Hoxe tivo lugar no salón de plenos do Concello, a presentación en rolda de prensa, dunha serie de actividades que se van desenvolver ao longo dos meses de setembro e outubro na nosa vila para conmemorar o 70 aniversario dos Dereitos Humanos.
O artífice desta fermosa e interesante iniciativa é o recoñecido pintor e escultor Cristóbal Gabarrón, que dende fai anos garda un especial vínculo con Bueu e que traballa coas Nacións Unidas. Escolleu a nosa vila para realizar un obradoiro de pintura titulado "Ruta polos Dereitos Humanos". Cabe sinalar que este obradoiro é o primeiro que se vai levar a cabo en toda España e o terceiro que se realiza a nivel europeo (Bruselas e Xenebra son as dúas cidades nas que xa se realizou). O obxectivo do mesmo é sensibilizar aos nenos e nenas sobre a importancia dos Dereitos Humanos e darlles visibilidade nos espazos máis simbólicos do concello para que así cheguen a toda a poboación. Realizarase o 29 de setembro no Estaleiro da Banda do Río e estará dirixido por Gabarrón que contará coa axuda de monitores especializados en artes plásticas. Está previsto que participen 200 nenos e nenas de entre 4 e 14 anos de idade de todo o municipio. Os temas das obras serán: o dereito humano que considera importante defender, unha persoa á que se admira polos seus esforzos en prol dos Dereitos Humanos e a maneira en que o neno ou nena pode defender estes dereitos. As obras que se realicen serán expostas en diferentes espazos do Concello: Museo Massó, Capela dos Santos Reis, Praza de Abastos...
Ademais unha selección destes traballos participará no Concurso Internacional de Debuxo "Nenos polos Dereitos Humanos", que organiza a Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas, o Servizo de Información das Nacións Unidas en Xenebra e a Fundación Gabarrón. Dende aquí convidámosvos a participar!
A este acto de presentación asistiron Félix Juncal, Alcalde da vila, Xosé Leal, concelleiro de cultura e deputado provincial, Macu Rodríguez, concelleira de infancia e mocidade, Óscar Veiga e Carmen Santos, da Asociación Veciñal da Banda do Río, o párroco José López , o artista Cristóbal Gabarrón e o seu fillo, tamén presidente da fundación que leva o seu nome.
Dende o Bibliocastelo queremos dar as grazas a Gabarrón por escoller a nosa vila para levar a cabo esta marabillosa iniciativa e por convidar a todos os centros educativos a participar nela.
Se queredes máis información premede no seguinte enlace :
Preme no seguinte enlace para saber un poco maís sobre o artista Gabarrón e a súa Fundación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario