sábado, 8 de maio de 2010

XABIER P. DOCAMPO

O mércores 5 de maio tivemos o privilexio de contar coa presenza de Xabier P. Docampo na nosa biblioteca. Veu para estar cos nenos e nenas do 2º e 3º ciclo que xa o coñecían porque leran os seus libros. Contounos moitas cousas interesantes sobre el e os seus contos e fíxonos pasar un tempo moi divertido. Os nenos/as fixéronlle moitas preguntas ás que el respondeu con moita simpatía e sentido do humor.

Falounos da súa infancia humilde, o seu pai era muiñeiro e a súa nai costureira e o que máis abundaba na súa casa era fame.

Cando eras pequeno xa querías ser escritor?
Cando era neno levábanme á Alameda de Lugo a escoitar a Banda de Música Municipal e por aquela época quería ser director de orquesta.

A que idade empezaches a escribir?
Con 11 anos a causa do meu ingreso nun terrible internado onde me trataron moi mal e a forma de xogar e ser féliz era inventar historias e darllas a ler aos compañeiros.

Contounos que calquera cousa pode servirnos de punto de partida para escribir unha historia. "Cada texto que escribimos habémolo redactar como un borrador para retomalo despois, correxilo e reformalo".

Dixonos que se é escritor cando as historias che nacen de dentro, que a súa inspiración xurde das cousas que pasan na vida, do cotiá "Levántome todas as mañás de mala gana, coma todo o mundo, sento a traballar e doulle voltas á cabeza porque a inspiración só se queda comigo cando me atopa traballando"


Canto tempo tardaches en escribir O pazo baleiro?
Levoume uns 13 ou 14 meses: nunha primeira volta escribín todo de corrido ata rematar a historia, na segunda volta revisei o escrito e na terceira busquei a música das palabras.

Son reais os personaxes?
Todo o que sucede nos libros existe nos dous sitios máis importantes, na cabeza do escritor e na do lector. Todo o que está nos libros é real mentres estás lendo.


Con que personaxe te identificas máis?
Os dous personaxes que teñen moito de min mesmo no libro son Nicolás e Delio por iso me reflexo neles.

Por que escribes libros de misterio?
Porque me gusta o misterio porque sempre hai que facerse preguntas e buscar respostas. As respostas que xa se saben non importan...

Son reais Eiravella e o pazo?
Eiravella está na miña imaxinación e respecto do pazo... crieime ao lado dun pazo aínda que nunca entrei nel por iso me parecía moi misterioso, onde si entrei moitas veces foi na casa dos caseiros do pazo.

Cales son os teus escritores preferidos?
Teño moitos favoritos pero recoméndovos a Robert Louis Stevenson coa súa maravillosa novela "A illa do tesouro" e se me preguntas por outro, Alvaro Cunqueiro porque todo o fixo ben.

A que libro lle tes máis cariño?
Cada pai quere a cada fillo, cos libros pasa igual. As veces quereselle máis ao último, porque parece máis feble, máis desprotexido.

Escribiches algunha vez un cómic?
Escribín o guión dun cómic hai tempo para a revista "Golfiños" co ilustrador Covas, sempre traballo con este ilustrador.

Como consegues que o lector se meta dentro do personaxe?
Se algunha vez o consigo será escribindo con moita paixón. Non quero escribir ningún libro que non me guste escribir, e teño a sorte de poder facelo así.

Cantos libros tes publicados?
Arredor de 30, pero iso non me interesa, non me importa o proceso posterior á redacción do libro, porque o que de verdade me gusta é escribir. O primeiro libro que publiquei foi O misterio das badaladas pero xa levaba un tempo escribindo e tiña 3 libros escritos.

Non lle interesa o éxito, impórtalle que as persoas que len os seus libros se cheguen a emocionar con eles "Non me avergonzo de ningún dos libros que escribín, do que si estou orgulloso é dos libros que lin"comenta parafraseando a Borges.
Considérase afortunado por ter o privilexio de crear mundos e personaxes.


Moitas grazas pola túa visita Xabier.

Ningún comentario:

Publicar un comentario