasallounos cunhas deliciosas galletas espaciais que fixera na casa coa súa familia. Había estrelas, lúas, soles e ata diversos planetas.


Moitas grazas Isaac, estaban boísimas!
A súa nai tivo a amabilidade de compartir con todos/as nós a receita. Aquí a deixamos para quen queira poñerse coas mans na masa.

Boa sorte, que saían ben e bo proveito!

martes, 9 de febreiro de 2016

ENTROIDO ESPACIAL

Este ano tivemos un entroido espacial. O colexio encheuse de alieníxenas, lúas, estrelas, planetas do sistema solar e ata os personaxes de Star Wars viñeron visitarnos.

Despois de moito traballo, por fin chegou o gran día do desfile. Unha vez disfrazados percorremos as rúas de Bueu, enchéndoas de colorido, música e diversión. E como non...a cabeza do mesmo ía a nosa mascota Papirus co seu escafandro. Como xa sabedes, anda viaxando polo espazo, pero menos mal que nos fixo unha visita e nos acompañou neste día tan especial.

Os máis pequerrechos de tres, catro e cinco anos ían guapísimos cos seus traxes representando o sistema solar.



Ata tiñan unha carroza cun foguete chulísimo!

Os nenos e nenas de primeiro levaban un fermoso ceo estrelado


As fases da lúa: lúas cheas e menguantes foron os rapaces e rapazas de segundo.



O alumnado do segundo ciclo converteuse en alieníxenas de cores. Había unha gran variedade : cun ollo, con tres ollos. . .




E pechando o desfile a rapazallada do terceiro ciclo, que ían nada máis nin nada menos, que dos protagonistas da famosa peli : STAR WARS. Había varios Darth Vader. 


 
Tamén varias Princesas Leia.


Non podían faltar os Luke SkywalKer.

 

E algúns robot R2D2.


Tamén nos acompañou no desfile o grupo de gaitas Manxadoira. Moitas grazas!

 
E un . . . astronauta ! ? 


Cando chegamos a Praza do Concello, cada grupo cantou a súa cantiga. Se queres ler as letras das cancións preme na imaxe.


E para rematar, como en toda boa festa de Entroido, non podían faltar as filloas, as orellas, as chulas e outras lambetadas típicas desta festa. Estaba todo riquísimo! 

sábado, 30 de xaneiro de 2016

DÍA DA PAZ

Hoxe celébrase o Día da Paz. Nós xa o festexamos onte no cole, despois do recreo. Saímos tod@s ao patio. Primeiro, por cursos fomos lendo algunha das noticias, palabras e mensaxes que estivemos recollendo e elaborando ao longo de todo o mes. 








Despois cantamos e bailamos dúas cancións, unha en galego : Baile da Paz de Mamá Cabra ; e unha en inglés : Kid´s  peace song




Para rematar a celebración soltamos dúas pombas.

ANIMACIÓN Á LECTURA
Pero isto non foi todo. Durante  o mes de xaneiro levamos a cabo unha actividade de animación á lectura relacionada con esta data : O homiño de papel.
Todo comezou un día que chegamos ao Bibliocastelo e atopamos unha caixa verde na alfombra.


Abrímola con moita ilusión! O primeiro que atopamos foi unha carta da nosa mascota, Papirus. Nela explícanos  que esta caixa é o seu agasallo. Pídenos que axudemos ao homiño de papel.



Dentro da caixa, tal como nos conta Papirus na carta,  había un libro que narra a historia dun homiño que atopou viaxando polo espazo. Este é o libro:




Tamén había un homiño branco!!!
Lemos o libro, gustounos moitísimo! Decidimos axudalo, tal como nos pedía . Entón, ao longo de todo o mes  adicámonos a recoller noticias que falasen de solidaridade, de axuda aos demais ... Tamén escribimos palabras fermosas de cores, mensaxes de Paz e con todo isto enchemos ao homiño de papel, para que así se sentise de novo feliz. Todo este traballo, no que participou todo o cole, plasmámolo nun mural que colocamos na entrada do mesmo.  





Algúns titulares das noticias recompiladas :
" Un corte de pelo solidario"
"Escolares e enfermos de Alzheimer comparten lembranzas no MARCO"
"Máis de dous millóns de heroes doan sangue en España"
"Nace na Estación Internacional a primeira flor cultivada no espazo"


Realizamos un gran traballo do que nos sentimos moi orgullosos. En agradacemento, o homiño fíxonos un agasallo, deixounos mirar dentro da caixa verde. Agardábanos unha sorpresa, había alguén moi, pero que moi importante. A persoa máis valiosa e importante do mundo. Sabedes quen é? Ollade as fotos !!    







Xa sabedes quen é, non si? A persoa máis importante do mundo e de todo o Universo, é cada un de nós. O homiño ensinounos unha fermosa lección de amor e paz :
Para poder amar, respectar e valorar aos demais, primeiro temos que querernos e aceptarnos a nós mesmos. TODOS SOMOS IGUAL DE IMPORTANTES!!