luns, 12 de abril de 2021

MALETA LITERARIA: CONTOS PARA UN PLANETA


       
Ola amiguiñxs:
Hoxe teño que contarvos unha noticia moi interesante. Ao longo deste mes imos desfrutar dunha maleta literaria moi especial Contos para un planeta, que nos cedeu en empréstito o CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia). 
Esta maleta é unha colección de contos para achegarse á natureza a través da literatura. Trátase dunha selección de libros motivadores para a educación ambiental e tamén para a animación á lectura, para imaxinar, divertirse e emocionarse coas súas personaxes e historias. Con esta maleta coñeceremos criaturas e seres increibles, que son imprescindibles para a vida na Terra e descubriremos mundos máxicos, que están máis preto do que imaxinamos. Aprenderemos a relacionarnos co mundo que nos rodea., porque a lectura pode ser unha ferramenta marabillosa para conectar coa natureza e concienciarnos da necesidade de realizar accións na procura dun mundo mellor.
Xa sabedes que estamos moi comprometidos co noso planeta e que o tema do proxecto deste curso son os ODS. Pois estes libros van a axudarnos a reflexionar e tomar decisións axeitadas que nos axuden a acadalos. 



Esta maleta vai viaxar ao longo de todo o mes por todas as aulas do cole, dende infantil ata 4º de primaria para que poidades gozar das súas lecturas e reflexionar sobre a información tan importante que nos achegan. Se queredes ver un resumo dos libros que forman parte da mesma, premede na seguinte imaxe!


Espero e desexo que vos gusten moito os libros e que lles saquedes proveito.

Biquiños




Ningún comentario:

Publicar un comentario